10/03/2011

Manifestacións en Ferrol e Vigo o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, contra o pacto económico e social

Artigo tirado de aquí.

A CIG presentou este luns os actos que vai desenvolver con motivo da conmemoración o vindeiro xoves do “10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega”, data na que se lembra o asasinato a mans da policía de Amador Rei e Daniel Niebla, operarios da antiga Bazán, no ano 1972. As manifestacións desenvolveranse en Ferrol e Vigo, nesta ocasión nucleadas en contra do pacto económico e social asinado en Madrid polo goberno, a patronal e CCOO e UGT, e nomeadamente contra da reforma das pensións e a negociación colectiva. A Confederación outorgou carácter nacional á marcha de Ferrol, que sairá ás 20:00 horas dende a Avenida do Esteiro (diante dos locais do sindicato), mentres que a mobilización de Vigo partirá da Vía Norte á mesma hora.
O Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, denunciou en rolda de prensa o carácter regresivo dun “gran pacto” no que unicamente se teñen contemplado aqueles intereses do gran capital, mais non se abordaron medidas que puidesen encamiñar unha saída á crise positiva para a maioría social. Seixo lembrou que o mércores, 9 de marzo, o Consello Económico e Social (CES) debaterá o anteproxecto de lei presentado polo goberno español para a reforma do sistema público de pensións. Nese debate a CIG, como parte integrante do Consello, manifestará a firme oposición ao contido do proxecto.
A este respecto, Seixo referiu algún dos datos recollidos na memoria económica do anteproxecto de lei que revelan que arredor do 50% dos traballadores e traballadoras que se xubilan aos 65 anos teñen cotizados 38.5 anos, mentres que o 50% restante terá que agardar até os 67 anos para acceder á pensión. Non obstante, as previsións do propio goberno adiantan que pola tendencia a incorporarse máis tarde ao mercado laboral e pola precarización do mesmo, esta porcentaxe irá diminuíndo de cara ao futuro. Estas taxas redúcense no caso das mulleres, xa que pouco máis do 20% das traballadoras ten cotizado 38.5 anos ao cumpriren os 65 anos.
No caso da base reguladora, a memoria apunta que incrementar de 15 a 20 os anos para o seu cálculo supón unha redución do gasto en pensións do 5.38% (cantidade que perderán as pensións futuras). Se o cálculo da base reguladora se fai aos 25 anos, tal e como se pretende, a caída das pensións chegará até o 10%. Para as mulleres, que ocupan o 80% dos contratos a tempo parcial e padecen unha elevada taxa de temporalidade, esta mudanza carrexará maiores prexuízos, xa que todos os períodos non cotizados terán como referencia a base mínima de cotización durante os 24 primeiros meses e, a partir de aí, o 50% da base mínima.
Centralización da negociación colectiva
Outro dos aspectos que a central nacionalista quere subliñar neste 10 de Marzo refírese á mudanza na estrutura da negociación colectiva, que nestes momentos están a debater as centrais estatais e a patronal. Ambas organizacións teñen concibido a reforma no horizonte de avanzar cara a unha maior centralización da negociación colectiva, tentando que desaparezan os convenios de carácter provincial e creando convenios marco de mínimos, que logo deberán ser mellorados no ámbito das empresas.  Nun escenario como o galego, no que o 90% das empresas non chegan aos 6 traballadores/as,  o número de centros nos que realmente se poderían acadar melloras no convenio sería mínimo.
“Se conseguen impor este modelo, significará, na práctica, un debilitamento enorme da clase traballadora e unha caída das condicións laborais e salariais”, alertou Seixo. Este sistema interésalle a patronal, por canto sabe que atrás da reforma virá unha precarización do mercado laboral, pero tamén interesa ás dúas grandes centrais sindicais estatais por canto permitirá monopolizar a negociación colectiva no ámbito do estado e restará peso as organizacións sindicais “máis molestas”, como a CIG.
“Concretar estas reformas suporía pechar o círculo da centralización estatal: por un lado un poder económico cada vez máis concentrado nas grandes oligarquías financeiras; a nivel político o goberno español, coas últimas leis adoptadas, está recortando a capacidade de decisión e goberno das Autonomías; e agora pretenden centralizar a negociación colectiva a través a supresión ou limitación do contido dos convenios provinciais”, advertiu. Por iso, Seixo defendeu a necesidade de reforzar o marco propio de negociación, xa que é neste ámbito onde os traballadores e traballadoras teñen verdadeira capacidade de participación e decisión sobre o que se negocia.
Manifestación en Madrid
Fronte a estes ataques, e seguindo a campaña de mobilizacións que a CIG vén desenvolvendo, o Secretario Xeral adiantou que durante a primeira semana de abril a Confederación Intersindical Galega, conxuntamente cos sindicatos vascos, organizará unha manifestación de delegados e delegadas en Madrid en contra da reforma da pensións, que daquela debería estar a debate en Comisión, e da negociación colectiva.
Entrega do Premio 10 de Marzo
Como vén sendo habitual, a CIG ten organizado para este mércores, 9 de marzo, o acto de entrega do Premio 10 de Marzo, co que a central nacionalista quere recoñecer aquela loita que durante o ano anterior tivo maior relevancia, tanto polo contido do conflito como polo tipo de sindicalismo que representa. 

Nenhum comentário: