10/03/2011

Esquerda = Solidariedade

José Luis de Zárraga. Artigo tirado de aquí.

http://www.blogoteca.com/upload/bit/arti/1617-37276-a-sempre-abril-sempre.png

"Liberdade, igualdade, fraternidade", o lema que acuñou Robespierre, foi desde o principio unha fórmula coxa. Xa durante o Termidor, xunto á cabeza daquel, amputouse o lema a súa terceira pata contrafeita, aínda que logo a recuperara a República a efectos retóricos. A súa coxeira de nacemento explica que o termo "fraternidade" se evaporara na historia, quedando da tríada orixinal só a parella "liberdade-igualdade".

Por que é coxo o lema revolucionario? Pola heteroxeneidade dos seus termos. En cada termo habería que pensar o efecto político -a norma, a acción- e o fundamento ideolóxico -o argumento, o discurso-. Liberdade e igualdade denotan o efecto político; fraternidade, o fundamento ideolóxico. Liberdade remite ás liberdades civís; igualdade, aos dereitos universais; pero ao que remite fraternidade queda oculto, o termo non o fai explícito (máis ben escóndeo coa súa enganosa transparencia).

As liberdades civís son un efecto político -efecto na constitución da sociedade-; o seu fundamento está no recoñecemento da igualdade das persoas: se todas as persoas son iguais, ningunha pode impor ás demais a súa vontade, todas son libres e só o compromiso social libremente adoptado obrígaas. Así mesmo, a universalidade de dereitos é tamén efecto político do principio igualitario: o seu efecto nas condicións de vida social, os dereitos que, por ser iguais, recoñece a sociedade a todos.

"Os seres humanos nacen libres e iguais" é unha fórmula equívoca que remite o que é político á natureza. Non se nace libre; nin escravo. A liberdade é unha consecuencia política da igualdade. O fundamento da Declaración de Dereitos e Liberdades é o recoñecemento da igualdade. E esa é a revolución radical, a mutación histórica de 1789, que cambia de raíz a constitución da sociedade e representa a ruptura con calquera outra sociedade anterior, constituídas sempre sobre o principio de desigualdade.

No entanto,  a igualdade como fundamento é tamén unha afirmación ideolóxica, non unha constatación obxectiva. Non é certo que os seres humanos nazan iguais (nin en sexo, nin en raza, nin en condicións físicas...), aínda que para a sociedade sexan iguais desde o seu nacemento. A súa igualdade é unha asunción ideolóxica que pasa por borrar a pertinencia social daquilo que a diferenza e de afirmar a identidade e equivalencia de todo ser humano en canto membro da sociedade. A igualdade fundamental é producida pola sociedade que se funda sobre ela.

"Fraternidade" é a pata do lema revolucionario que coxea, porque mentres que "liberdade" e "igualdade" falan dos seus efectos políticos, as liberdades e os dereitos universais, "fraternidade" queda en expresión ideolóxica, moi controvertíbel ademais. Pronto a nova sociedade, baixo a hexemonía burguesa, prescindiu dela para consolidar a díada que parece camiñar firmemente sobre os seus dous pés.

Ese terceiro termo amputado nas nosas democracias é con todo fundamental porque é o que define a esquerda. Hai que restaurar a tríada mutilada, dando á súa pata colla o que lle falta: o termo que exprese os efectos políticos aos que remite. Fíxose en 1848, e en 1871, na Comuna de París, e nas Internacionais. Os efectos políticos do emblema ideolóxico da fraternidade exprésanse co termo "solidariedade". A ideoloxía da fraternidade é o fundamento dunha sociedade constituída sobre o principio da solidariedade: a sociedade comunista -no sentido orixinario-, a sociedade da comunidade de bens, organizada sobre o principio do ben común (en oposición radical á sociedade da competencia, do interese privado ou da caste ou a clase social).

A "fraternidade" fúndase tamén no recoñecemento da igualdade. A relación con ese fundamento é metafórica: todas as persoas, ao recoñecerse iguais, son como irmás. Diso séguese a solidariedade como principio social constitutivo: solidariedade entre os membros da sociedade na distribución de cargas e bens.

Ao nomeala "fraternidade", non debe confundirse a solidariedade coa caridade nin coa compaixón. Caridade e compaixón son sentimentos que non remiten á organización da sociedade ou ao sistema económico, nin os cuestionan, senón ás relacións entre as persoas. O capitalismo máis insolidario pode pretenderse compasivo. A caridade co irmán pode compatibilizarse coa explotación económica. É certo que, a algúns cristiáns, quizais máis fieis ao espírito do seu profeta, o amor ao próximo pode levarlles á solidariedade. Pero esa é outra cuestión: a de que leva á xente a posicións de esquerdas. A esquerda non se define pola caridade, aínda que esta poida levar a alguén á esquerda.

Por esta identidade esencial entre a idea de esquerda e a solidariedade, un partido de esquerdas non pode asumir sen contradición o sistema capitalista, cuxo fundamento está na competencia individual polo máximo beneficio, senón que ha de aspirar a cambialo, a instituir o beneficio público e o benestar común como principio reitor da organización social. O fracaso da experiencia comunista -ou máis ben a súa derrota- levou a moitos que continúan chamándose socialistas a asumir o sistema capitalista como única alternativa e a renunciar, non xa ao marxismo, senón tamén ao socialismo, é dicir, á idea dunha sociedade gobernada pola solidariedade, que é o que define á esquerda.

Nenhum comentário: