Mostrando postagens com marcador Alfredo Iglesias Diéguez. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador Alfredo Iglesias Diéguez. Mostrar todas as postagens

01/06/2011

O triunfo da dereita

Alfredo Iglesias Diéguez. Artigo tirado de aquí.

Membros do Jobbik, partido da extrema dereita húngaro.

Este pasado 27 de maio Altermundo publicaba un artigo de Vicenç Navarro titulado "Non son os mercados financeiros" (aquí), no que argumentaba que se está a xeneralizar dun xeito extremadamente perigoso, pois está a ser asumida pola propia esquerda, unha lectura da realidade económica na que se acepta acriticamente que tanto a crise como as políticas económicas adoptadas por cada estado de xeito autónomo, está determinado pola man invisible dos mercados.


Daquela, onde radica o perigo desa análise? Pois parece fóra de toda dúbida que o goberno español está a facer a política económica que lle ditan os mercados, tanto nacionais como internacionais. Nefeito, sen ir máis lonxe, cantas veces eu mesmo dixen que este goberno estaba secuestrado polos mercados! A resposta é ben sinxela.
A cuestión sobre a que o autor quere chamar a nosa atención cando afirma que unha lectura da realidade realizada neses termos é errónea, non é outra que a de evidenciar que non son os mercados financeiros -aos que estamos a converter en entes abstractos (índices bolsistas, activos financeiros… "papeis que nin sequera son diñeiro, pero dos que se derivan montañas de diñeiro")-, os que están a impor esas políticas económicas, senón a burguesía, unha clase social que controla os mercados financeiros e as actividades económicas, o que lle confire un poder económico real e posúe uns intereses de clase concretos, que, exercendo ese poder de clase en beneficio propio, é quen de someter e controlar os gobernos dos estados. Obviamente, a diferenza entre unha análise e outra non é pequena: no primeiro caso, o que acepta a responsabilidade da crise pertence aos mercados financeiros -case sempre internacionais ou globalizados-, estaremos avocados a admitir que a crise é unha tráxica, pero inevitable, fatalidade, fronte a que non hai alternativa posible; no segundo dos casos, sinalando á burguesía financeira, industrial e de servizos, que se pode identificar en familias (Botín, March, Polanco, Entrecanales…) e individuos (Ortega, Cebrián, Alierta, Pérez…) concretos, como os responsables reais e principais beneficiarios da crise (é certo que moitas pequenas e medianas empresas están a pechar e que moitos autónomos perderon todo o seu capital investido en pequenos negocios, pero ese grupo social está máis preto do proletariado que da burguesía, que está ver como aumenta a súa riqueza con respecto ás rendas do traballo), estamos afirmando que existe a loita de clases, na que a burguesía está a converterse na clase triunfante.

O arrollador triunfo electoral do Partido Popular nas eleccións pasadas do 22 de maio, ao que contribuíron centos de milleiros de votos cativos das clases traballadoras, é o triunfo da burguesía! Velaí a razón pola que o triunfo da dereita vén de lonxe: dende o momento en que a clase traballadora perdeu consciencia dos seus intereses de clase e renunciou a exercer o seu poder de clase dende abaixo e dende a esquerda!

12/04/2011

Polo bo camiño

Alfredo Iglesias Diéguez. Artigo tirado de aquí.

https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEhtQIIamIGVKdRt4mWMsJmR-hWklNDFw_mmnfGf1cALEKrhcjxkzg59eHgmBL7gDRwGR-c4v5qFZNRgWmYWPaWL0MhpNGhmy2Pj8AWZcoKueyTjZK6rtVvynd52gpdrdIMoFCSQ19QgWxQ/s400/conspiracion+del+cerdo.jpg
Adoito, o gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, refírese ás reformas propostas polo goberno socialdemócrata, do que el foi secretario de Estado de Facenda e Orzamentos entre 2004 e 2006, baixo o mandato do ministro Solbes, aducindo que "son insuficientes, pero van polo bo camiño".Ben, teredes que convir comigo en que cando menos resulta contraditorio que alguén poida dicir que unha reforma como a do mercado laboral, aprobada para resolver o problema do desemprego -ou iso nos dixeron dende o goberno e as instancias económicas, políticas, académicas e sindicais que a promoveron, apoiaron ou asinaron-, vaia no bo camiño cando a súa aplicación causa numerosos despedimentos todos os días; lembremos que o último dato do desemprego feito público, o do mes de marzo, é o máis alto de todos cantos se deran en meses anteriores: 4.333.669 persoas estaban desempregadas ao rematar ese mes.

Ora ben, ben visto, quizais non se trate dunha contradición, quizais sexa a expresión dun obxectivo político oculto. Fixémonos nos dous termos que entran na contradición: o primeiro, a esperanza de que as reformas sirvan para crear emprego; o segundo, que malia que non cumpren as expectativas, as reformas van polo bo camiño. Resulta obvio que o primeiro dos dous termos da contradición é manifestamente unha impostura -un engano con aparencia de verdade-: se o goberno quixese crear emprego ten outros medios ao seu alcance -moito máis eficaces ca unha reforma do mercado laboral, por suposto- para facelo, ocórrenseme varios, entre os que o incremento dos cadros de persoal da saúde, o ensino e os servizos sociais para mellorar a calidades deses servizos, é prioritario. Daquela, quédanos o segundo termo da contradición: as reformas van polo bo camiño, pero agora tendo en conta que o obxectivo non é outro que a destrución do emprego ou, en termos máis suaves, adecuar o mercado laboral ás necesidades reais do empresariado hispano, que como ben sabemos basea as súas ganancias na precarización das condicións laborais da clase traballadora.

Así, neste sentido, as palabras do gobernador non son contraditorias, son a manifestación dunha esperanza concreta: a liquidación de calquera mecanismo que poida regular as relacións laborais no mercado laboral, que denominan interferencias no mercado, que son as que provocan os desaxustes con respecto ao modelo ideal, no que cadaquén, actuando libremente, ocuparía o seu lugar na sociedade de acordo coas súas capacidades e habilidades. Ora ben, ese modelo ideal, contra o que -por certo-, se ergueu o movemento obreiro esixindo regulacións que evitasen o grao de explotación a que eran sometidos e sometidas os obreiros e as obreiras no traballo, non trae máis que iso: explotación salvaxe, precariedade laboral, marxinación e exclusión social das persoas desempregadas… e, na outra cara da moeda, altos beneficios empresariais, enriquecemento obsceno do empresariado e os seus aliados de clase…
É ese o bo camiño que queremos?.