09/09/2011

As tres Alemañas e o futuro inmediato da zona euro

Marshall Auerback. Artigo traducido para o galego por nós e tirado de SinPermiso (aquí).

O artigo de Hans-Olaf Henkel no Financial Times de hoxe [30 agosto 2011] está dando moito que falar. De acordo, Henkel é un tipo odioso, pero o certo é que o meu punto vista [sobre a probábel saída de Alemaña do euro], outrora considerado pouco menos que unha tolemia extravagante, estase  abrindo paso de modo cada vez máis serio. Os alemáns manifestáronse dispostos a entrar nunha Unión Monetaria, porque o deseño da mesma destruía a arma da desvalorización monetaria en mans dos seus competidores. A disciplina salarial alemá, os seus logros na produtividade do traballo e as innovacións dos seus enxeñeiros non poderían ser borrados dunha plumada. Lémbrese que hai basicamente 3 Alemanias:

A Alemaña 1 está formada polo Bundesbank e o Finanzkapital, unha Alemaña dominada pola fobia contra todo posíbel rebrote dunha hiperinflación ao estilo da República de Weimar, unha Alemaña que se atopa penetrada dunha fe case teolóxica na doutrina do "diñeiro sólido". É a Alemaña dos lingotes de ouro e os economistas austríacos, que cre no diñeiro forte, na política fiscal "responsábel" e no que con ela vai. É a Alemaña inveteradamente hostil ao euro entendido como unión grande e laxa.

Logo está a Alemaña 2, a dos "europeístas" encabezados por Kohl, quen en substancia cren que para resolver o "problema alemán" hai que inserir máis plenamente a Alemaña nun contexto paneuropeo, sendo a unión monetaria parte esencial desa operación.

A Alemaña 3 era a Alemaña oscilante, a Alemaña industrial que comprou a idea da unión monetaria precisamente porque deixaba atrapados aos seus competidores industriais nunha taxa de cambio fixa que impedía o recurso á desvalorización.

Paréceme a min, con todo, que esta terceira Alemaña oscilante comeza a reconsiderar as cousas ao percibir "erroneamente" os "custos" que para o país representan os repetidos resgates. Esa preocupación, tan errada como real, parece estar a facerlles perder de vista os evidentes beneficios que lles reporta a existencia de países mediterráneos "esgazados" que non paran de comprar produtos alemáns. A min resúltame sorprendente que Henkel, un actor maior no complexo industrial alemán, ande agora encabezando o partido da saída alemá do euro. Podería ser revelador de que movementos tectónicos de desprazamento na dinámica política alemá. Podería ser que quen toman decisións políticas en Alemaña chegaron á conclusión de que non hai taxa de cambio plausíbel para o Neuro e o Pseudo (ou Soro?) que puidese causar problemas no seu excedente de conta corrente e na súa estratexia de crecemento fundade na exportación. Ou á conclusión, polo menos, de que o seu abandono do euro é a "opción menos má", dadas as vivas reaccións políticas espertadas polos préstamos subsidiados a Grecia, Portugal, etc.

O outro punto é este: ás empresas transnacionais non lles preocupa de onde veña a demanda, mentres esta aumente nalgún lugar e poidan acceder a ela. A arbitraxe a escala internacional da man de obra é o mel sobre follado. Así pois, non importa que as políticas practicadas xeren desequilibrios insustentábeis entre os países e teñan pésimos resultados sociais, mentres manteñan expeditas as vías de acceso global á demanda dondequiera que este se ache.

Iso é probabelmente verdade, mentres o prezo último desas políticas non teñan que compartilo as empresas transnacionais (en forma de impostos ou de maior regulación). Até agora, ás empresas transnacionais foilles razoabelmente ben, na medida en que os custos se cargaron de forma totalmente desproporcionada sobre as costas doutros. O que moi ben podería cambiar, se os impostos gravitaran sobre os beneficios e non sobre as poboacións.

Nenhum comentário: