23/03/2011

Debate nuclear si, mais sen cartas marcadas.

Isaac Rosa. Artigo tirado de aquí e traducido por nós para o galego-portugués.



“El debate nuclear debe centrarse exclusivamente en la mejora de la seguridad, y ha de ser un debate científico, no ideológico”  Rosa Díez, deputada de UPyD.
Visto o desastre de Fukushima, e xa que o mergullo tipo Palomares fronte á central accidentada terá que esperar, os pronucleares resígnanse a abrir un debate. Iso si, non un debate sen tento, senón un responsábel, científico, sen prexuízos ideolóxicos nin demagoxia, como repiten estes días.

Traduzamos: "responsábel" quere dicir que non cuestione o modelo enerxético e de desenvolvemento actual; "científico" significa que opinen os expertos pronucleares habituais -tamén hai expertos antinucleares, mais vese que non son tan científicos-; "sen prexuízos ideolóxicos" é unha forma de fechar o debate antes de empezalo, é dicir, discutamos de seguridade pero só de seguridade, partindo de que a nuclear é irrenunciábel e "sen demagoxia" está a pedirnos que debatamos sen ter en conta o sucedido.

En definitiva: dinnos "vale, xogamos, mais eu poño as regras, e traio a miña baralla". Pois non, ouzan: así non xogamos. De entrada, as súas regras son arteiras: limitan o debate á mellora da seguridade nas centrais, e ademais reducen todo a un problema técnico, científico, coma se a enerxía nuclear non fose unha decisión política, senón só técnica.

Porén amais, a baralla xa a coñecemos, e ten cartas marcadas. Non tragamos cos mesmos argumentos de sempre sobre que a atómica é moi segura (xa se ve en Xapón), barata (nunca inclúen no cálculo a eventualidade dunha catástrofe nin os problemáticos residuos) e de risco mínimo (vista a dimensión do accidente, calquera risco é máximo por mínimo que pareza).

Mais sobre todo, non queremos ver sobre a mesa a carta máis arteira, o comodín con que adoitan gañar a partida: o que di que a enerxía nuclear é insubstituíbel, dando por feito que temos unhas necesidades enerxéticas naturais, intrínsecas ao xénero humano, que só poden crecer e nunca minguar.

Pois non, ouzan: non queremos debater sobre enerxía nuclear, non só. Queremos debater sobre enerxía, sobre o modelo de desenvolvemento e as súas insustentábeis esixencias. A partida que queremos xogar é outra.

Nenhum comentário: