18/05/2011

Desemprego xuvenil, protestos sociais e austeridade fiscal ultraliberal no Reino de España. Entrevista

Antoni Doménech. Artigo tirado de aquí e traducido por nós para o galego desde o orixinal en castélán.

Ao cumprirse un ano do radical xiro ultraliberal da política económica do goberno Zapatero, e no contexto dos aterradores dados sobre desemprego xuvenil no Estado español (43%) e de respostas sociais como a convocatoria de manifestacións en todas as cidades españolas este 15 de maio por parte da mocidade de Democracia Real Ya, o xornalista da Axencia Colpisa Ander Carazo entrevistou a Antoni Domènech para unha reportaxe sobre a situación económica española e o fenómeno do desemprego xuvenil. Reproducimos a continuación as respostas de Domènech ás preguntas de Carazo.

A que se debe que a taxa de desemprego xuvenil no Estado español sexa a máis alta de toda a OCDE? Que se fixo mal durante os anos de "bonanza" para ter actualmente unha taxa de desemprego de 40%?



As causas desa enorme taxa de desemprego xuvenil son varias, claro, e arraigan fondo no tipo de economía que terminou configurando no Reino de España a "transición democrática".

Cando, para contrastar coa situación actual, fálase de "anos de bonanza", hai que recordar inmediatamente que eses anos nos que se rexistraron taxas de crecemento do PIB por riba da media europea fundáronse en boa medida no asombroso crecemento da bolla inmobiliaria e no non menos asombrosos crecemento do endebedamento privado (das familias e das empresas). Coas consecuencias que agora se ven, mais que anticiparan tantos e tantos aos que ninguén fixo caso no seu momento. Por mencionar algunhas, quizabes as máis importantes:

1) Os ordenados reais non aumentaron en todo o que levamos de século XXI: en troques, a demanda efectiva foi alimentada polo endebedamento das familias españolas con crédito barato, un endebedamento con crédito barato ofrecido pola banca e as caixas españolas, que por súa vez se endebedaban coa banca estranxeira (singularmente alemá).

2) Non só os salarios reais non aumentaron, senón que a participación da masa salarial na riqueza nacional non fixo máis que retroceder nas últimas décadas, mentres aumentaban a participación nela dos beneficios empresariais e, sobre todo, a das ganancias rentistas e especulativas (inmobiliarias, financeiras, de aseguradoras e oligopólicas).

3) Ao tempo que a "ilusión de riqueza" xerada pola inflación de activos (sobre todo, vivenda) estimulaba artificialmente a demanda efectiva e desbarataba a loita sindical (para que librar batallas salariais, se se podía conseguir crédito barato para financiar activos - como a vivenda- que non farían senón subir e subir, ofrecendo así novas oportunidades para ulteriores créditos?), socavaba tamén a competitividade internacional da economía produtiva española ao aumentar o custe básico da vida para a poboación traballadora (o incríbel prezo que a vivenda chegou a alcanzar no Reino de España é un compoñente fundamental do custe da vida, e ese custe é, para a competitividade, moito máis importante e decisivo que o "custe do factor traballo" no que tan interesada como ignaramente insisten cada día os economistas ultraliberais).

E para facelo breve e reducirnos ao máis importante no contexto da súa pregunta: 4) o masivo endebedamento privado dos últimos lustros permitiu unhas contas públicas "saneadas" en que fundar políticas públicas máis ou menos (menos que máis, hai que dicilo) sociais. É un problema puramente contábel: a igualdade de condicións na balanza comercial, o endebedamento privado vai da man do superávit público, e ao revés, só o déficit público enxuga o endebedamento privado: así actúan os estabilizadores automático da economía. Ao estalar a bolla inmobiliaria e ficar ao descoberto o enorme volume do endebedamento privado español, os estabilizadores automáticos levadon ao endebedamento público. As ideas de austeridade fiscal impostas agora ao Estado español e outros estados periféricos pola UE van totalmente a contrapelo diso, que nin sequera é unha verdade da teoría económica, senón unha verdade simplemente contábel, máis elemental. Levamos agora un ano dese tipo de políticas procíclicas suicidas, incapaces de recoñecer a raíz última do problema. E o resultado está xa á vista: esborrállase a demanda efectiva, os ataques especulativos á débeda soberana española non cesan (tamén porque ao persistir o esborralle da actividade económica, a recadación fiscal baixa, o que agrava os problemas da débeda pública), as familias e as empresas produtivas españolas teñen problemas para desapalancar a súa débeda, crecen a morosidade, os concursos de acredores e os desafiuzamentos? E seguen crecendo a precariedade laboral e o paro, cada vez con menor cobertura pública. Particularmente, o paro xuvenil: xa ve vostede que a tan cacareada "xeración de españois máis preparados da historia" empeza a buscarse a vida en Alemaña, como tiveron que facer os seus sufridos avós baixo o franquismo.


Todo o mundo fala de mobilización ou protesta, pero a cidadanía española segue estática. Cre posible algún tipo de rebelión social?


A ilusión de riqueza dos "anos de bonanza" é en boa medida responsábel diso. Como xa observei na cuestión anterior, a resposta tradicional ao estancamento dos salarios reais eran as loitas obreiras e sindicais. Ao que asistimos nestas últimas décadas, e non só en España, é ao ensaio doutra vía, a vía que, se vostede quere, pode chamarse "ultraliberal": e é a vía do endebedamento privado con crédito barato creado da nada por entidades financeiras privadas e apoiado polos gobernos con políticas económicas de tipos baixos e inflación de activos (o que na prensa coñécese como "economía da burbulla"): iso substituía aos aumentos dos salarios reais como dinamizadores da demanda efectiva, e ao propio tempo, desactivaba a loita sindical e desbarataba a autoconsciencia e a cultura solidaria da poboación traballadora.

É unha desgraza que os sindicatos europeos e norteamericanos non acabasen de entender cabalmente ese proceso, e que se deixasen arrastrar - e sigan facéndoo- queiras que non a unha táctica, tan regresiva como suicida, do mal menor. Pero o resultado está á vista: en 20 anos, a taxa de afiliación sindical caeu máis ou menos nun 50% nos países da OCDE, sinaladamente no sector privado. E agora atopámonos no final dese proceso: aínda á conta de afundir a economía con políticas de austeridade fiscal disparatadamente procíclicas, diríase que as clases reitoras buscan aproveitar a terríbel crise dun tardocapitalismo financiarizado toleado -basta ver Inside jobs- para dar a puntilla final aos restos da grande conquista do antifascismo que foi o Estado Democrático e Social de Dereito.


As xentes do común, como mostran todas as enquisas, danse perfecta conta diso: saben que a democracia foi secuestrada por unha aristocracia financeira internacional capaz de impor sen demasiados recatos a súa política a gobernos democraticamente elixidos, da cor que sexa. Por moitos motivos que non podemos discutir aquí (entre eles: as enormes portas xiratorias que se abriron nas últimas décadas entre o mundo da política e o mundo dos negocios: pense en Aznar, en Felipe González, en Pedro Solbes, en Joschka Fischer, etc.), a chamada "clase política" acomodouse a iso, e está en vías dun desprestixio popular que non se lembraba en Europa desde os anos 20 e 30 do século pasado.


Reacción social, tarde ou cedo, haberaa: diso non lle caiba a menor dúbida. A dúbida razoábel é máis ben en que consistirá: nunha firme resposta maioritaria popular democrática, ilustrada, de tendencia anticapitalista, ou nun desnortado estalido de rabia e odio cegos, antirracionalistas, e polo mesmo, manipulábeis polas extremas dereitas minoritarias xenófobas e nacionalistas. Neste último caso, augúrolle transformacións estupefacientes na vida intelectual -xa empezamos a velas-: volveriamos constatar o que Walter Benjamin deixou escrito para a Europa dos anos 30, e é a saber: que o fascista non é senón un liberal disposto a chegar até as últimas consecuencias do liberalismo (no sentido europeo do termo).


Moitos autores falan de que hai unha crise de civilización que provocará un cambio de era, veo posíbel?


Non só posíbel: é farto probábel, e até, se me apura, ineluctábel. Vexa a diferenza coa Grande Depresión dos anos 30: entón tratábase dunha das maiores crises coñecidas polo capitalismo, unha crise económica. Agora temos unha crise económica capitalista (unha do tres maiores da súa historia), pero temos tamén unha crise enerxética (estamos nunha fase de transición cara a unha vida económica non fundada nos combustíbeis fósiles, que se esgotan) e unha crise ambiental sen precedentes, cuxa punta máis visíbel -pero desde logo non a única- é o catastrófico cambio climático en cernes. Os próximos 20 ou 30 anos van ser cruciais tanto para a crise enerxética (estamos obrigados a cambiar de base) como para a crise ambiental (nuns poucos anos, por seguir co exemplo, as consecuencias do cambio climático serán de todo punto irreversíbeis). Comparada con esas enormidades ás que nos levaron as forzas dexeneradas do tardocapitalismo, a súa crise económica actual é até unha nadería. Todo contado, as forzas dinámicas capitalistas, e a cultura material e intelectual por elas modelada, foron unha aberración civilizatoria. Unha aberración que se fixo, ademais, socialmente obsoleta, como o proba o feito de que boa parte das políticas menos insensatas dos gobernos procapitalistas actuais pasan por obrigar aos capitalistas a facer de capitalistas e a investir en procesos produtivos! Marx, ao que ignorantemente acúsase tantas veces de "determinismo histórico", falou dun posíbel unhappy end con "común afundimento das clases en loita". Ninguén sabe como terminará isto, pero o posíbel final infeliz sería peor aínda que o imaxinado polo vello. A disxuntiva é clara e perentoria: máis capitalismo e barbarie descivilizatoria ou máis democracia e socialismo recivilizador.


Nenhum comentário: