Resulta conmovedora e moi fermosa a fotografía na que Stéphane Hessel e José Luis Sampedro se saúdan colléndose fraternalmente das dúas mans.

O Sampedro prologuista di que Indignádevos é "un grito, un toque de clarín que interrumpe el tráfico callejero y obliga a levantar la vista a los reunidos en la plaza". E Hessel, irmán de Sampedro no pensamento cívico e na activa esperanza revolucionaria, presenta o seu libro solicitando que exercitemos a nosa capacidade de indignación, a nosa capacidade de reacción fronte a un mundo que ten cada vez máis pobres, no que non se respectan os dereitos dos cidadáns e no que as garantías en temas de saúde, traballo e educación son cada vez menores. Hessel di que se caeu o Muro de Berlín tamén pode caer o sistema capitalista financeiro e Sampedro pide que a indignación, necesaria e urxente, se produza sen violencia, unha vía de insurrección pacífica semellante á que levaron a cabo figuras como Mandela, Martin Luther King ou o propio Gandhi, asasinado en 1948, o mesmo ano no que Sthéfane Hessel participaba na redacción da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Hessel e Sampedro xuntos, tal como os vemos na fotografía -dúas frontes lúcidas e a tensión feliz da irmandade- son unha lección inesquecíbel para todos.
Nenhum comentário:
Postar um comentário