31/05/2011

Xénova Boys

Manoel Santos. Artigo tirado de aquí.

http://vicentvercher.files.wordpress.com/2008/04/aguirrerajoygallardonmayo2006.jpg?w=600
Se lle facemos caso a Naomi Klein concluiriamos que, neste incerto período sociopolítico que estamos a vivir, en que a crise é o eixe reitor de discursos, accións e inaccións, asistimos á aplicación no eido global da doutrina do shock. Esta trata de crear un estado de confusión-conmoción nos do común, que inactiva calquera conato de rebelión grupal, para así instaurar moreas de contrarreformas impopulares e darlle aire a un sistema con evidente fibrose. 

O shock, aplicado coa indución da desorientación colectiva, perda de marcos de referencia e esquecemento patolóxico da historia, é patente na UE e por suposto no Estado español, mais ten na unha singularidade. Aquí conxuga a tatcheriana instauración como alternativa única dun réxime para-absolutista, da man dunha coalición non formal de poderes económicos, mediáticos, políticos e mesmo relixiosos -isto é, da dereita que Manuel Barreiro chama "novísima"-; coa negación e destrución, salvaxe e programada, de como nación e, máis grave aínda, do que fai deste cornecho o espazo vital dunha cidadanía.

Falo de Manolo Barreiro porque coido que é dos que mellor está a debullar no noso país o insoportábel intre histórico no que deambulamos dende que o recuncou en San Caetano. E cómpre saber ler e explicar comprensibelmente o que acontece para emprender a urxente reconquista da ansia colectiva por acadar unha mudanza política e social -irreversíbel- para este país.

Este náufrago do 1 de marzo, como el se define, presentou o mércores en Compostela A novísima dereita e nós. O bienio gris toupa (2.0 Editora), unha recompilación dun cento de artigos que, parafraseando ao Beiras, poderiamos cualificar como unha crónica da peste que vén, e que espiolla o bienio gobernativo que acaba de liquidar Núñez Feijoó. Gris toupa, escribe Barreiro, porque se cadra o mouro está por chegar. Ou "outra Galiza peor é probábel", que diría Carlos Taibo.

A análise do Klein galego, dalgún xeito evoca un paralelismo entre o que acontece na Galiza actual e o dos 70, a saber, o daqueles Chicago Boys de Milton Friedman, que ensaiaron aló por vez primeira o fundamentalismo do mercado en base ao consenso non consensuado de Wáshington.

Non é nada desbotábel a hipótese de que hogano Galiza sexa un laboratorio para aplicar, dende o think tank de Xénova, unha estratexia de deconstrución social e perpetuación no poder, na que imperan o axustamento estrutural a todos os niveis, o ataque ás institucións de autogoberno, a deslexitimación do sentir nacional e a parálise política á mantenta como piares. O que non teño claro é o papel de Feijoó. Se cadra é o de Arnold Charmpergker, responsábel do proxecto Friedman na Universidade Católica de Santiago -de Chile!-, e que se vía a si mesmo coma un misioneiro. Ou poida que sexa o do propio Milton, que intúo é o que apoiaría Barreiro. Ao cabo, é grazas á súa inesperada vitoria aquel 1 de marzo que un deprimido Rajoy recuperou a confianza do seu partido e desfila entre loureiros cara á Moncloa.

Nenhum comentário: