01/06/2011

Non son os mercados financeiros

Vicenç Navarro. Artigo tirado de aquí.



Estase a xeneralizar un entendemento da realidade que nos rodea que asume que os estados perderon a súa capacidade de decisión, tendo estes que actuar segundo os ditados dos mercados financeiros. Esta percepción vai acompañada dunha narrativa na que as categorías de poder como poder de clase e loita de clase quedaron totalmente substituídas polo “poder dos mercados que determina o que ocorre en cada Estado”, incluído o español.

Como escribía un articulista nun dos rotativos de maior difusión do país, “o capital xa non se personifica na burguesía”. Segundo tal postura, esta burguesía foi substituida por unhas elites financeiras que non son propietarias de nada excepto da capacidade de producir papeis que nin sequera son diñeiro, pero dos que derivan montañas de diñeiro. E que a pesar de causar a crise continúan a recibir axudas públicas do Estado (pagadas por todos nós cos impostos) que lles permiten continuar coas súas prácticas especulativas e non produtivas que empeoran a situación.
Deles dedúcese que a burguesía perdeu tamén o seu poder, facendo mesmo irrelevante a análise de clases. A estrutura social convértese así en ricos e pobres, coa maioría definida como clase media, novas categorías de estrutura social agrupadas dentro de estados, a capacidade de decisión dos cales queda determinada polos mercados financeiros. É importante subliñar que os propios gobernos -para xustificar as súas ben impopulares políticas públicas- apelan ao mesmo argumento indicando que non hai outra alternativa que seguir os ditados de tales mercados.
Esta lectura da realidade, porén, é errónea, e é fácil demostralo. En primeiro lugar, as políticas que o Estado español está impondo á poboación (flexibilización do mercado de traballo con maiores facilidades outorgadas ao empresario para que despida ao traballador, recortes do gasto e emprego público, diminución de salarios, atraso da idade de xubilación, e conxelación das pensións, entre outras medidas) son intervencións públicas que a supostamente desaparecida burguesía española desexou desde hai moitos anos.
Á luz destes datos, indicar que a burguesía desapareceu ou que non ten impacto sobre o Estado paréceme un erro. Como diría Lope de Vega, “nunca os mortos estiveron tan vivos”. Esta burguesía, tanto a burguesía financeira como a industrial, teñen intereses distintos e outros coincidentes. E entre estes últimos está o utilizar “a presión dos mercados financeiros” como escusa para levar a cabo o que sempre desexaron. Naturalmente que a burguesía española (e os seus compoñentes nos distintos pobos e nacións do Estado) é axudada pola burguesía dos estados membros da UE, cuxos instrumentos políticos controlan as institucións da UE.
Pero os axentes externos non son os que determinan o que ocorre no Estado español. Condicionan e facilitan, pero non determinan. A atención ao externo dilúe a importancia do interno, que é o determinante. A clase dominante española (termo ausente na narrativa hexemónica) é a que influencia o Estado español. E parte do seu poder foi transmitir a mensaxe de que non hai alternativa ás políticas que se están seguindo en resposta aos axentes externos, os mercados financeiros. E predicibelmente, os medios de maior difusión xogan un papel chave na promoción desta mensaxe.
Pero non é certo que non haxa alternativas. Só un exemplo. O déficit do Estado podería reducirse, en lugar de recortar o gasto e emprego público, mediante o aumento dos impostos, alternativa que nin sequera é considerada polos dous partidos maioritarios ou debatida nos maiores medios. Os partidos á súa esquerda propuxeron alternativas críbeis e factíbeis baseadas nos cálculos dos propios inspectores de Facenda do Ministerio de Facenda que indicaron que, revertendo as vantaxes fiscais que se fixeron nos últimos quince anos (e que favoreceron aos grupos máis podentes da poboación) poderían terse obtido 35.000 millóns de euros, sen afectar á carga impositiva da maioría da poboación, conseguindo máis diñeiro que o que se aforra mediante recortes sociais, tales como a conxelación das pensións e/ou o recorte do emprego público.
É máis, se o Estado español tivese a mesma política fiscal progresiva que Suecia, o Estado (tanto central, autonómico, como municipal) conseguiría 200.000 millóns de euros máis dos que obtén. O feito de que estas alternativas non entren no debate político responde á marxinación e discriminación sistemática que os medios de maior difusión exercen cara a tales forzas políticas.
En realidade, a escasa diversidade ideolóxica dos medios no Estado español é un dos problemas maiores que ten a democracia española. Outra é a Lei Electoral que marxina ao segundo partido da esquerda (IU), debilitando con iso a toda a esquerda.
Hai unha loita de clases no Estado español na que a burguesía -a clase dominante no Estado- gaña en bases diarias. Dicía o financeiro estadounidense Warren Buffett: “Isto é a loita de clases, e a miña, a dos ricos, está a gañala”. O señor Botín (burguesía financeira) e o señor Martín Villa e o señor Amancio Ortega (burguesía industrial e servizos) poderían dicir o mesmo no Estado español. Todas as empresas do Ibex (agás tres) continuaron tendo beneficios, dos cales os máis importantes, pero non os únicos, foron os dos bancos.
Mentres, a clase traballadora está a pagar a crise que os primeiros crearon. Un síntoma do poder da clase dominante é que ninguén fala nin de clases, nin de loita de clases, considerando tales categorías como anticuadas, nas que mesmo se chega á conclusión de que a burguesía desapareceu.

Nenhum comentário: