* Nova en Galicia Confidencial.
"Corroboro que está feito o relevo... Asumo moi ben o que digo, as cadencias e os tempos". Así comezou Xosé Manuel Beiras o seu curto discurso de presentación de "Un común denominador. A esquerda da nación", un libro baseado nas reflexións e nos artigos xornalísticos de Martiño Noriega, publicado por 2.0 Editora e presentado este mércores na libraría Couceiro. Precisamente a el ían dirixidas esas palabras.
"Agora só fai falla que algúns asuman que se fai así...con este espírito de afecto, de agarimo, de solidaridade, de irmandade...Ou se fai deste xeito ou seremos responsables de non ter sido congruentes co que predicamos e menos coas mencións que facemos dos nosos devanceiros", engadiu Beiras.
E pouco máis dixo da situación interna do BNG. Aínda que os dous parágrafos que saíron da súa boca foron ben altos, claros e elocuentes. "A pouco entendedor poucas verbas fan falla", engadía polo baixo unha muller do público.
Pero non calou aí o Beiras. Foi, quizais máis directo, cando leu o perfil que lle fixo a Martiño e que aparece publicado no libro. "Évos así. O Martiño évos así. É coma un neno coa enerxía dun mozo e o siso dun petrucio. Rara síntese das idades dun home, inusitada conxunción simultánea das estacións da vida feita individuo, persoa singular. Se a infancia, tense dito, é a patria do home, no caso de Martiño --ousaría dicir eu-- é o substrato nutricio da súa personalidade"....
O "pudor" de Mariño
"A verdade é que teño un gran pudor. Teño todo o corpo tremendo de pudor". Foi a resposta do alcalde de Teo cando lle chegou a súa quenda. Visiblemente emocionado quixo agradecer as verbas de todos os que o acompañaban na mesa e, por extensión, aos que estaban na Libraría Couceiro, chea a rebentar. "Este libro é unha viaxe á inversa, do dixital ao papel", dixo ao referirse aos artigos publicados en ANT Dixital --hoxe desaparecido-- e en Tempos Novos, e, a pesar de falar de tod,o "deixa moitas portas abertas".
A obra acolle as súas reflexións sobre a situación política de Galicia e do nacionalismo galego, que foron escolmadas por Xosé Ramón Fandiño. O volume tamén se enriquece cunha longa entrevista realizada pola xornalista Rosabel Candal en xullo de 2011 e na que se fai un repaso do momento político de Galicia e do Estado, así coma dos debates para a construción dunha esquerda real e da encrucillada na que stá o BNG.
As súas reflexións
Esta é unha pequena escolma destas reflexións que podedes ler en profundidade en "Un común denominador:
A necesaria refundación do BNG?
O BNG necesita unha catarse, unha terapia. Eu son moi conservacionista en xeral, entendo que procesos colectivos cunha historia de case 30 anos, merece a pena pelexar por eles porque son representativos e son a nosa ferramenta de transformación....
Sobre a xente que marchou do BNG?
Coma o amor...É recuperable o amor? Ao mellor non, pero si determinadas sensacións. Marchou moita xente cansa porque non se sentía copartícipe, porque se sentía excluída, porque se perdera a ilusión, entendían que un colectivo maioritario estaba a impor o seu ollar. Non sei se a ilusión é dificilmente recuperable, pero si se pode implicar a todo un sector que está fóra do BNG, o nacionalismo social, a esquerda social, establecendo un contrato de mínimos para reconstruír a confianza.
Sobre os personalismos nas forzas políticas
Os personalismos e as posicións de parte existen en todas as forzas políticas. No BNG as diferenzas ideolóxicas son menores ca noutras forzas políticas. Determinados procesos históricos, posicionamentos, antipatías, fobias, filias, etc., condicionan a organización, entre outras cousas porque na organización están persoas e non robots...
O contido do contrato de mínimos
O contrato de mínimos debería explicitar elementos irrenunciables en caso de ter responsabilidades de goberno: en materia social, de servizos públicos, de valores identitarios, lingüísticos, etc.; debería deixar claro a onde quere chegar o BNG, independentemente de situacións adversas: mediáticas, económicas, de falta de soberanía...
Os liderados compartidos
No nacionalismo galego nunca se chegou a probar con sinceridade unha fórmula coma a experimentada polo PNV...Coido que tivemos unha oportunidade excelente no momento do relevo de Beiras...
a trindade político-organizativa do BNG: portavoz nacional, parlamentario e candidato.
Non teño consciencia de cal sería a mellor fórmula de combinar esa "trindade". Si teño o convencemento de que calquera é posible e ningunha incompatible...
o control da UPG
A UPG considera, e sempre considerou históricamente, que debe ser a garante do funcionamento do BNG... Non o fai por arte de maxia. Faino porque ten unha militancia, non só consistente, senón moi cohesionada, unha sólida disciplina que non teñen outras sensibilidades do BNG... O problema é cando se cre que a posición da UPG é a posición do BNG. Ese é problema. E se fose así, o BNG non sería necesario: a UPG tería que presentarse por si mesma nunhas eleccións.
Os independentes dentro do BNG
Actualmente no BNG hai unha concentración parcelaria en tres grandes sensibilidades, onde tampouco hai unha reprsentación dos independentes per se, aínda que moitos independentes teñen posicionamentos próximos a algunha das tres correntes... O que pasa é que ao final cada sensibilidade remata por adquirir os mesmos vicios, e configúrase e retroaliméntase a si mesma.
Sobre a necesidade de regresar a Riazor
Se imos a recuperación dun proxecto colectivo, de ilusión, da necesidade de ser xenerosos para ofrecrlle á sociedade galega un instrumento que sirva para defender os sectores máis agredidos da sociedade e do país, é positivo, pero reinvindicar o modelo de Riazor sen ningún tipo de adaptación aos tempos que corren, trinta anos despois...é unha quimera.
Nenhum comentário:
Postar um comentário