14/04/2011

Absurdo e cruel

Paul Krugman. Premio Nóbel de economía en 2008. Artigo tirado de aquí e traducido por nós desde o castelán.

https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEjhsvAnz4Ssi9SpOfsvCTPRUfh7PbQJemWvV8dfKYAvSx1Gyv6_M6dZo8IKOtiNykwZN8wwboRmExP88XgegnML3WrA6TRcscm3XWHT2ioKHe2m6DUAUid8mZaBL2XGgocyxhKbsTDC2zU/s400/artwork_images_116789_408458_james-ensor.jpg
Esta semana, moitos analistas non cabían en si de gozo despois de que os republicanos da Cámara, encabezados polo presidente do Comité de Orzamentos, Paul Ryan, revelasen as súas propostas orzamentarias. Non escatimaron eloxios cara a Ryan, asegurando que o seu plan establece un novo modelo de seriedade fiscal.

Bon, deberían esperar até que as persoas que saben ler os números dos orzamentos tivesen oportunidade de estudar a proposta. Porque resulta que o plan do Partido Republicano non é serio en absoluto. No canto diso, é ridículo e desapiadado á vez.

Até que punto é ridículo? Permítanme enumerar as razóns (ou máis ben algunhas das razóns, porque no plano hai máis disparates dos que me caben nunha columna).

Primeira, os republicanos volveron a recorrer á economía vudú: a afirmación, refutada pola experiencia, de que as rebaixas de impostos se autofinancian.

Máis concretamente, a proposta de Ryan anuncia aos catro ventos os resultados dun prognóstico económico da Fundación Heritage, que afirma que os recortes de impostos do plan propiciarán unha expansión xigantesca. De feito, a fundación predixo inicialmente que o plan do Partido Republicano reduciría a taxa de paro até o 2,8% (unha cifra que non alcanzamos desde a guerra de Corea). Despois das burlas xeneralizadas, a previsión sobre o desemprego desapareceu da páxina web da Fundación Heritage, pero o vudú segue impregnando o resto da análise.

En particular, a premisa orixinal do vudú -a afirmación de que uns impostos máis baixos tradúcense en maiores ingresos- segue estando moi presente. A previsión da Fundación Heritage ten uns grandes recortes de impostos que, en realidade, fan aumentar os ingresos en case 600.000 millóns de dólares durante os próximos 10 anos.

Unha avaliación máis racional por parte da Oficina Orzamentaria do Congreso, un organismo independente, conta unha historia diferente. Mostra que unha grande parte dos supostos aforros debidos aos recortes do gasto non se destinarían a reducir o déficit, senón a pagar as rebaixas de impostos. De feito, a oficina orzamentaria ha visto que, ao longo da próxima década, o plan conduciría a uns déficits maiores e a máis débeda que a lei actual.

E respecto deses recortes do gasto: esquezámonos por un momento da asistencia sanitaria e centrémonos no resto da proposta. Resulta que Ryan e os seus compañeiros están a dar por feito uns recortes drásticos do gasto non sanitario sen explicar o modo en que se supón que estes se producirán.

Até que punto son drásticos? Segundo a oficina orzamentaria, que analizou o plano usando suposicións ditadas polos republicanos da Cámara, a proposta defende unha redución do gasto en partidas que non sexan a Seguridade Social, Medicare e Medicaid -pero entre as que se atopa a Defensa- que iría do 12% do PIB do pasado ano até o 6% do PIB en 2022, e que só representaría o 3,5% do PIB a máis longo prazo.

Esta última cifra é menos do que actualmente gastamos soamente en Defensa; non é moi superior ao gasto federal que había cando Calvin Coolidge era presidente e Estados Unidos, entre outras cousas, só tiña unha diminuta estrutura militar. Como podería levar a cabo unha redución tan drástica da Administración sen paralizar algunhas funcións públicas esenciais? O plano non o di.

E logo está a tan cacarexada proposta de abolir Medicare e substituílo por cupóns que poden usarse para comprar seguros sanitarios privados.

O problema disto é que o mero feito de privatizar Medicare non serve para conter o gasto sanitario. De feito, case seguramente fará que aumente, ao engadir un estrato de intermediarios. Pero o plano da Cámara dá por sentado que podemos recortar o gasto sanitario expresado en forma de porcentaxe do PIB a pesar do envellecemento da poboación e do aumento dos custos sanitarios.

A única forma de que isto suceda é que eses cupóns vallan moito menos que o custo do seguro sanitario. De feito, a Oficina Orzamentaria do Congreso calcula que, cara a 2030, o valor dun cupón só cubriría un terzo do custo dunha póliza de seguro privada equivalente ao Medicare que coñecemos. Así que o plan privaría a moitos, e probablemente á maioría dos maiores, dunha asistencia sanitaria adecuada.

E iso non debería pasar nin pasará. Ryan e os seus compañeiros poden pór por escrito todos os números que queiran, pero os maiores votan. E cando descubran que os seus cupóns sanitarios quedan tremendamente curtos, esixirán e conseguirán cupóns mellores (o que fará que se esfumen os supostos aforros do plano).

En resumo, este plano non é nin remotamente serio; pola contra, é absurdo. E tamén é cruel.

No pasado, Ryan falou moito de face á galería sobre coidar dos necesitados. Pero como sinala o Centro de Prioridades Orzamentarias e Políticas, do catro billóns de recortes do gasto que propón para a próxima década, dous terzos levan a redución de programas que principalmente prestan servizos aos estadounidenses con poucos ingresos. E ao revogar a reforma sanitaria do ano pasado sen substituíla por outra, o plan tamén privaría de seguro sanitario a uns 34 millóns de estadounidenses non anciáns.

Así que os expertos que eloxiaron esta proposta cando se publicou quedaron en evidencia. O plan orzamentario do Partido Republicano non é un intento benintencionado de pór orde na casa fiscal de Estados Unidos; é economía vudú, cunha dose adicional de fantasía e unha grande ración de mezquindade.

Nenhum comentário: