24/05/2011

Que está a pensar un millón de persoas ?

Xoán Hermida. Artigo tirado de aquí.





Un millón de persoas, entre as que non me atopo pero que ben podería ser o caso, decidiron achegarse as furnas onte a depositar un voto sen papeleta (en branco) ou con comentarios críticos (nulos), seguro que algúns merecedores dun libro de ‘haikus’ ou ‘microrelatos’.

As forzas políticas da ‘esquerda’, unha vez máis, e xa van varias, adicanse agora a culpar a estes ‘inconscientes’ da derrota electoral, enrocándose en lugar de analizar a fondo unha derrota sen paliativos a pesar de escasas excepcións baseadas en situacións moi concretas como o populismo localista de Abel Caballero en Vigo, do medo á especulación ‘telmo-urbanistica’ en Pontevedra ou a honorable xestión de Martiño Noriega en Teo ou Félix Juncal en Bueu.

Non creo que sexa necesario perder ni un minuto en argumentar porque nin a Rede GNSV foi a culpable da caída do bipartito nin o Movemento 15M o causante da estrepitosa derrota da esquerda nas eleccións municipais.

E digo estrepitosa porque esta é en Galicia unha derrota moito máis fonda e de máis calado que a que se deu nas eleccións autonómicas de hai dous anos.

Tres elementos así o confirman:

Primeiro, é o conxunto da esquerda a que recibe o castigo. Cando a derrota do bipartito parecía que era un dos dous compoñentes o que perdera o escano decisivo namentres que o outro fixera ben os seus deberes. Neste caso os datos son incuestionables: o PSOE perde 110 concelleiros, tres puntos porcentuais e 67.000 votos, o BNG perde 71 concelleiros, 2,6 puntos porcentuais e 54.000 votos. Pola contra IU queda igual en concelleiros, sube escasamente 0,5 puntos porcentuais e 7000 votos, sendo máis aló de lugares concretos simplemente inexistente.

Segundo, a derrota estendese esta vez, á Galicia urbana homoxeneizando a vitoria do proxecto de Feijoo en todo o territorio nacional. Baixadas xeneralizadas no conxunto das grandes vilas e perdas absolutas en Ferrol, A Coruña, Santiago e Vilagarcía.

Terceiro, é o máis importante, tratase dunha corrente de fondo na sociedade galega que non so despraza case todo o poder cara a dereita senón que sobre todo deixa un panorama con forzas políticas desorientadas pero atrincheiradas, con escasa capacidade interna de critica e renovación, e desligada con novos sectores sociais que se moven.

Pero volvendo a pregunta inicial, que pensa un millón de persoas que criticamente ‘facilitan’ a vitoria da dereita no conxunto do estado. Pois, con detalle non o sei pero de seguro que non algo moi diferente que a rica sociedade civil italiana que despois é gobernada polo neo-fascista de Berlusconi ou do rico movemento civil francés capaz de tombar á constitución europea en referendo pero que despois é gobernada polo ‘petit’ Sarkozi.

Pensarán algo así como: “ata cando teño que seguir apoiando a estes namentres que vexo que me desilusionan unha e outra vez, que se comportan esteticamente como os outros e que en situacións que se lles espera estean a altura cruzan a raia e asumen ser os xestores das políticas que obriga o capital monopolista”.

Pensarán algo así como: “e si aproveito unhas municipais para darlles un toque de atención e así cando cheguen as xerais ou as autonómicas xa teñen feito un proceso de renovación que os permita volver a ser atractivos”.

Pensarán algo así como: “e eu que queres que faga, os responsables son eles por facer as cousas mal e ademais desprezarnos como o faría a dereita, e nos en todo caso os puxemos e nos temos todo o dereito a quitalos".

Seguramente o Movemento 15-M teña pouco percorrido e se desinfle coa mesma facilidade co que medrou, pero ollo, foi unha grande escola de formación política e de seguro que haberá un antes e un despois que interpela directamente ás organizacións políticas de esquerda.

Seria desexable que a baixada do PSOE faga virar a súa política e a opción do aparato (Rubalcaba) quede fulminada polos acontecementos; e que a caída, lenta pero constante desde o 2001, do BNG non pretendan disimulala coa vitoria de Pontevedra.

Que este cambio de ciclo sirva para renovar discursos, ideas e proxectos e non para enrocarse.

Aínda que non albergo moitas esperanzas xa que as veces dubido que haxa vida intelixente no staff deses partidos.

De ser así quizais estamos emprazados, entre os sectores da esquerda social e a esquerda política máis sensible ás demandas da cidadanía, a pular por unha plataforma cidadá coa vista posta nas próximas eleccións de caracter xeral e con referentes éticos coma Xosé Manuel Beiras ou Manolo Rivas como cabezas de cartel.

Nenhum comentário: