16/10/2011

As alternativas dos tempos que están mudando

Daniel Raventós. Traducido por nós desde SinPermiso (aquí).

Loita de clases. Con intencións moi diversas, il vai de soi, xa todo o mundo (case todo o mundo, tampouco hai que esaxerar) apúntase a chamar ao pan, pan e ao viño, viño. Economistas, sociólogos, politólogos, xornalistas... que hai poucos meses, poucos anos, consideraban definitivamente demodé non xa a existencia da loita de clases senón a realidade das clases mesmas, agora ven ben clara a montaña que teñen ante os seus ollos. Claro que sempre pode atoparse académicos que consideran que é mellor obviar a montaña ante os seus narices e refuxiarse no sofisticado e pouco comprometedor "imaxinemos que..." (e aquí pode apuntarse calquera situación superferolítica que xamais se dará nun mundo habitado polo Homo sapiens).


Quizais o que levou a confundir a máis dun e de dous, foi que debían imaxinar que a loita de clases tiña lugar basicamente nos momentos en que a clase obreira (ou clases traballadoras en xeral) loitaba máis ou menos ofensivamente. O que experimentamos ao longo de polo menos os últimos 35-40 anos é xustamente o contrario a esta loita ofensiva das clases traballadoras: quen estivo á ofensiva de forma decidido, clara e constante foi a clase dos súper ricos. Poñamos, aínda que seguramente é facer demasiado grande a proporción, que estamos a falar do 1% da poboación, o máis rico. Ben é certo que as clases traballadoras resistíronse mal que ben, que é o que está a facer a poboación grega se non unha resistencia heroica ao saqueo a que está a ser sometida por parte da gran banca, a UE, o FMI e o seu propio goberno? Para que este 1% (ou menos) máis rico salga exitoso das súas acometidas, precisa, está claro, da completa colaboración dos gobernos. Non é polos seus méritos que a maior parte deste grupiño son ricos, especialmente se o criterio márcano os resultados empresariais conseguidos. Soamente están dispostos a continuar coa cantilena da xustiza meritocrática debida á innovación, e vaia vostede a saber que patochadas máis, que soñadoramente achega este 1%, algúns sicofantes e outros personaxes delirantes instalados nos biosbardos. Aínda que influentes nalgúns casos, sen dúbida. Como escribía moi recentemente o economista Dean Baker: "Mentres que certo número de ricos poden lograr o éxito traballando duro e sendo listos e creativos, moitos dos moi ricos conseguiron directa ou indirectamente o seu diñeiro grazas a que a gran man do Goberno inclinou o campo de xogo na súa dirección. O traballo duro desas persoas consistiu en amañar as regras para asegurarse de que terminarían na cima."

Cando un político ultraconservador e católico como Duran i Lleida, o político que enquisa tras enquisa é o máis valorado do Reino de España!, permítese emitir frases como as que tanto rebumbio levantou estes últimos días, está a falar tamén de loita de clases. Está a falar da necesidade de recortar aínda máis os fondos públicos que aínda van destinados aos sectores sociais máis vulnerábeis. Lembremos algunhas dos improperios que proferiu: "Noutros sitios de España reciben un PER [Plan de Emprego Rural] para pasar unha mañá ou toda a xornada no bar do pobo", "Non é o mesmo unha persoa que teña un inmigrante na súa casa de servizo que quen vive nun bloque e non pode vender o seu piso a prezo de mercado porque cada día van máis inmigrantes a comprar na tenda de á beira". Poucas dúbidas ofrecen as intencións destas palabras. E máis cando o belixerante en recortes sociais goberno conservador da Generalitat, de cuxa coalición é membro Duran i Lleida, asumiu as súas palabras sen a menor rectificación. Este mesmo goberno que en Catalunya está a recortar as axudas aos máis necesitados entre os necesitados. Loita de clases desde arriba. Ora: a Unión Europea leva empregados case 1,3 billóns de euros para tentar reflotar 215 bancos. A débeda de Grecia, de 340.000 millóns, é pois 3,8 veces inferior ao que está a custar salvar aos bancos. As diferenzas de condicións esixidas nas "axudas" a Grecia e as axudas, sen comiñas, á banca non fai falta volvelas a enumerar. Loita de clases desde arriba.

A idea de aproveitar a situación de crise para incrementar a sospeita da fraude que supostamente realizan os perceptores dos subsidios destinados aos pobres non é exclusivamente do goberno catalán, por suposto. Repítese na comunidade autónoma vasca e na de Madrid, por citar dúas comunidades gobernadas no primeiro caso polo partido Socialista (co apoio do Partido Popular) e polo Partido Popular directamente, no segundo. E repítese noutros lugares, e repetiuse noutras épocas. Sempre que as clases traballadoras e os máis vulnerábeis dentro delas accederon a un novo dereito, normalmente conseguido despois de duras e longas loitas, lanzouse desde os púlpitos políticos, xornalísticos e académicos proclives aos máis ricos, os máis negros vaticinios contra este novo dereito. Hai un momento histórico que é unha das miñas situacións preferidas. En 1935, baixo a presidencia de Franklin D. Roosevelt, implantouse en EEUU o subsidio de desemprego. Como pode imaxinarse, houbo grandes declaracións e debates, antes e despois de promulgada a lei, entre políticos, economistas, intelectuais, xornalistas e poboación en xeral. Que dicían algúns industriais ou representantes seus sobre as calamidades que suporía a implantación do subsidio de desemprego? Houbo declaracións respecto diso que merecen ser rescatadas. Unha pequeñísima mostra: "A dominación definitiva do socialismo sobre a vida e a industria" (Asociación Nacional de Fabricantes); "Destruirá a iniciativa, desalentando o aforro e afogando a responsabilidade individual" (James L. Donnelly, da Asociación de Fabricantes de Illinois); "Nun momento ou outro, traerá consigo, ineluctablemente, o final do capitalismo privado" (Charles Denby, Jr., da Asociación Americana de Avogados). E poderiamos seguir. As declaracións e prácticas de goberno dos tipos como Duran i Lleida inscríbense nesta longa tradición dos Donnelly e Denby.

A pobreza está a aumentar de forma constante. Segundo un informe do Consello Económico e Social de mediados de 2011, Pobreza, desigualdade e crise económica, desde o comezo da crise [no cuarto trimestre de 2007] os fogares que non perciben ningún tipo de ingreso, indicador indirecto da pobreza máis extrema, aumentaron un 120%, até 265.000. Soamente no 2010, o número de familias nesta situación aumentou en 115.000. Un 7% respecto ao ano anterior. Sabido é que dentro de poucas semanas moitos centenares de miles de desempregados que habitan no territorio do Reino de España quedarán sen a menor cobertura. En Catalunya, entre outubro e marzo, acabarán de percibir prestación de desemprego case 175.000 persoas. Nación onde o 75% que cobran o PIRMI (renda mínima de reinserción), aproximadamente 34.000 familias, son "pobres a consecuencia da crise" xa que hai menos de 2 anos que a perciben. As consecuencias máis perniciosas da crise para as clases traballadoras están aínda por vir.

O impresionante despregamento de centenares de miles de persoas o sábado 15 de outubro en moitas cidades do mundo, con especial forza en Roma, Barcelona e Madrid, protestando pola situación social á que chegamos debido ás prácticas económicas que permitiron e alentaron as autoridades, e polas políticas posteriores que aplicaron moitos gobernos, mostran que son moitos os homes e mulleres que cren, e están dispostos a empregar tempo e dedicación para defendelo, que as cousas poden facerse doutra maneira. Que hai alternativas. Que moitos centenares de miles de persoas están, como expresaba o manifesto da asemblea xeral de Nova York, "dispostas a ocupar o espazo público; a crear un proceso para xestionar os problemas aos que nos enfrontamos; e a xerar solucións accesibles para todos." Que non se cren que non haxa alternativas. Escribiamos Antoni Domènech e eu a principios do verán noutro lugar: "A impresión dominante é que calquera alternativa imaxinábel á política 'sen alternativa' haberá de estrelarse contra o pétreo muro dunha troika empeñada agora en destruír a democracia europea co mesmo celo dogmático con que levou incompetentemente á nosa economía á catástrofe en 2008." Porén alternativas hainas e non poucas.

O próximo 22 de outubro realizarase en Barcelona un simposio para profundar nunha destas alternativas, a renda básica de cidadanía. Coa presenza de representantes de Bildu, Democracia Real Ya, EUiA... analizarase as perspectivas dunha medida que ten que ir sendo abandonada por algúns partidos que mostraran por ela certas simpatías en determinado momento, e que de forma pouco estrepitosa mais segura está a ser incorporada ás reivindicacións, ás alternativas, deste grande movemento que ocupou moitas rúas o 15 de outubro. Do mesmo xeito que di a letra da gran canción de 1963 que compuxo Bob Dylan: "como o agora presente máis tarde será pasado/ a orde desvanécese rapidamente/ e o agora primeiro máis tarde será o último/ porque os tempos están a cambiar."

Nenhum comentário: