14/11/2011

Un oasis en Caixa Rural Galega

Artigo tirado de aquí.

Hai unha entidade financeira galega que ten un cociente de solvencia Tier 1 do 10,18%, o dobre da que pode facer gala Novacaixagalicia (coa inxección do Fondo Bancario). O Tier 1 é o indicador que utiliza Bruxelas para determinar a solidez dunha empresa crediticia. Pensen que Banco Santander, primeira entidade española, ten que sumar máis de 7.000 millóns para alcanzar o 9% de capital principal (máis outros recursos que computan para ese efecto). A empresa galega é a sociedade cooperativa de crédito Caixa Rural Galega, con domicilio social en Lugo.

Coa bancarización de Novacaixagalicia e a súa futura conversión en fundación (abonda con que o capital privado supere en accións ás que teña a propia caixa, tendo ao FROB de socio), Caixa Rural é a única entidade de crédito que non funciona como sociedade anónima. A maiores están Banco Etcheverría (o máis antigo de España), Banco Galego (a caixa non logrou vendelo), Banco Pastor (absorbido polo Popular) e a propia caixa, nacionalizada. Os problemas de Banco Galego e a depreciación do valor de Banco Pastor (sen avaliar a xestión) veñen de atrás, non empezou coa caída de Lehman en 2008.

Caixa Rural, con moi pouca presenza mediática, soubo manter baixo control as súas posicións para non depender do financiamento almacenista e non exporse a unha excesiva concentración de riscos. Isto non o poden dicir outras empresas crediticias galegas. A morosidade baixou en 2010 ao 2,21%, exactamente catro puntos porcentuais por baixo da que presentou Novacaixagalicia. Aquí podemos deducir dúas cousas. En primeiro lugar, que a mora da caixa é demasiado elevada. E dous, que esa alta taxa de dubidosos impórtase de fóra. A morosidade de Novacaixagalicia na comunidade á que se debe -por principio fundacional- é a metade da que ten que levar sobre as súas costas.

Caixa Rural non viviu á marxe das circunstancias e, está claro, tamén financiou a actividade inmobiliaria. Pero esta non concentra demasiado risco. A exposición neta ás familias é superior, e a exposición deteriorada tamén (que o financiamento inmobiliario). A maior parte dos créditos destinados á adquisición de vivenda ou de locais comerciais movéronse no rango 50-80% do valor de tasación (LTV). En canto á carteira de Caixa Rural, sorprende ver como esta mantén o mesmo valor que o que tiña o exercicio anterior. Un apuntamento, as participacións en fondos de investimento limitáronse a 38.000 euros.

Todo nesta entidade é pequeno se se compara con Novacaixagalicia. Iso é innegábel. E a posición de solvencia de Caixa Rural non pode paliar a destrutiva perda do músculo financeiro que tiña Galicia até hai días. Con 44 oficinas, a maior parte delas na provincia de Lugo, non van arranxar as cousas. Pero non está de máis lembrar as boas noticias.

Nenhum comentário: