[O debuxo, titulado "Revolta Irmandiña", está tomada do blog Néboa]
Topámonos ao comenzo das recentes xornadas do Consello Internacional do FSM en París, aínda a semana pasada, e foi a primeira ocasión na que puiden conversar con il a modo. Anteriormente, só algún fugaz encontro en Porto Alegre, con troco de saúdos e poucas palabras máis, despois de ousar abordalo e apresentarme ao remate dalgunha palestra na que il fora protagonista. Máis recentemente, o pasado ano, un breve palique ao finalizar a sua maxistral conferéncia na Semana de Filosofía da "Aula Castelao" pontevedresa e pedirlle que me asinara un dos seus libros. A pouco máis ca iso se reducían até agora os meus contactos persoais con Michael Löwy. Co meu ademirado e vello coñecido Michael Löwy. Vello coñecido, si, porque, na distáncia, viña de ben atrás no tempo a miña relación de leitura e estudo coa obra deste brasileiro de orixe europea, graduado en Sâo Paulo e doutorado logo na Sorbonne, discípulo de Lucien Goldmann, xa daquela analista certeiro do pensamento revolucionário do xoven Marx -e sobre todo, para min, o máis lúcido debullador contemporán da problemática das cuestións nacionais e os nacionalismos nas coordenadas do pensamento marxista.
Fora precisamente sobre esa temática o primeiro texto seu que eu léra, hai perto de corenta anos: o seu espléndido ensaio na completísima antoloxía de textos marxistas encol da "cuestión nacional" feita en colaboración con Georges Haupt e Claudie Weill, editada por Maspero nun famoso volume de 1984 (1), que abranguía dende Marx até James Connolly -o mártir do independentismo irlandés que eu viña de descubrir, como pensador, na coleición de escritos seus editada pouquiño antes nos Penguin Books (2). Andando os anos, a finais dos noventa, suxeríralles aos meus camaradas de Laiovento publicarmos en galego ese ensaio xunto cunha escolma de aquela antoloxía, e puxerámonos en contacto con Löwy a traveso dun amigo común, Francis Viguié, un dos fundadores do recén criado sindicato SUD. Felizmente, e solprendentemente para nós, Löwy preferíu ofrecernos un mollo de esclarecedores ensaios seus máis recentes, cuxa publicación marcou un fito na andaina da nosa pequena editorial -e inda posteriormente recuncaría na sua xenerosa colaboración cun delicioso volume encol das relacións antre o surrealismo e o marxismo (3).
A mañá da primeira sesión do CI en Paris, Xabier e máis eu chegamos cedo á cita, con escrupulosa pontualidade -"cubana", como adoito eu dicir, porque é certo. Cáseque non chegara máis ninguén, aínda estaban rematando de amañar as mesas para formar un grande rectángulo e, desque estivo todo disposto, escollimos dous asentos en moi boa posición, pertiño dos reservados aos moderadores do debate. Aos poucos minutos vexo entrar a Löwy, pararse e ficar de pé, indeciso e con aire de adolescente despistado -porque o ten, ninguén lle botaría os anos que leva ás costas. Erguinme e achegueime a saudalo. Solprendentemente pra min, recoñeceume de imediato. Era, dixo, a primeira vez que asistía a unha xuntanza do Consello: sustituía a un camarada brasileiro en representación da Rede Ecosocialista. Convideino a sentar á par de min e botámonos a conversar. "Cheguei dez minutos tarde, coidei que viña retrasado, e ao cabo resulta que fun demasiado pontual" -chanceou. A medida que ían entrando membros do CI perguntábame quen eran, e eu informábao segundo podía, que en moitos casos tampouco o sabía eu. "Non vexo a ningún dos que coñezo", dicíame, e perguntábame por algúns dos máis veteranos, o Chico, o Odej, o Massiah, que casualmente se retrasaran e ao cabo foron chegando, con notorio alivio do Löwy, que se ía sintindo máis a xeito, erguíase a saudalos e retornaba onda min. Comprobei que era máis tímido ca min aínda. Pasouse toda a mañán a latricar intermitentemente conmigo e facerme perguntas e agudas observacións sobre os intervintes, sen deixar de transcreber todo o que alí se dicía -a diferencia de min, que non daba feito máis ca escuetos apontamentos, incapaz de concentrarme en atender ás duas cousas a un tempo.
Pola tarde traballouse en comisións, e non coincidimos na mesma. Mais á mañá seguinte, outravolta en sesión plenaria, achegóuseme e tendeume a man cun folleto nela: "Trouxen isto para vocé, díxome con certa timidez, poida que lle interese". Era a separata dun seu breve ensaio en portugués, traducido do orixinal francés, e publicado o ano pasado: Eric Hobsbawm, sociólogo do milenarismo campesino (4). Aquela mesma tarde, un dos meus riles pegoume un lostregazo dos que me dá ás veces sen previo aviso, tiven que irme ao hotel e alí, deitado, desque os calmantes comezaron a facer efecto, linme a separata dunha sentada -ou dunha deitada, en rigor, se preferides.
Fascinoume. Era unha a xeito de penetrante recensión e glosa dos traballos pioneiros de Hobsbawm encol das modalidades consideradas arcaicas ou "primitivas" de revoltas labregas -e que eu, brután de min, só coñecía por citas ou referencias, mais nunca léra (5). Porén, esas achegas resultan fundamentais, a empezar porque, como sinala Löwy, "percebemos que a abordagem se distingue de modo evidente da vulgata "progresssista" graças a seu interesse, simpatía, fascinaçâo mesmo -os termos sâo dele- pelos movimentos "primitivos" de resistência e protesto antimoderno (anticapitalista) dos camponeses". Noutras verbas: "Essa atitude de abertura ao "primitivo" -ao mesmo tempo metodológica, ética e política- implica distanciamento em relaçâo a certa historiografia, que tende (...) a negligenciar tais movimentos, considerando-os como sobrevivências bizarras ou fenômenos marginais". E porén, como sinala Löwy en apoio de Hobsbawm, "esse tipo de movimentos, longe de ser marginal, é fonte ou raíz das grandes perturbaçôes revolucionárias do século XX, em que camponeses e massas pobres dos campos tiveram um papel decisivo: a revoluçâo mexicana de 1911-19, a russa de 1917, a espanhola de 1936, a chinesa e a cubana". E a primordial causa xenética desas rebelións, inanque revistan morfoloxías específicas diversas, é común a todas elas: "que a modernizaçâo, a irrupçâo do capitalismo em sociedades campesinas tradicionais, a introduçâo do liberalismo económico e das relaçôes sociais modernas, significam para elas uma verdadeira catástrofe, um autêntico cataclismo social que as desarticula completamente". Sentinme automáticamente inmerso na historia moderna e contemporán do meu proprio país, dende o XVIII en diante no combate abolicionista dos foros, deica mesmo aínda os dias que agora andamos: os da loita de resisténcia da Galiza labrega fronte ao seu exterminio.
O repaso de Löwy ás esculcas de Hobsbawm recala na sua análise dos movimentos "milenaristas", considerados por il "os máis aptos a se tornar revolucionários", poisque "a essência do milenarismo (...) -di Hobsbawm- nâo é monopólio do primitivismo. Ele está presente, quase por definiçâo, em todos os movimentos revolucionários sem exceçâo (...) na medida em que sâo inspirados por ideais". O milenarismo revolucionario -do que vos vou aforrar falarvos agora- remóntase a Joaquim de Flora, no s.XII, e a sua "essência" sérvelle a Hobsbawm de fio condutor na análise dunha série de rebelións campesiñas, dende a idade meia ao s.XX -con remate nos casos do anarquismo agrario andaluz e as ligas camponesas siciliáns. "Graças à problemática do milenarismo -observa Löwy- a historiografía de Hobsbawm integra toda a riqueza da subjetividade sociocultural, a profundidade das crenças, sentimentos e emoçôes em sua análise dos acontecimentos históricos, que nâo sâo mais percebidos simplesmente como produtos do jogo "objetivo" das forças económicas ou políticas". E, a xeito de colofón da sua glosa, Löwy engade, pola sua conta, a referéncia a dous casos latinoamericáns actuais, o da revolución Zapatista conducida polo EZLN en Chiapas e máis o dos Sem Terra (MST) no Brasil. "Ambos -di Lówy- sâo movimentos camponeses de protesto (e resistência) contra a modernizaçâo capitalista, tendo em comum componentes milenaristas que os aproximan dos estudados [por Hobsbawm], fundamentalmente modernos por seu programa, reivindicaçôes, práticas e formas de organizaçâo" -suliño eu.
Á mañá seguinte -e domesticado o meu ril- volvímonos ver na derradeira sesión do CI. Faleille con entusiasmo da leitura que fixera, do moito que adeprendera en tan poucas páxinas, e da miña -irrelevante- coincidencia na avaliación da releváncia das rebelións labregas e o rol do campesiñado nas revolucións do s.XX, fronte ao "reducionismo" obreirista eurocéntrico da "vulgata progressista". Sorríu compracido e marmurou "Nâo é?. Esquencen toda a periféria, e tanto do Sul coma do próprio Norte". A seguida inquiriume tímidamente, coma quen teme desvelar un descoñecemento culpábel: "E na Galiza houve fenomenos análogos?". Désta fun eu quen sorriu: "Xa no s.XV houbo duas sucesivas rebelións, en rigor revolucións, unha da soa clase labrega serva, e a seguinte en alianza coa burguesía e as capas baixas da nobreza, a fidalguía: as revolucións Irmandiñas. E sabes cál era a sua divisa?: "Deus Fratresque Galleciae" ". Ficou atónito: "Nâo conhecia...". E sen deixarlle tempo a repoñerse, engadin: "E as loitas pola abolición dos foros culminaron co movemento agrarista do XIX-XX, vencellado á emerxéncia do nacionalismo emancipador galego, sabes con cál nome?: Irmandades da Fala". Interesoulle tánto que, xa imaxinades, fíxenlle unha sintética posta ao día na cuestión -que aturou con paciéncia franciscana. A conversa demorouse deliciosamente entremedias das últimas intervencións dos membros do Consello Internacional do FSM na sua derradeira sesión parisién. Ao despedírmonos, pediume que lle remesase traballos encol do tema. Recadarei consello dos historiadores amigos de meu -quero deixar en bó lugar á intelixéncia do meu país.
Notas: (1) Michael Löwy, Georges Haupt, Claudie Weill, Les marxistes et la question nationale, François Maspero, Paris, 1984. (2) James Connolly, Selected Writings (Edited by P. Berresford Ellis), Penguin Books, 1973. Unha escolma dos textos dese volume sería publicada en galego por Laiovento, en 1993, co título de Nacionalismo e Imperialismo. (3) Michael Löwy, Patria ou Terra Nai? (Ensaios sobre a Cuestión Nacional), Laiovento, 1999; e A estrela da mañá (Surrealismo e marxismo), Laiovento, 2005. (4) Michael Löwy, "Eric Hobsbawm, sociólogo do milenarismo campesino", in ESTUDOS AVANÇADOS 24 (69), 2010. (5) Nomeadamente: Eric Hobsbawm, Primitive Rebels. (Studies in Archaic Forms of Social Movement in the 19th and 20th centuries), New York, Norton, 1959; e Bandits, Paris, Maspero, 1972.
Nenhum comentário:
Postar um comentário