02/05/2011

Un diagnóstico da situación actual

Samuel Farber. Artigo tirado de aquí e traducido desde o castelán por nós.


O noso amigo Samuel Farber apuntou para a revista canadense New Socialist o libro de Chris Hedges, Death of the Liberal Class (New York: Nation Books, 2010).

Chris Hedges foi reporteiro do New York Times onde traballou por quince anos, catro dos cales serviu como Xefe da Oficina do Medio Oriente.  Desde que se radicalizou polas súas experiencias coas trasnadas dos EUA no Iraque, foi un crítico persistente da política exterior norteamericana e do papel que os medios de comunicación do establishment desempeñaron como cómplices desta.

Este é un libro ben escrito e de impacto.  Hedges logra con grande efeito inxectar vida á súa narración con historias de casos individuais, tanto de veteranos feridos en combate no Salvador, Israel e Sur América (54-58) como de traballadores da cidade e do campo nos EUA, China e India cuxas vidas foron desgarradas polo capital (28-32).  Pero o seu forte é a análise que apresenta sobre a maneira en que os medios de comunicación e propaganda apontoaron a política do goberno norteamericano. No capítulo tres do libro hai un relato fascinante sobre o papel que desempeñou o Comité de Información Pública (Committee for Public Information, CPI), estabelecido unha semana despois de que  os EUA entraran á Primeira Guerra Mundial. Devandito organismo, encabezado por un George Creel, un ex-muckraker, foi un pioneiro da propaganda de masas e a súa meta, segundo o mesmo Creel, non soamente foi apoiar a guerra, senón tamén desacreditar toda oposición á participación dos EUA nesa conflagración.

O New York Times, desenmascarado

Hedges dedícase, en grande parte, a mostrar como os medios de comunicación do establishment trivializan todo o que tocan.  Porén é particularmente devastador cando expón o "xornalismo obxectivo" que supostamente goberna a reportaxe  practicada polo New York Times.  A Hedges despediuno ese xornal  por criticar abertamente a guerra co Iraque, especialmente  no discurso de gradación que deu en Rockford College, no estado de Illinois, no 2003.  Mentres tanto,  o seu compañeiro de traballo, John Burns, permaneceu inamovíbel no seu posto despois de manifestarse publicamente a favor desa agresión.

Seguindo o fío do "xornalismo obxectivo" do Times, Hedges conta que Abe Rosenthal, o previo redactor en xefe dese xornal, un neoconservador, prohibiu que críticos tales como Noam Chomsky fosen sequera citados no xornal e ordenou que non se publicase ningunha das investigacións de Ralph Nader críticas das corporacións a menos que o Times obtivese unha resposta preparada pola corporación criticada.  Ao decatarse desa orde, as corporacións rexeitaron responder, o que eliminou do xornal toda mención de Ralph Nader e do seu traballo.   Segundo Hedges, isto tivo un efeito multiplicador nas redes de información impresa máis importantes do país que deixaron de cubrir esas investigacións.

Outro exemplo interesante que Hedges relata sobre o mesmo tema é o que sucedeu con Sydney Schanberg . Despois de que adquiriu unha grande reputación pola súa reportaxe sobre Asia  -especialmente Camboia  (a película Killing Fields está baseada nas súas experiencias nese país)- o New York Times asignouno a traballar, primeiro, como redactor da sección metropolitana. Pero despois removeuno dese posto e asignouno a escribir unha columna na sección editorial OpEd.   Segundo Hedges, iso debeuse a que Schanberg dedicouse a escribir sobre os pobres, os desafiuzados e as outras vítimas dos propietarios de bens raíces en Nova York,  o que provocou o desprezo de Rosenthal quen empezou a falar del como "o noso comunista en residencia".  Schanberg non durou moito máis tempo nese xornal.

A Clase "liberal"?

Hedges articula os seus argumentos ao redor dunha idea xeral: a clase liberal ha morto, o que deixou o camiño aberto a que os poderosos asuman o poder absoluto.  É a ese nivel que o seu libro se volve confuso e pouco convincente.

Primeiro, porque trata o concepto de clase como exclusivamente baseado en ideas políticas (como o liberalismo) e ignora as características sociais e económicas que conforman unha clase.  Para Hedges, os alicerces da "clase liberal" son os medios de comunicación, as institucións relixiosas, a universidade, o partido demócrata, as artes e os sindicatos, -os que segundo el foron comprados co diñeiro das corporacións e as dádivas que os estreitos círculos do poder dignáronse a darlles (10).  Pero os elementos que segundo Hedges conforman a súa "clase liberal" non teñen nada a ver cos factores  que constitúen unha clase social desde unha perspectiva sociolóxica, xa sexa Marxista ou académica.  Ademais, a súa "clase liberal" tamén inclúe institucións tales como os medios de comunicación cuxos donos son un sector importante da clase capitalista. Os sindicatos, aínda o grande número daqueles que son conservadores, non pertencen á mesma categoría social á que pertencen os medios de comunicación pola sinxela razón que non son parte da clase capitalista, ou do que Hedges chama "os estreitos círculos do poder". E en canto ao Partido Demócrata, aínda que os liberais son un grupo importante  dentro deste, son só unha minoría, como tamén o son dentro das institucións relixiosas. Finalmente,  a forte presenza liberal nas universidades -aínda que non na administración destas- e no mundo das artes, non se traduciu na hexemonía cultural ou ideolóxica dese grupo na sociedade en xeral.

É posíbel que Hedges estea a tratar de dicir que, nos últimos anos, institucións importantes como esas estivéronse movendo á dereita.  Se isto  é o que el está a dicir, é moi probable que teña razón e o seu libro presenta moitas probas a favor desa proposición. Ou quizais está a tratar dicir que a á política liberal da "clase media" non é confiábel e que se vai a entregar ao poder. Se isto é o que el quere dicir, tamén ten razón,  aínda que non é un suceso descoñecido na historia e pódese trazar ao pasado, tan cedo como nas revolucións de 1848 en Europa.  Aínda así, é importante ter en conta que a "clase media" non é unha masa reaccionaria indiferenciada, como Hedges parece implicalo, e que hai sectores desa clase que poden moverse politicamente noutra dirección.

Na historia recente dos EUA existiron momentos en que a asa política liberal da clase media moveuse á esquerda baixo o impacto do movemento laboral do 1930s.  O mesmo Hedges relata como os liberais se uniron aos radicais para apoiar o Federal Theatre Project (Proxecto Federal de Teatro) e outros proxectos artísticos de esquerda, tamén nos anos trinta (89-90).  Os movementos radicais dos sesentas -negros, anti-guerra, liberación de mulleres, liberación de gais e lesbianas- tiveron un impacto significativo na política e cultura de sectores importantes da clase media, particularmente naqueles cun alto nivel educacional.  Aínda a prensa máis convencional  tivo que reaccionar á presión dos movementos de masa deses anos.  Sydney Schanberg describiu o papel da prensa nese contexto: "Facémolo por momentos.  Descubrimos o movemento de dereitos civís. Descubrimos o movemento polos dereitos da muller.  Metémonos  até as orellas neles porque agora é kosher escribir sobre os marxinalizados e os que foron tratados como cidadáns de segunda clase.  E cando as cousas acougan vólvese doado deixar de facelo". (Citado por Hedges, 147-148).

Denuncia moral ou movemento social?

Se é así, o asunto é como revivir os movementos do pasado e apoiar o crecemento dos novos,  como os que están a loitar por protexer o noso moi danado medio ambiente.  Hedges recoñece a necesidade de facer algo.  Escolle como modelo de acción á organización pacifista  Catholic Worker (Traballador Católico).  Renuncia por tanto á violencia - sen que importe o  xusta que sexa a causa - porque segundo el, corrompe, deforma e pervirte á xente (198).  Tamén rexeita o éxito como a meta da acción, citando a Dorothy Day, a fundadora e líder do CW: "O éxito, segundo o define o mundo, xamais debe servir como criterio fundamental da vida relixiosa e moral, ou dunha vida de resistencia.  A espiritualidade, dicía ela, baséase no esforzo constante por loitar pola xustiza e pola compaixón, especialmente cara aos necesitados.  E ese compromiso é de seu o suficientemente duro como para ademais terse un que preocupar do seu efeito final" (157).

Baseado nesas ideas, Hedges conclúe  que "Actos de resistencia son actos morais.  Suceden porque a xente de conciencia entende o imperativo moral, máis ben que o práctico, da rebelión.  Non levan a cabo porque son efectivos, senón porque son o que é correcto facer" (205).

Unha política que sostén que o éxito da acción política é algo irrelevante está destinada a desanimar a participación popular en calquera movemento.  Un dos alicerces que sostén a hexemonía da clase capitalista  é a sensación que ten a xente traballadora da súa absoluta falta de poder. En xeral, non cre que ten a posibilidade de gañar ningunha loita que cambie significativamente os arranxos sociais e políticos que a oprime e explota.  É máis ben esa maneira de sentir e non a súa aceptación da lexitimidade do sistema  o que a paraliza e faia resignarse en lugar de resistir activamente.

Moitos aceptan a cita de Lord Acton, de fins do século 19, que o poder absoluto corrompe absolutamente, mas ignoran que a absoluta falta de poder crea a súa propia corrupción moral e política. A suposición de Hedges que a aqueles  movementos sociais que tratan de ter éxito logrando a súa meta  - o poder - non lles importa a moralidade, carece de fundamento.  Historiadores como EP Thompson documentaron as profundas, aínda que non totalmente articuladas, preocupacións éticas dos movementos da clase traballadora enmarcadas nunha "economía moral", ás veces acompañada das crenzas relixiosas que son tan comúns entre os oprimidos.

A maneira en que Hedges trata a protesta está asociada coa concepción cataclísmica que el ten da nosa situación actual.  Segundo el, a reunión cume sobre o cambio climatolóxico en Copenhague moi posibelmente foi a última oportunidade para salvarnos da destrución ecolóxica.  Para el estamos ao bordo dun barbarismo que vai durar décadas e até séculos; a clase traballadora foi aniquilada; as corporacións apoderáronse de todas as fontes do poder. Para Hedges, non é posíbel derrotalas, nin sequera influencialas mediante eleccións ou movementos populares.  Por tanto non é posíbel ningún cambio estrutural significativo, polo menos durante as nosas vidas.  A súa única alternativa é crear estruturas pequenas, autocontidas, que inflixan o menor dano posíbel ao medio ambiente, dedicadas á agricultura ecolóxica, autosuficientes e capaces de illarse tanto como sexa posíbel da cultura comercial, para ver se así é posíbel soportar o colapso que se aveciña (194-195, 196,198, 205-206).

É claro que nos países capitalistas máis avanzados estamos a vivir un período de reacción.  O liberalismo -e a social democracia- vanse a pique. A clase traballadora e os movementos dos oprimidos foron derrotados, aínda que non destruídos nin aterrorizados como sucedeu baixo o fascismo.  Pero esa derrota non se pode atribuír ás armadanzas cometidas polos medios de comunicación nin á traizón da "clase liberal".  Moi posibelmente vendéronse, e fáltalles valor.  Pero non son en si a causa dos  nosos problemas. Estes son máis ben o produto dunha crise que comezou a fins dos sesentas e principios dos setentas, cando o boom da posguerra chegou ao seu fin e a patronal iniciou unha ofensiva internacional que conduciu polo seguintes trinta anos para reorganizar o capital.  Nos EUA, o capitalismo ultraliberal formou unha alianza co fundamentalismo relixioso (que xurdiu como reacción á revolución cultural dos sesentas) recentemente politizado que levou á formación dunha dereita  forte e poderosa.

Ao peche desta reseña , brotaron no Medio Oriente loitas que están a sacudir o  control do imperialismo estadounidense e das clases no poder da rexión. As loitas recentes en Grecia, Inglaterra e outros países da Unión Europea están a tratar de resistir o ataque do capitalismo provocado pola Gran Recesión.  Latinoamérica xa non é máis o monólito pró-EUA que era só fai unhas cantas décadas (salvo Cuba) Dentro dos EUA hai unha clase traballadora multinacional cunha estrutura ocupacional moi diferente da que tiña fai trinta ou corenta anos.  Esta clase traballadora reconstituída terá que atopar os seus propios métodos de loita que concorden coa súa  realidade, como o foron as enormes protestas dos traballadores inmigrantes latinoamericanos que se deron fai menos de cinco anos.  Chris Hedges apreséntanos unha versión catastrófica de esquerda do "final da historia" de Fukuyama.  A nós tócanos formular ideas que nos axuden a liberarnos do presente e que nos permitan saír adiante.

Nenhum comentário: