12/04/2011

Polo bo camiño

Alfredo Iglesias Diéguez. Artigo tirado de aquí.

https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEhtQIIamIGVKdRt4mWMsJmR-hWklNDFw_mmnfGf1cALEKrhcjxkzg59eHgmBL7gDRwGR-c4v5qFZNRgWmYWPaWL0MhpNGhmy2Pj8AWZcoKueyTjZK6rtVvynd52gpdrdIMoFCSQ19QgWxQ/s400/conspiracion+del+cerdo.jpg
Adoito, o gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, refírese ás reformas propostas polo goberno socialdemócrata, do que el foi secretario de Estado de Facenda e Orzamentos entre 2004 e 2006, baixo o mandato do ministro Solbes, aducindo que "son insuficientes, pero van polo bo camiño".Ben, teredes que convir comigo en que cando menos resulta contraditorio que alguén poida dicir que unha reforma como a do mercado laboral, aprobada para resolver o problema do desemprego -ou iso nos dixeron dende o goberno e as instancias económicas, políticas, académicas e sindicais que a promoveron, apoiaron ou asinaron-, vaia no bo camiño cando a súa aplicación causa numerosos despedimentos todos os días; lembremos que o último dato do desemprego feito público, o do mes de marzo, é o máis alto de todos cantos se deran en meses anteriores: 4.333.669 persoas estaban desempregadas ao rematar ese mes.

Ora ben, ben visto, quizais non se trate dunha contradición, quizais sexa a expresión dun obxectivo político oculto. Fixémonos nos dous termos que entran na contradición: o primeiro, a esperanza de que as reformas sirvan para crear emprego; o segundo, que malia que non cumpren as expectativas, as reformas van polo bo camiño. Resulta obvio que o primeiro dos dous termos da contradición é manifestamente unha impostura -un engano con aparencia de verdade-: se o goberno quixese crear emprego ten outros medios ao seu alcance -moito máis eficaces ca unha reforma do mercado laboral, por suposto- para facelo, ocórrenseme varios, entre os que o incremento dos cadros de persoal da saúde, o ensino e os servizos sociais para mellorar a calidades deses servizos, é prioritario. Daquela, quédanos o segundo termo da contradición: as reformas van polo bo camiño, pero agora tendo en conta que o obxectivo non é outro que a destrución do emprego ou, en termos máis suaves, adecuar o mercado laboral ás necesidades reais do empresariado hispano, que como ben sabemos basea as súas ganancias na precarización das condicións laborais da clase traballadora.

Así, neste sentido, as palabras do gobernador non son contraditorias, son a manifestación dunha esperanza concreta: a liquidación de calquera mecanismo que poida regular as relacións laborais no mercado laboral, que denominan interferencias no mercado, que son as que provocan os desaxustes con respecto ao modelo ideal, no que cadaquén, actuando libremente, ocuparía o seu lugar na sociedade de acordo coas súas capacidades e habilidades. Ora ben, ese modelo ideal, contra o que -por certo-, se ergueu o movemento obreiro esixindo regulacións que evitasen o grao de explotación a que eran sometidos e sometidas os obreiros e as obreiras no traballo, non trae máis que iso: explotación salvaxe, precariedade laboral, marxinación e exclusión social das persoas desempregadas… e, na outra cara da moeda, altos beneficios empresariais, enriquecemento obsceno do empresariado e os seus aliados de clase
É ese o bo camiño que queremos?.

Nenhum comentário: