24/03/2011

A rede de ‘galescolas’ privadas prevé ter 20 centros asociados no vindeiro curso

Nova tirada de aquí. Non entaremos agora no debate sobre a necesidade de escolas privadas, aínda uqe de de facerse hai que considerar o precedente das ikastolas en Euskal Herria. Con todo, sempre se debe pular por unha rede de educación pública. Sempre e cando non haxa unha brigada de demolición e limpeza étnica á frente do país.

http://www.xornal.com/media/images//galicia/20090911/2009091123155875751.jpg

As galescolas privadas aséntanse. Agora que a Xunta anuncia a apertura do período de prematrícula nas garderías públicas para o vindeiro curso, a rede de escolas infantís en lingua galega colle forma. Tanta, que a comisión impulsora da asociación Galiza co Galego (GcG) agarda contar con entre quince e vinte centros asociados xa no vindeiro curso 2011-12.

“A cousa vai moi ben e, aínda que non é doado, estamos moi satisfeitos coa resposta da xente”, di Francisco de Limiar, membro da comisión promotora. O obxectivo máis ambicioso é sumar 3.000 apoios, cada un dos cales comprométese a achegar entre 100 e 200 euros “dunha soa vez” para “facer viable” un proxecto que pretende “dar a posibilidade aos pais de educar aos seus fillos na lingua propia de Galicia”. Na actualidade, GcG conta con 2.428 apoios que, no caso de que achegaran cadanseus 125 euros, alcanzarían xa os 300.000 euros, cantidade que sería máis que suficiente, segundo a comisión, para poñer a rede en marcha.

“O obxectivo é viable, moi viable; xa nos temos reunidos con 25 escolas infantís e a maioría están dispostas a unirse á rede sempre que os pais o demanden”, explica De Limiar, que forma parte do grupo territorial de Ferrol da comisión, que pronto terá outro na zona de Vigo.

A finalidade da comisión promotora de GcG non é outra que “conformar unha rede de ensino” que garanta a posibilidade dunha educación vehicular en galego para os nenos de 0 a 3 anos, algo que xa facilitaban as galescolas durante o Goberno bipartito, pero que quedou imposibilitado co novo Executivo do PP.

O que parecía imposible hai uns meses é xa unha realidade e o primeiro paso darase a partir do vindeiro curso. “A situación cambiou e a xente non dá atopado escolas infantís en galego; nós o que intentamos é facilitarlles un listado, unha pre-rede de centros que se comprometan a asumir o proxecto educativo”, recorda De Limiar.

Porque GcG conta xa cun proxecto educativo marco elaborado en colaboración coa AS-PG e Nova Escola Galega e o apoio tamén de sindicatos educativos ou da Unión das Cooperativas de Ensino. Neste primeiro curso, GcG pretende crear o “xermolo”, unha rede de escolas asociadas que asuman o seu proxecto educativo e garantan unha educación “en valores, laica e co galego como lingua vehicular”. Sen nome común, pero con proxecto común para todos. En 2012 chegaría “a consolidación”.

Pero hai outra opción no caso daqueles lugares onde non haxa centros infantís ou onde as garderías non decidan unirse á rede: a creación de cooperativas, que contarían “co apoio inicial de GcG, pero que pasarían a ser independentes en canto se consolidasen”.

Desde GcG insisten en que o futuro desta Rede Popular Galega de Escolas Infantís –que así será o nome oficial– “dependerá sempre dos pais”. “Se eles queren unha educación en galego, nós prestarémoslle todo o apoio posible para arrincar, pero en canto estean funcionando, xa non faremos falta”, insiste De Limiar. Nese caso, a busca de apoios económicos e subvencións por parte da rede será fundamental.

As expectativas son moi positivas, malia a precaria situación económica dalgunhas escolas. É aí onde o apoio de GcG cobra relevancia, xa que podería incluso axudar na viabilidade dalgúns centros.
Os 300.000 euros que xa ten asegurados o proxecto son, en realidade, “un aval”, tal e como explica Francisco de Limiar. “Son unha garantía, pero non terían nin por que ser empregados, senón que asegurarían a continuidade do proxecto”, explica. De feito, calquera que apoie a iniciativa achegará os cartos “dunha soa vez” e recuperaraos “se decide marchar”.

Entre os apoios, inclúense pais interesados 
nunha educación en galego para os seus cativos, pero a maioría son persoas anónimas que colaboran desinteresadamente cunha iniciativa “que asegure o dereito fundamental de educar os pícaros na lingua propia”.

O vindeiro 17 de maio, a comisión disolverase para constituírse en asociación e formar a rede dunhas escolas que acabarán tendo nome propio, “pero que non se chamarán galescolas”.Se se cumpren as previsións, as cidades galegas e moitas outras vilas terán polo menos unha opción para educar os seus pequenos en galego.

Nenhum comentário: