Avram Noam Chomsky. Artigo tirado de Público (http://blogs.publico.es/noam-chomsky/aquí) e traducido por nós para o galego desde o castelán.
Non hai dúbida do efecto dos atentados. Para centrarnos no tres países máis afectados, digamos que Afeganistán apenas sobrevive, Iraq está devastado e Paquistán achégase a un desastre que podería ser catastrófico. O 10 de maio de 2011, o presunto cerebro dese crime, Osama bin Laden, foi asasinado en Paquistán. As consecuencias máis inmediatas e significativas tamén ocorreron en Paquistán. Falouse moito do malestar de Washington por que Paquistán non lle entregara a Bin Laden. Pero falouse menos da raiba dos paquistanís por que EUA invadise o seu territorio para levar a cabo un asasinato político. O fervor antiestadounidense xa se intensificou en Paquistán e eses eventos atizárono aínda máis.
Un dos principais especialistas en Paquistán, o historiador militar británico Anatol Lieven, escribiu na edición de febreiro de The Nation Interest que a guerra en Afganistán estaba “desestabilizando e radicalizando Paquistán, o que podería causar unha catástrofe política para os EUA (e o mundo enteiro) que empequenecería calquera outra cousa que puidese suceder en Afeganistán”.
En todos os niveis da sociedade, sinala Lieven, os paquistanís simpatizan de maneira abafadora cos talibán afegáns, non porque os queiran, senón porque “os talibán son considerados unha forza lexítima de resistencia contra a ocupación estranxeira do país”, tal como eran percibidos os muyahidines afegáns que loitaron contra a ocupación soviética nos anos oitenta.
Estes sentimentos son partillados pola xerarquía militar de Paquistán, que resente amargamente as presións estadounidenses para que se sacrifique en nome da guerra de Washington contra os talibán. Máis amargura prodúcenlles os ataques terroristas (a guerra de avións non tripulados) dos EUA dentro de Paquistán, cuxa frecuencia aumentou co presidente Barack Obama, e a esixencia dos EUA de que o Exército paquistaní leve a guerra de Washington cara ás zonas tribais de Paquistán, ás que sempre se deixou en paz, mesmo durante o dominio británico.
As forzas armadas son unha institución estábel de Paquistán e manteñen unido ao país. As accións dos EUA poderían “provocar o amotinamento dalgúns sectores das forzas armadas”, advirte Lieven, nese caso “o Estado paquistaní derrubaríase efectivamente moi pronto, con todos os desastres que iso implicaría”.
Os posíbeis desastres refórzanse drasticamente polo seu arsenal de armas nucleares, enorme e en rápida expansión, e polo substancial movemento yihadista que existe no país.
Todo isto é legado do Goberno de Ronald Reagan. Os funcionarios desa época pretenderon que non sabían que Zia ul-Haq, o máis desapiadado dos ditadores militares de Paquistán, mais favorito de Washington, estaba a desenvolver armas nucleares e realizando un programa de islamización radical de Paquistán con financiamento saudita.
A catástrofe que axexa no fondo é que se combinen esas dúas herdanzas e que os yihadistas lle poñan a man encima aos materiais de fisión. Así, poderiamos ver armas nucleares, moi probabelmente bombas sucias, explotando en Londres e Nova York.
Lieven resume: “Soldados estadounidenses e británicos, en efecto, están a morrer en Afeganistán a fin de que o mundo sexa máis perigoso para os pobos británico e estadounidense”.
Con toda seguridade, Washington entende que as operacións que realiza no que se deu en chamar Afpak (Afganistán e Paquistán) poderían desestabilizar e radicalizar a Paquistán.
Os documentos de WikiLeaks máis significativos que se publicaron até agora son os cables da embaixadora estadounidense en Islamabad Anne Patterson, quen apoia as accións dos EUA en Afpak, pero advirte que “poderían desestabilizar o Estado paquistaní, gañarse a antipatía tanto do Goberno civil como da xerarquía militar e provocar unha ampla crise de gobernabilidade”.
Patterson menciona a posibilidade de que “alguén que traballe en instalacións [do Goberno paquistaní] introduza subrepticiamente o material de fisión necesario para chegar a fabricar unha arma”, perigo que se reforza pola “vulnerabilidade das armas en tránsito”.
Numerosos analistas observaron que Bin Laden anotouse algúns éxitos importantes na súa guerra contra os EUA.
Como sinala Eric S. Margolis no número de maio de The American Conservative, Bin Laden “aseverou repetidamente que a única forma de expulsar os EUA do mundo musulmán e derrotar aos seus sátrapas era atraer aos estadounidenses a unha serie de guerras pequenas pero custosas que, a final de contas, os deixasen na quebra”.
Despois dos ataques do 11 de setembro fíxose evidente que Washington parecía inclinado a cumprir os desexos de Bin Laden.
No seu libro de 2004 Imperial Hubris, Michael Scheuer (analista senior da CIA que rastrexara a Osama bin Laden desde 1996) explica: “Bin Laden foi moi preciso ao dicirlle aos EUA as razóns polas que está a librar esta guerra na súa contra. Está empeñado en alterar radicalmente as políticas estadounidenses e occidentais cara ao mundo islámico”, e en gran medida logrou o seu obxectivo.
Continúa: “As forzas armadas e as políticas dos EUA están a levar a cabo a radicalización do mundo islámico, algo que Osama bin Laden estivo tratando de facer con éxito substancial, aínda que incompleto, desde principios dos anos noventa. En consecuencia, penso que é xusto concluír que os Estados Unidos de América segue sendo o único aliado indispensábel de Bin Laden”. E poderiamos dicir que, aínda despois da súa morte, así seguen sendo as cousas.
A sucesión de horrores a través do decenio transcorrido lévanos a esta pregunta: había alternativa á resposta de Occidente ante os atentados do 11 de setembro?
O movemento yihadista, que na súa maioría criticaba a Bin Laden, puido dividirse e socavado despois do 11 de setembro se o “crime contra a humanidade”, como foron chamados os ataques con toda xustiza, fose tratado como un crime, cunha operación internacional para aprehender os sospeitosos. Isto recoñeceuse no seu tempo mais, coas présas por ir á guerra, ninguén considerou semellante idea. Vale a pena agregar que en boa parte do mundo árabe condenouse a Bin Laden pola súa participación nos atentados.
No momento da súa morte, Bin Laden xa era unha presenza apagada desde facía tempo e, nos meses anteriores, foi eclipsado pola Primavera Árabe. O seu papel no mundo árabe foi captado polo titular dun artigo de Gilles Kepel, especialista no medio Oriente, publicado en The New York Times: “Bin Laden xa estaba morto”.
Ese titular puídose publicarse moito antes, se os EUA non atizaran o movemento yihadista cos seus ataques de represalia en Afeganistán e Iraq.
Dentro do movemento yihadista, Bin Laden sen dúbida era un símbolo venerado, mais ao parecer non desempeñaba un papel moi importante para Al Qaeda, a súa “rede de redes” como a chaman os analistas, que emprendía basicamente operacións independentes.
Incluso os feitos máis obvios e elementais sobre este decenio provocan reflexións sombrías cando consideramos os ataques do 11 de setembro, as súas consecuencias e o que presaxian para o futuro.
Nenhum comentário:
Postar um comentário