01/06/2011

Euskal Herria: a hora da política

Imanol Dorca. Artigo tirado de aquí.



Cando a iso das oito do serán do pasado domingo 22 de maio, a ETB daba conta das primeiras sondaxes a pé de urna, os ceos comezaban a tremer: a coalición Bildu, formada por EA, Alternatiba e independentes da esquerda abertzale, acadaba uns resultados por riba mesmo das expectativas máis optimistas entre os soberanistas de esquerdas. O número de votos da coalición collía a contrapé a algúns dos sociólogos e políticos presentes no plató da televisión pública basca, que non acertaban a dar explicacións coherentes ao acontecido.

As primeiras análises neste tipo de citas non adoitan ser demasiado exactas, ou completas. É aconsellábel agardar ás reaccións dos protagonistas. Se así o facemos, vemos máis unha vez a falta de sintonía entre as sociedades basca e española. No Estado o debate xira doutra volta arredor da relación Bildu-ETA, á conveniencia dos sectores máis reaccionarios que son quen de marcar a axenda. En Euskal Herria as discusións van por outro lado.
Máis de 313.000 persoas deron o seu voto a Bildu e semella evidente que esa gran parte da cidadanía confía no proceso de abandono da estratexia político-militar por unha estratexia exclusivamente política. A mensaxe é clara: por ese vieiro é posíbel traballar todos á xunta. Do mesmo xeito, estas eleccións deixan clara a pouca validez democrática do goberno da Comunidade Autónoma. Se extrapolamos os resultados destas eleccións –tendo claro que son municipais– a nivel autonómico, vemos que os partidos que sustentan o executivo de Patxi López –a alianza PSOE-PP– non sumarían máis que 26 dos 75 deputados do Parlamento Basco.
Mais, como dicía, o debate agora vai por outro lado. Bildu acadou bos resultados en Araba, Bizkaia e Nafarroa, mais onde realmente arrasou foi en Gipuzkoa. E é a Gipuzkoa e a súa Deputación onde se dirixen todas as miradas. Nos últimos anos hai abertas varios frontes nesta provincia que dividen á sociedade: a construcción do TAV –Tren de Alta Velocidade–, do Porto Exterior de Pasaia e dunha nova incineradora. Os diferentes gobernos neoliberais dunha e doutra cor, e tanto na Deputación coma no Goberno Basco, cualificaron estes proxectos como estratéxicos para o futuro de Gipuzkoa. Entre os defensores destes megaproxectos insustentábeis estaban –e están– o PNV, o PSE, o PP e H1–unha escisión de EA. Todos eles foron castigados. A Deputación non reparou en gastos á hora de convencer á cidadanía das bondades do Porto Exterior –co inestimábel apoio dos poderes mediático-económicos da provincia–, malia ter recibido informes críticos coa insustentabilidade ecolóxica e financeira por parte de organismos estatais e europeos. Por outra banda, perante o crecente problema do tratamento do lixo na provincia, nalgúns dos poucos concellos onde a esquerda abertzale foi quen de se presentar hai 4 anos, instaurouse un polémico sistema de recolleita porta a porta que permite unha maior selección e reciclaxe do lixo, como alternativa á construcción dunha incineradora no territorio. Nestes concellos gobernados pola esquerda abertzale –como Hernani ou Usúrbil–, Bildu superou o número de votos recibidos hai 4 anos por ANV.
É aí onde están os temores da clase político-económica, que nunca se dignou a lle consultar á poboación pola aprobación destes macroproxectos que eran “estratéxicos”. É aí onde máis lles doe e é aí onde, ao cabo, está o debate. Na política.

Nenhum comentário: