O colectivo dos menores de idade son dun interese especial para min xa que levo 10 anos da miña vida laboral (é dicir, o total dela) adicados a este colectivo. Moi poucas son as referencias teóricas bibliográficas que axuden a discernir o grao de implicación deste colectivo na construción da estrutura social, sempre considerados como axentes pasivos de políticas sociais e/ou pseudo-culturais/educativas.
Mais o que é ben certo é que son (os menores como colectivo) un suxeito autónomo dentro das sociedades, aínda que politicamente non poden selo (non poden votar) son titulares de dereitos civís, económicos, sociais e culturais e tamén participan na comunidade política organizada.
O/A menor ten unha serie de dereitos como cidadá/n que poden favorecer o exercicio da súa autonomía persoal e facilitar a súa participación social, no campo no que traballo, no da protección das/os menores, pola súa idade e capacidade isto resulta moi relevante, xa que vai unido ao dereito á información e formación que coma cidadáns deben ter.
Os menores de idade de forma habitual son considerados beneficiarios (pasivos) de políticas sociais, como dixemos antes, mais en moi poucas ocasións a súa capacidade social –que non xurídica- (innegábel) é atendida para mellorar os servizos que se lles brindan, desde o lecer até as medidas máis inmediatas ao atender as súas necesidades básicas de protección. As aspiracións inseridas na coñecida “democracia participativa” debería atender de forma especial as orixinadas por este colectivo, sobre todo na organización metodolóxica para recoller as súas demandas.
Porque hai circunstancias que lles afecta direitamente e non teñen mecanismos próprios para dar resposta, e socialmente adxudícaselle a unha serie de colectivos profesionais velar por estes intereses; mais imos poñer un exemplo práctico para ver o “perverso” desta realidade: a capacidade económica dun Centro de Protección de menores, é dicir un espazo físico onde os menores están tutelados (ou en garda) por parte da administración, onde viven e hai que garantirlles materialmente a vida e a convivencia social (non só). Pois ben, a contía de que a administración dota a cada centro ven determinada polo número de prazas que este ten, cada centro percibe x euros por cada menor, na Galiza esta contía é das máis baixas do Estado, mais a cuestión é quen determina esta contía e quen pode solicitar que esta aumente, agora mesmo acaba de aprobarse, hai uns meses, un novo convenio estatal (isto si é estatal) cunha táboa salarial para os traballadores deste tipo de Centros, pois ben, se as condicións económicas (salariais) das traballadoras é a nível estatal e estes están reclamando xudicialmente un aumento desta táboa, as condicións económicas (servizos sociais) nas que viven os menores son autonómicas e o colectivo dos menores non pode reclamar un aumento delas, nin se quer teñen o dereito a saber cal é esta contía; recalando no colectivo dos profesionais, os mesmos que están loitando agora polo seu salario, a posibilidade de demandar un aumento na contía económica que cada menor e cada centro pode beneficiarse.
E as cousas son, como diría o outro, como son. A dotación dunha educación formal e/ou extraescolar determinada ven condicionada a estes factores económicos, pois cantos menores institucionalizados nun centro de proteción de menores fixeron unha carreira universitaria? Ou foron dotados dunha formación musical (por exemplo) extraescolar e de calidade (nun conservatorio, etc…)? Aventúrome a dicir, desde a miña experiencia laboral que estaríamos moi próximos ao 0% na última década.
Desta forma, a condición de cidadanía dos menores está determinada pola vontade dos posuidores da condición de cidadanía política, é dicir, dos maiores de idade, mais estes non teñen ningún tipo de responsabilidade socio-política de non ser os proxenitores alén de garantir os dereitos básicos de subsistencia, eis por tanto, que a condición de cidadanía dos menores é unha condición de subsistencia da cidadanía até a idade adulta? Pode ser…, mais estamos condicionando un aceso determinado –e determinista- de tal condición, ao non facilitar desde a instancia pública o maior grao posíbel de formación e convivencia social.
Nenhum comentário:
Postar um comentário