Membros do Jobbik, partido da extrema dereita húngaro. |
Este pasado 27 de maio Altermundo publicaba un artigo de Vicenç Navarro titulado "Non son os mercados financeiros" (aquí), no que argumentaba que se está a xeneralizar dun xeito extremadamente perigoso, pois está a ser asumida pola propia esquerda, unha lectura da realidade económica na que se acepta acriticamente que tanto a crise como as políticas económicas adoptadas por cada estado de xeito autónomo, está determinado pola man invisible dos mercados.
Daquela, onde radica o perigo desa análise? Pois parece fóra de toda dúbida que o goberno español está a facer a política económica que lle ditan os mercados, tanto nacionais como internacionais. Nefeito, sen ir máis lonxe, cantas veces eu mesmo dixen que este goberno estaba secuestrado polos mercados! A resposta é ben sinxela.
A cuestión sobre a que o autor quere chamar a nosa atención cando afirma que unha lectura da realidade realizada neses termos é errónea, non é outra que a de evidenciar que non son os mercados financeiros -aos que estamos a converter en entes abstractos (índices bolsistas, activos financeiros… "papeis que nin sequera son diñeiro, pero dos que se derivan montañas de diñeiro")-, os que están a impor esas políticas económicas, senón a burguesía, unha clase social que controla os mercados financeiros e as actividades económicas, o que lle confire un poder económico real e posúe uns intereses de clase concretos, que, exercendo ese poder de clase en beneficio propio, é quen de someter e controlar os gobernos dos estados. Obviamente, a diferenza entre unha análise e outra non é pequena: no primeiro caso, o que acepta a responsabilidade da crise pertence aos mercados financeiros -case sempre internacionais ou globalizados-, estaremos avocados a admitir que a crise é unha tráxica, pero inevitable, fatalidade, fronte a que non hai alternativa posible; no segundo dos casos, sinalando á burguesía financeira, industrial e de servizos, que se pode identificar en familias (Botín, March, Polanco, Entrecanales…) e individuos (Ortega, Cebrián, Alierta, Pérez…) concretos, como os responsables reais e principais beneficiarios da crise (é certo que moitas pequenas e medianas empresas están a pechar e que moitos autónomos perderon todo o seu capital investido en pequenos negocios, pero ese grupo social está máis preto do proletariado que da burguesía, que está ver como aumenta a súa riqueza con respecto ás rendas do traballo), estamos afirmando que existe a loita de clases, na que a burguesía está a converterse na clase triunfante.
O arrollador triunfo electoral do Partido Popular nas eleccións pasadas do 22 de maio, ao que contribuíron centos de milleiros de votos cativos das clases traballadoras, é o triunfo da burguesía! Velaí a razón pola que o triunfo da dereita vén de lonxe: dende o momento en que a clase traballadora perdeu consciencia dos seus intereses de clase e renunciou a exercer o seu poder de clase dende abaixo e dende a esquerda!
Nenhum comentário:
Postar um comentário