09/11/2011

Dádeme unha alavanca e afundirei o mundo

Alejandro Nadal. Artigo tirado de aquí e traducido por nós para o galego.

Nos dramas de Eurípides e Sófocles as figuras heroicas frecuentemente suicídanse para liberarse de situacións nas que se saben perdidos de antemán. Para o heroe non hai saída e camiña inexorabelmente cara á súa propia destrución. Os profetas na traxedia grega posúen información e utilízana para canalizar ao heroe cara á súa destrución, presentándoa a través de adiviñas indescifrábeis ou herméticos enigmas.

A tradición mantense viva en Europa, pois hai uns días, no cume de líderes europeos para dar a solución definitiva á crise do euro, fíxose alarde dos mesmos impulsos suicidas e sentaron as bases da destrución inexorábel da moeda común.

O cume anunciou unha seitura de 50 por cento sobre o principal da débeda grega. Dise que é un recorte voluntario para non desencadear un evento crediticio. Mais que é un evento crediticio? Ese eufemismo alude veladamente ao cataclismo financeiro que se produciría se se cumpren as condicións dos seguros de débeda que os bancos europeos contrataron coas súas contrapartes estadounidenses para cubrirse en caso de falta de pagamento por parte dalgún goberno da eurozona. Para que os bancos acepten, presionóuselles, chantaxeado e corrompido cun paquete de incentivos de 30 mil millóns de euros.

Logo veu o prato forte: o anuncio da ampliación do Fondo Europeo de Estabilidade Financeira (FEEF) até un billón de euros. E se vostede pregúntase de onde sacaron ese diñeiro, a resposta é que non o teñen. O anuncio é un engano: o Fondo non foi dotado dun céntimo de recursos frescos.

Isto demanda unha explicación. Poderíase utilizar ao Banco Central Europeo para imprimir un 700 mil millóns para aumentar o poder do Fondo. Pero os alemáns están en contra. Así que se espera que o sector privado en Europa poida proporcionar unha parte de deste monto. No entanto, coas perspectivas á baixa, esa achega non pasaría uns cuantos millóns de euros. Entón, de onde pensan os líderes europeos sacar o resto?

A resposta: de China. Si, agora tócalle a esa peza mitológica chamada mercados emerxentes rescatar á vella Europa. Claro, o comunicado tamén fala de Brasil e India, pero non hai que enganarse
. Eses dous non poderían entrarlle a unha aventura de deste calibre. Por iso o primeiro que fixo Sarkozy saíndo da reunión foi chamar a Hu Jintao para darlle a boa nova. O presidente chinés recibiu a mensaxe con frialdade.

O plano é absurdo. A maioría dos países europeos (salvo Alemaña e Irlanda) mantén un déficit comercial importante con Pequín. Así que pedirlle recursos a China para apontoar o FEEF equivale a pedirlle diñeiro prestado para seguir comprando as súas exportacións. As relacións comerciais e financeiras entre China e Estados Unidos estiveron baseadas no mesmo principio, o que conduciu aos desequilibrios globais que marcaron a economía mundial nas últimas décadas.

Os chineses esixirían condicións para entrar nun arranxo deste tipo. Demandarían un mellor acceso aos mercados europeos, o que axudaría a deteriorar aínda máis a balanza comercial e o emprego en Europa. Logo viría o tema delicado da paridade cambiaria. Xa un membro do comité de política monetaria do banco central chinés declarou que a cambio de investir no FEEF, Pequín apremaría aos europeos para que non se queixen da manipulación cambiaria que mantén o renminbi subvaluado.

China teñen os seus problemas: unha xigantesca burbulla inmobiliaria, bancos con estados financeiros de dubidosa transparencia e unha forte sobre-investimento en varias industrias fundamentais. Tería que enfrontalos antes de comezar a xogar ao mangallón do bairro que arranxa problemas alleos.

Este enredo esconde unha profunda distorsión do Fondo europeo de estabilidade financeira: agora o apalancamento converteuse nunha das súas características esenciais. Apalancar significa utilizar unha pequena cantidade de diñeiro para conseguir máis recursos e poder investir (e especular). E iso é precisamente o que Sarkozy e a Merkel pretenden que se faga co FEEF. O anuncio do cume europeo até ofreceu a creación dun vehículo especial para atraer inversionistas, non moi diferente dos CDO (collaterized debt obligations) que desempeñaron un papel nefasto como detonantes da crise financeira. Resulta paradoxal que o apalancamento, práctica tan apetecida dos especuladores, inseriuse no corazón do instrumento que se supuña podía dominar os excesos da especulación financeira. Arquímedes observaría que con esta alavanca non se necesita un punto de apoio para afundir a economía mundial.

Do mesmo xeito que os personaxes tráxicos, os líderes europeos mostran total incapacidade para aprender e ler os sinais. Crendo dominalas, abrazan con gusto as forzas da súa propia destrución. Keynes, quen coñecía ben aos clásicos, diríalles que o futuro é incerto.

Nenhum comentário: