04/09/2011

Traballas menos ca un profesor

Isaac Rosa. Artigo tirado de Fírgoa (aquí) e traducido para o galego por nós. O orixinal apareceu publicado en Público (4/09/2011).

Paréceme moi ben que, postos a facer sacrificios, os gobernantes empecen por apertarlles as porcas aos máis privilexiados. E no primeiro posto non están nin os pilotos, nin os controladores aéreos nin os delegados sindicais, senón, sobra dicilo, os profesores, sobre todo os profesores de secundaria.

Que lles vou a contar a vostedes que non saiban. Calquera que pasase por un instituto vería que aquilo é unha festa permanente: os docentes tócanse a barriga todo o día, dórmense en clase, xogan ao mus na sala de profesores, desperézanse no patio. Iso cando están no instituto, porque o habitual é que estean de paseo, por escaqueo ou polas moitas vacacións e festivos que teñen no ano. E encima páganlles!

Total, para a falta que fan, xa podiamos prescindir deles. Se os estudantes a esas idades edúcanse sós! Non hai que facer nada, dáslles os libros e xa se organizan, ao que axuda o predispostos que están nesas idades a convivir pacificamente cos seus compañeiros. En realidade segue habendo profesores por un resabio doutros tempos, xa que hoxe bastaría enchufar aos rapaces a un computador, e sairían máis que educados.

Sóalles disparatado todo o anterior? Pois sen chegar (aínda) a tanto, xa empezan a ouvirse voces que tentan caracterizar aos profesores como uns privilexiados aos que se pode esixir sacrificios en momentos de crises. En canto plantaron cara ás medidas antieducativas do goberno madrileño, este lanzou a súa artillaría contra eles.

A conselleira do ramo dixo que non entendía que quixesen facer folga despois de dous meses de vacacións, e subliñou o de "dous meses", para que todos nos removésemos de envexa. Ademais lembrou que teñen traballo garantido para sempre, con tanto paro como hai. Pola súa banda, Aguirre comentou que a maioría de madrileños traballa máis desas 20 horas que se lles pide a eles (confundindo con toda intención as horas lectivas coas de traballo).

Quen pense que os profesores son uns privilexiados, ou que están para que lles aperten máis, que se dea unha volta por un instituto. Comprenderá ademais o perigo que supón cargar o axuste sobre os responsábeis da educación dos nosos fillos, aumentándolles a carga lectiva, eliminando titorías e reducindo persoais. Todos perderemos, e moito.

Nenhum comentário: