21/11/2011

O Banco de España intervén o Banco de Valencia e "inxectaralle" 1.000 millóns de euros

Redacción.

As familias en crise, os desempregados, aqueles galegos e galegas que fican sen o cartón sanitario xa o saben. O único camiño para saír do pozo e montar un banco e esperar a que "papá Estado" veña ao resgate con xenerosidade. Máis diñeiro público para sanerar un banco que, lonxe de nacionalizarse e usarse para crear crédito a quen o necesita realmente (a economía real), malvenderase por catro cadelas "aos mercados" (os especuladores) non sen antes "indemnizar" aos responsábeis do seu afundimento xenerosamente como os galegos xa sabemos polo caso No.Ca.Ga. Os accionistas só están para recibir dividendos e cando as cousas van mal "socialízanse" as perdas.

Eses mesmos desempregados, donos de PEMES e desafiuzados son os que onte correron a apostar por máis ortodoxia ultraliberal apoiando ao PP, coa esperanza (mais ben un cravo ardendo) de que "isto non pode ir a peor" como se ouvía estes días a moitos labregos e traballadores.

O FROB toma agora as rendas do control do Banco de Valencia e, polo de pronto, "inxectaralle" 1.000 millóns de euros ao tempo que abre unha liña de "liquidez" de 2.000 millóns de euros (polas saídas de depósitos que se producirán). 3.000 millóns de euros para os que non hai "axustes", nin "recortes", nin "austeridade". O presidente do Banco de Valencia, José Luís Olivas, apresentou hoxe a súa demisón como vicepresidente executivo de Bankia e vicepresidente da matriz do grupo, o Banco Financeiro e de Aforros (BFA) presidida por Rodrigo Rato, antigo membro do FMI e ministro de economía con Aznar. Demitiu antes de que se fixera o buraco "público" (nunca mellor dito porque agora tapamos todos a fochanca cos nosos impostos) foi o presidente de Bancaja

A BFA de Rodrigo Rato conta cun 27% do Banco de Valencia e levaba semanas tentando vender a entidade sen éxito porque todos están agardando como se resolve aínda a colocación da CAM (onde o director era marido de Dolores de Cospedal do Partido Popular) a prezo de saldo e após ser intervida. Outra caixa intervida de semellante volume fora a CCM. O Banco de Valencia cae polos negocios inmobiliarios e a especulación do ladrillo e representaba 0'74% dos activos do sistema financeiro español. A grande pergunta é: que pasará se pola borbulla especulativa da débeda pública de Eurolandia cae un dos grandes? Quen garante os depósitos da clase traballadora? Mágoa que a historia non se teña nunca en conta e que o crack do 27 ou o "corralito" non se teñan como serias ameazas que poderían acontecer tamén aquí.

Nenhum comentário: