11/09/2011

Sindicato Labrego apresenta alegaçons contra o cánon de água imposto no rural galego

Na imaxe Carmen Freire, secretaria xeral do SLG e Manuel Docampo Paradelo, membro da Executiva do SLG e da Coordenadora Nacional do Encontro Irmandiño.



O SLG alega contra un canon da auga que se lle poderá cobrar ás explotacións agrarias, ás traídas veciñais e comunitarias e aos pozos particulares.

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, acompañada de Manuel Docampo Paradelo, membro da Executiva desta organización agraria; acudiron hoxe, 9 de setembro, até a sede de Augas de Galicia para rexistrar un documento de alegacións (achégase xunto a este comunicado) contra o chamado "Proxecto de decreto polo que se aproba o regulamento de réxime económico e financeiro do canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais". É dicir, o proxecto co que se pretende aprobar o canon da auga que, de ires para adiante, teremos que pagar todos os galegos e todas as galegas polo noso dereito a beber e, polo tanto, polo noso dereito a vivir.

O canon desenvolve e define unha Lei de Augas de Galicia que, lonxe de racionalizar o consumo ou velar pola calidade da auga, nace cun afán clara e exclusivamente recadador.

Para empezar, aplícase o principio de "quen contamina, paga; e quen contamina máis, paga máis", cousa coa que se podería estar de acordo se non fose porque Augas de Galicia se converteu, recentemente, nun ente de dereito privado (é dicir, que pode constituír ou formar parte de soiedades mercantís) sen control parlamentario. Poderase contaminar o que se queira a cambio de pagar, cartos que a empresa Augas de Galicia recadará, xestionará e cos que especulará ao seu antollo sen ter que render contas sobre onde ou como inviste ese diñeiro.O proxecto do canon da auga dá fe de varias mentiras coas que o Goberno da Xunta se tentou defender das críticas vertidas por organizacións como o SLG. Unha destas mentiras foi a promesa de que o canon da auga non se lle cobrará aos usos agrícolas. Tal promesa resultou ser un engano porque no proxecto de regulamento do canon non aparece en ningures que non se vaia cobrar ás explotacións agrogandeiras. Dise que os usos agrícolas estarán exentos sempre e cando non contaminen. O problema é que non se define en ningures que é ou que non é contaminación. Será Augas de Galicia, co seu afán recadador, quen defina e determine os parámetros do que considere contaminación. Neste senso, cómpre lembrar que, dende os poderes públicos se está fomentando e potenciando a reutilización dos lodos das depuradoras de cidades e núcleos urbanos como "abono" para as terras agrarias. A secretaria xeral do SLG, Carme Freire, declarou que "se eses lodos das depuradoras se van botar nas nosas leiras, que xa teñen abonos orgánicos e fertilizantes, estaremos cargando ás explotacións galegas cunha contaminación que elas non xeran e cunha culpa que elas non teñen. Está claro que a Xunta non vela nin pola saúde das persoas, nin pola saúde das nosas terras, nin polo uso e consumo racional da auga. Se as explotacións que contaminen van ter que pagar, e se é Augas de Galicia a que vai fixar de xeito aleatorio que se vai considerar contaminación ou non, estarase cometendo un absoluto despropósito, sobre todo cando queren botar no agro a contaminación e os lodos das depuradoras que se producen nos núcleos urbanos, incluídas as industrias".

O outro gran engano do Goberno Galego ten que ver coa promesa que se fixo de que non se lles cobraría o canon da auga nin aos pozos particulares nin a traídas comunais e veciñais, cuxos propietarios e propietarias supoñen o 23% da poboación galega. No artigo 7 do proxecto, que é onde se recollen os usos exentos e os usos non suxeitos ao canon, non aparecen nin os pozos nin as traídas veciñais por ningures. Por se non abondase, Augas de Galicia non ten previsto utilizar os cartos recadados para obras de mellora neste tipo de infraestruturas custeadas por particulares ou comunidades.
Incidindo no afán recadador da Lei de Augas e do canon, Manuel Docampo recordou que non se grava a cantidade de auga consumida, senón o consumo potencial por vivenda, considerándose que en cada casa hai tres persoas con independencia de cantas habiten realmente nela. Tamén criticou Docampo que a exposición pública deste proxecto se fixese en pleno mes de agosto, cando o meirande da xente está de vacacións, e dando un prazo moi curto para preparar alegacións. Afondando no espírito do proxecto co que se pretende aprobar o canon sobre a auga, Docampo definiuno como un "claro abuso" xa que "o canon poderá usarse de xeito caciquil grazas á enorme cantidade de ambigüidades ou indefinicións que contén o proxecto. Cuestións como cales son as exencións ou bonificacións do canon, definir que son usos domésticos da auga e que non, ou fixar os índices do que se considera contaminación, son aspectos que Augas de Galicia definirá ao seu libre albedrío sen ningún tipo de control público".

Nenhum comentário: