No discurso hexemónico promocionado polo establishment europeo, impregnado de valores conservadores e liberais (en realidade ultraliberais) que alimentan as políticas públicas do Consello Europeo, a Comisión Europea e o Banco Central Europeo, apreséntase a transferencia de fondos europeos a Grecia como axuda da UE a este país (así como a Portugal e Irlanda, coa posibilidade de engadir máis tarde o Estado español) ao que se considera que ten dificultades como consecuencia de non gobernar ben as súas finanzas.
A condición para que Grecia reciba tal “axuda” é que impoña á súa poboación toda unha serie de políticas durísimas, que esixen recortes moi substanciais de gasto e emprego público, así como dilución e mesmo eliminación de dereitos sociais e laborais que este país conseguira ao longo do seu período democrático (Grecia, como o Estado español e Portugal, ten un pasado ditatorial).
Estas medidas, xunto ao descenso dos salarios (que está implicando un descenso moi marcado do nivel de vida das súas clases populares), fan que esta “axuda” se perciba máis como un castigo (pola súa suposta indisciplina) que non como unha “axuda”. En calquera caso, ben sexan percibidas como un castigo ou como unha axuda, o feito é que estas políticas se presentan como inevitábeis e necesarias, negando a posibilidade de calquera outra alternativa.
É urxente e necesario que se coñeza que toda esta narrativa se basea nunha serie de supostos claramente erróneos e/ou falsos. En primeiro lugar tal suposta “axuda” é máis unha axuda ao sistema financeiro europeo (tal como está estabelecido neste momento) que non unha axuda ás clases populares destes países, o benestar e calidade de vida das cales se han ver negativamente afectados por tales políticas por moitos anos.
A débeda total de Grecia corresponde nun 50% do PIB a débeda pública e un 50 % do PIB a débeda dos bancos gregos. Da débeda pública, os bancos gregos posúen un 15%, outras institucións gregas posúen un 4% e o resto os bancos alemáns e franceses (os bancos doutros países teñen unha porcentaxe moi baixa). Destes datos dedúcese que o colapso do estado grego, é dicir, a súa bancarrota crearía un problema grandísimo aos bancos alemáns que posúen a maioría dos bonos públicos do Estado grego.
En realidade, e tal como sinalou Mark Weisbrot no seu debate con Paul Krugman nas páxinas do The Guardian (13.05.11), só a bancarrota de Grecia significaría a posibilidade de que as maiores bancas alemás colapsasen creando un problema maior no sistema financeiro europeo.
Grecia, polo tanto, tamén ten poder nas súas mans, pois na súa renegociación da débeda (o cal é inevitábel) podería ameazar con ir á bancarrota, o cal forzaría concesións da banca alemá. A bancarrota preocupa enormemente aos bancos e iso dálle un gran poder de negociación. A ameaza de saír do euro, pois, é unha ameaza que debe considerarse, pois ten enormes implicacións para os propietarios da débeda, pois a revaloración da débeda pode significar grandes perdas para as bancas alemás.
En realidade, se a UE quixer, podería axudar a Grecia. E un xeito é que o Banco Central axudase a Grecia na mesma maneira en que está axudando os bancos, aos cales lles presta diñeiro cuns xuros do 1% para que poidan comprar débeda pública de Grecia ao 9%. O BCE tamén podería crear eurobonos en lugar de dar axuda aos bancos. Que non o faga é porque pon como primeira prioridade salvar os bancos e non os países. Pero estes países teñen máis poder do que parecen ser conscientes. Ameazar con botarse fóra do euro é un deles.
Nenhum comentário:
Postar um comentário