30/11/2011

Esquerda abertzale, transición e hexemonía

Katu Arkonada. Artigo tirado de Gara (aquí) e traducido por nós para o galego.



O concepto de hexemonía é utilizado por primeira vez polos socialdemócratas rusos a comezos do século XX para definir a política de alianzas que debía articular a clase obreira rusa para tomar o poder e liderar as transformacións políticas e económicas que debían realizarse co obxectivo de desmontar o réxime zarista sen esperar a que as mesmas fosen realizadas por unha burguesía nacional débil e sen claridade política (Errejón, 2011).

Con todo, é Antonio Gramsci quen desenvolve toda unha teoría ao redor da construción de hexemonía. Gramsci, ao contrario que Marx e Engels, non traballa demasiado as teorías do desenvolvemento económico, e en cambio si constrúe toda unha teoría marxista da política, centrándose en como debe ser estruturado o goberno, como debe ser constituído o Estado, e como deben ser organizados os movementos políticos para construír unha hexemonía que lidere as transformacións necesarias na sociedade. Toda esta lectura é central para un debate estratéxico na esquerda abertzale, pois debemos preguntarnos cal é a posibilidade en termos históricos, de conseguir hexemonía en Euskal Herria.

Unha vez pasadas as eleccións do 20N, é tempo de facer análise máis en profundidade dos retos que enfronta a esquerda abertzale. En Euskal Herria estamos inmersos nunha política de alianzas e nun intento de construír liderado para tomar o poder institucional e desde aí conducir transformacións políticas e económicas, sabendo ademais que a dereita burguesa vasca do PNV non o vai a facer. Isto lévanos á necesidade dunha segunda fase na que necesariamente debemos construír hexemonía, articular sectores nunha nova vontade colectiva, que logre que unha reivindicación concreta (o dereito de autodeterminación unido á proposta dun proxecto político como é a independencia), en articulación cos movementos sociais e sindicais que desde o sectorial conflúen na demanda, transfórmese nun sentido común para toda a sociedade vasca. Isto é o que Arnaldo Otegi definía como bloque histórico (outro concepto gramsciano), un bloque popular para levar o proceso de liberación nacional e social até o final. Sumar forzas para cambiar a relación de forza co Estado. É dicir, necesitamos un proxecto político e económico que convenza a toda a sociedade vasca (construción dun sentido común) de que vai vivir mellor nunha Euskal Herria independente e socialista que baixo a administración española.

Neste momento histórico é necesario repensar a estratexia do Movemento de Liberación Nacional Vasco para tomar o poder e achegarnos á independencia como vía para construír unha transición ao socialismo. Esa transición debe interpelarnos sobre que proxecto político necesitamos construír, que estrutura política e institucións necesitamos no momento histórico actual, mais tamén debe interpelarnos sobre cales son os actores deste proceso de transformación, o suxeito constituínte deste momento histórico.

Non podemos ocultar que no últimos dez anos o proxecto político da esquerda abertzale enfrontouse a enormes dificultades para poder desenvolverse, polo menos no referido á loita de liberación social. A brutal represión exercida polo Estado español (e tamén o francés) levounos a unha situación de resistencia, na que desde posicións defensivas tratamos de responder os golpes, e aínda así construír unha ofensiva no terreo da liberación nacional. Porén a esquerda abertzale sempre considerou que liberación nacional e liberación social son dúas caras da mesma moeda e, por tanto, no novo momento histórico en que nos atopamos, neste cambio de ciclo, é necesario repensar a estratexia coa que temos que dar a batalla nos próximos anos, esta vez nun terreo exclusivamente político.

E neste punto é onde se fai urxente e necesaria unha nova forza política. Unha vez superado o ciclo de confrontación armada e sen esa posibilidade de cohesión que daba ese método de loita, unha nova forza política debe converterse nun eixo articulador central das loitas populares e na posibilidade de expresalas ou, mellor dito, transformalas nun proxecto de e para o país. É dicir, máis que un instrumento, a nova forza política debe converterse na plasmación concreta e real da sociedade que queremos.

Despois do anuncio do cesamento de 52 anos de loita armada por parte de ETA, un dos nosos maiores perigos vai ser o que Gramsci denominaba «revolución pasiva». Ante unha conxuntura onde as clases dominantes (no noso caso a burguesía vasca e española), comezan a perder a hexemonía na sociedade, modifican as posicións de forza, recollendo parte do discurso dos sectores que comezan a ameazar a súa hexemonía (a esquerda independentista vasca). É dicir, é moi probábel que perante o avance electoral da esquerda abertzale, a maneira do PNV e outros sectores de resolver a súa crise orgánica de hexemonía sexa apropiarse de parte do discurso da esquerda abertzale e tratar de vender á sociedade vasca os seus avances no referente á liberación do pobo vasco. Por tanto, a revolución convértese en restauración, e os de arriba neutralizan aos de abaixo. Isto é un dos perigos que debemos enfrontar e polos que se fai necesaria a construción dunha nova forza política que articule a construción do poder popular e trate de evitar o perigo de conformarnos cos avances conseguidos, pero sobre todo, coas concesións que nos faga a dereita, sexa esta vasca ou española.

Tampoco podemos esquecer nesta breve análise a importancia da articulación internacional. O coñecemento e a articulación política con outros procesos e loitas débennos servir para complementar a construción ou reactualización do noso propio proxecto político. Proxecto político que é urxente e necesario definir con forza e radicalidade, pois o poder e a maioritaria presenza institucional pódennos levar a converternos nunha socialdemocracia na liña de moitos novos partidos de esquerda europeos se non temos un rumbo ideolóxico e un proxecto político e económico ben definido. Como nos expón Slavoj Zizek citando á súa vez a Alan Badiou, o noso maior perigo é a ilusión democrática, é dicir, a aceptación dos mecanismos democráticos como marco final e definitivo de todo cambio, o cal evita o cambio radical das relacións capitalistas. Porque precisamente desde a experiencia internacional que nos dan os procesos de cambio en América Latina, podemos ver como normalmente non é a esquerda a que se apropia do Estado, senón ao contrario, é o Estado o que se apropia da esquerda, sumindo ao Estado na burocracia e tecnocracia, e facendo perder toda radicalidade ao movemento político que goberna. En calquera caso, o coñecemento de experiencias de xestión estatal, de desenvolvemento lexislativo de novas constitucións, de redistribución da riqueza, de estructuración do tecido produtivo e planificación territorial dentro doutro modelo económico que prioriza a economía social, así como outras expresións de democracia e formas de participación nos gobernos aliados de América Latina, sen ningunha dúbida servirá para fortalecer o camiño polo que a esquerda abertzale debe transitar na construción da súa propio modelo de socialismo identitario.

E ese tránsito entre un ciclo e outro, así como o intento de construción de hexemonía, ou se se prefire, a posibilidade de construír a independencia e o socialismo, só vai se é posíbel cando avancemos nese sentido común na sociedade vasca, evitando a revolución pasiva a cargo da burguesía nacional, construíndo desde abaixo cunha nova forza política que permita articular as loitas populares mentres comezamos a pensar o modelo de Estado e o modelo económico que queremos para ese futura pero próxima Euskal Herria independente e socialista.

Nenhum comentário: