05/01/2012

Para entender a crise: así comezou todo nos EUA

Vicenç Navarro. Artigo tirado de aquí e traducido por nós. Os ricos do Reino de España gañaron 6% máis no peor ano desde o comezo da crise en 2007-2008. As vendas de carros de luxo tamén están no seu mellor momento.



As causas profundas da crise económica actual son: en primeiro lugar, a enorme polarización das rendas que se foi producindo en Estados Unidos a partir dos anos 1960 e que alcanzou a súa máxima expresión nestes primeiros anos do século XXI. En segundo lugar, tamén en Estados Unidos: a desregulación da banca mediante a anulación, a mediados dos  anos 1980, da lei Glass-Steagall Act que se estableceu precisamente despois da gran crise de 1929 e durante a Gran Depresión para diminuír    o excesivo poder da Banca e protexer os aforros da poboación. É mester analizar estas causas para prever consecuencias e solucións.

En 2005, en Estados Unidos, o 1% da poboación tiña o 28% de toda a renda do país, unha concentración da renda (24%) semellante á que existía a mediados dos anos 1920, antes de que explotase a Gran Depresión do século XX. A partir de entón, as medidas tomadas pola Administración Roosevelt antes e durante a II Guerra Mundial, tiveron un impacto redistributivo moi importante, de maneira que, cando a guerra terminou, tal concentración descendeu. A renda dos ricos (o 1% da poboación) baixou ao 12%, descenso que continuou até finais dos anos 1970.

Durante este período, a clase traballadora era forte e había imposto ao mundo empresarial a necesidade de pactar non só o nivel salarial senón tamén as condicións de traballo e, a través da súa influencia política, a expansión do estado do benestar e a distribución da renda nacional, aplicando políticas redistributivas que diminuíron as desigualdades.

Así, desde 1949 a 1979, o incremento das rendas (facilitado polo aumento da produtividade) distribuíuse a todos os sectores da poboación de maneira que o incremento da renda por cada decila da poboación foi bastante semellante, coas decilas inferiores crecendo algo máis (116%) que as decilas superiores (99%)*. As políticas económicas eran intervencionistas cun carácter keynesiano claro. Incluso o presidente republicano Richard Nixon definiuse como keynesiano.

A clase traballadora atinxira grande poder. E como sempre ocorre, seguiu incrementando o nivel das súas demandas. Cando a clase traballadora non ten traballo (ao ter un desemprego alto) quere ter traballo. Cando o ten, quere ter bos salarios e unhas boas condicións de traballo, e cando alcanza isto último, quere ter unha voz na decisión de como realizar o traballo e como xestionar a empresa
.

Durante o período 1945-1979, o nivel de demandas e conquistas laborais  aumentara a medida que a clase traballadora ía conseguindo as súas peticións, resultado do seu maior poder. En realidade nos anos 1960 e principios dos anos 1970, houbo grande número de mobilizacións obreiras (que se estenderon a todo o mundo occidental: o Maio 68 francés, o Outono Quente en Italia, etc.) que atemorizaron á clase empresarial. Complicando as cousas para o mundo empresarial, estaba a guerra de Vietnam, que ao incrementar enormemente o gasto público estadounidense sen incrementar os impostos para financiala (o Goberno federal era consciente da enorme impopularidade daquela guerra, feita, como sempre, polos fillos da clase traballadora) non se atreveu a subir os impostos para financiala contribuíndo a crear unha grande inflación.

A clase empresarial estaba á defensiva; era consciente de que estaba a perder poder e, como sempre ocorre, respondeu. A primeira resposta tivo lugar durante a Administración Carter (1977-1981), cando o gobernador de Banco Central Estadounidense (The Federal Reserve Board), Paul Volcker, creou unha recesión a fin de aumentar o desemprego e debilitar así á clase traballadora. Díxoo claramente, ao afirmar que había que diminuír os custos laborais para reducir a inflación. A maneira de aumentar o desemprego foi aumentando os intereses bancarios de forma moi acentuada, o cal determinou unha diminución moi forte do crecemento económico.

Jimmy Carter foi sucedido por Ronald Reagan (quen mantivo a Paul Volcker como Gobernador da Reserva Federal), e desenvolveu con maior intensidade as políticas económicas liberais que incluían unha visión do Estado na que este debía favorecer explicitamente ás rendas superiores (e ao mundo empresarial). Esta prioridade ás rendas do capital se justificaba co argumento de que  estas clases podentes eran as que aforraban máis, co cal se facilitaba así a creación de capital e investimento. Era o famoso trickle down que afirmaba que a riqueza creada favorecendo aos ricos terminaría favorecendo a todos os demais. Subliñouse tamén que a redución de impostos ao incrementar a capacidade adquisitiva da poboación, aumentaba a demanda e estimulaba o crecemento económico.

Este suposto era coñecido como a teoría supply side. E posto que os ricos son os que pagan máis impostos, os primeiros beneficiarios de tales políticas foron os ricos. Tales políticas foron moi exitosas. As rendas superiores aumentaron, no período 1979-2005, dunha maneira moi acentuada. O 20% de renda superior incrementou o 53% a súa renda (para o 5% superior, o incremento foi dun 81%), mentres que as rendas medias e baixas diminuíron ou creceron moi lentamente (o 20% de renda inferior viu diminuír as súas rendas un 1%, e o seguinte 20% viunas subir só un 9%). Noutras palabras, a clase traballadora que representa o 48% da poboación viu diminuír as súas rendas ou as viu crecer de maneira moi lenta. A clase media incrementou as súas rendas un 15%.

As desigualdades sociais creceron, por tanto, dunha maneira moi marcada durante o período liberal. As rendas superiores -burguesía, pequena burguesía e clase media de renda alta- viron os seus ingresos crecer dunha maneira moi notábel á conta das rendas medias e inferiores, que eran as da clase media baixa e da clase traballadora [e coparon a dirixencia dos partidos "socialdemócratas" para convertelos ao socio-liberalismo: a Terceira Vía de Blair; nota do blogger].

O feito de que o crecemento das primeiras se fixese á conta das segundas débese a que a riqueza que se creou como consecuencia do crecemento da produtividade (e que se distribuíu máis ou menos en termos igualitarios no período 1945-1979), distribuíuse en termos moi desiguais. A causa, primordialmente, do cambio das relacións de poder de clase durante aquel período. Durante a época ultraliberal (1981-2008), o mundo empresarial rompeu co Pacto Social, e recuperou o seu enorme poder político (cos Presidentes Reagan, Bush pai, Clinton e Bush fillo) desenvolvendo políticas públicas que beneficiaron enormemente ás rendas superiores. Este foi o obxectivo de tales políticas ultraliberais. O ultraliberalismo foi a ideoloxía de clase das rendas superiores **.

Este proceso de polarización social foi tendo lugar a partir de finais dos anos 1970, alcanzando a súa máxima expresión nestes últimos anos. A porcentaxe da renda nacional que tiña a clase traballadora e clase media de renda media e baixa (60% da poboación), pasou de ser o 35% en 2000 ao 29% en 2005. Por iso é polo que a poboación se vu forzada a pedir prestado aos bancos e a ter cartóns de crédito, co cal a débeda das clases populares foi crecendo na maneira en que a porcentaxe da súa renda foi diminuíndo.

Nos anos 1990, a débeda media dunha persoa representaba o 2% da renda dispoñible (despois do pago de impostos). En 2005, subira a un 25%. Pero onde o endebedamento foi maior foi no sector inmobiliario, en que para comprar a vivenda, a débeda dunha persoa pasou de representar o 90% da súa renda persoal (despois de pagar impostos) nos anos 1990, ao 140% en 2006, e iso como consecuencia do crecemento especulativo do prezo da vivenda.

O Goberno federal facilitou este endebedamento baixando os intereses, que pasaron dun 5,1% nos anos 1990 a só un 1,4% a partir de 2002. Esta medida respondeu o interese da Administración Clinton (1993-2001) e tamén da de Bush fillo (2001-2009), de estimular a economía que caera en recesión despois da ruptura, en marzo de 2000, da burbulla de Internet e os e.com. Creouse así unha nova burbulla, a burbulla inmobiliaria, que tamén explotou.

Porén, por que agora? Para responder a esta pregunta, temos que analizar que pasou co outro polo, é dicir, que pasou coas rendas dos ricos, ou sexa, as rendas do capital.

Poder económico é sinónimo de poder político. Por iso é polo que non é bo para a democracia dun país que haxa unha polarización das rendas con grandes desigualdades. Os ricos poden exercer un grande poder e influencia sobre os políticos, e iso ocorre naqueles sistemas electorais que están privatizados, é dicir, que o financiamento das campañas electorais faise primordialmente con fondos privados. Así, o custo das últimas eleccións presidencial e ao Congreso dos EUA alcanzou a enorme cifra de 5.300 millóns de dólares, procedentes na súa inmensa maioría de grandes grupos económicos e financeiros; e do 30% das clases de nivel de renda superior do país. Incluso o candidato que conseguiu mobilizar maior número de achegas pequenas (menos de 200 dólares), o candidato demócrata Barack Obama, estas pequenas achegas significaron só unha cuarta parte de todo o diñeiro que obtivo. A grande maioría, tres cuartas partes, procedeu de importantes doazóns de grandes empresas, da banca, das compañías de seguros, dos grupos e asociacións profesionais, e dunha longa lista de grupos de poder que lle financiaron para así ter acceso e influencia ao candidato cando Barack Obama gañou.

A enorme carestía destas campañas (para comprar tempo televisivo que se ofrece ao mellor ofertante sen ningún tipo de regulación ou límite, así como outros elementos e equipos moi custosos), discrimina aos candidatos de esquerda quen teñen dificultades para obter apoios económicos do mundo empresarial corporativo (o que se chama The Corporate Class en EE.UU.). A fin de conseguir tales fondos, os congresistas - senadores ou representantes da Cámara baixa -, teñen que recoller preto de 20.000 dólares cada semana durante o tempo que están a representar á poboación e aos que lles financian. É unha carga enorme que diminúe a súa representatividade e distráelles das súas funcións ***.

Este sistema, que dá poder aos lobbies económicos e financeiros, comezou a funcionar precisamente nos anos 1970 como parte da resposta do mundo empresarial fronte ás conquistas do mundo traballador durante o período 1945-1979. A influencia política da clase empresarial (Corporate Class) adquiriu grande protagonismo a partir das administracións Reagan, Bush pai, Clinton e Bush fillo. A Corporate Class financiou ambos os partidos facendo sentir a súa influencia no desenvolvemento das políticas liberais.

Un elemento crave desta Corporate Class foi o mundo financeiro, e moi en particular a Banca (The Wall Street), moi influente sobre o Banco Central Estadounidense (The Federal Reserve Board). O Presidente Ronald Reagan nomeou, en 1987, a un dos axentes de Wall Street máis fundamentalistas entre os moitos ultraliberais existentes na comunidade bancaria, Allan Greenspan, Gobernador do Banco Central (Federal Reserve Board). Este, xunto con outro banqueiro, Robert Rubin, cando este era ministro de Facenda (Secretary of the Treasure) do Presidente Bill Clinton (o Presidente demócrata máis próximo a Wall Street que houbo, segundo o que foi o seu ministro de Traballo, Robert Reich) iniciou a desregulación da banca, anulando a lei Glass-Steagall Act, que se estabeleceu precisamente durante a Grande Depresión para diminuír o grande poder da Banca e protexer os aforros que a poboación tiña nos bancos.

Aquela lei separou a función de gardar diñeiro (función reservada aos bancos comerciais ou de depósito), da función de investimento, cos riscos que iso leva (bancos de investimentos), e da función de aseguramiento (compañías de seguros). Esta separación era fundamental para evitar que unha mesma entidade financeira fixese todas estas funcións, nese caso, o probábel perdedor sería o cidadán que coloca os seus aforros na banca, e que son utilizados polos banqueiros para especular con aquel diñeiro, cun aseguramiento nulo ou moi baixo, que é precisamente o que ocorrera antes e durante a Grande Depresión.

A anulación de tal lei Glass-Steagall Act significou a desregulación da banca. A partir de 1986, esta puido facer practicamente o que quixo. No momento de explosión inmobiliaria (xullo de 2007), os bancos ofrecían hipotecas en termos sorprendentemente fáciles que logo se converteron en tóxicos ao non poder pagarse, en parte debido ao enorme problema do endebedamento explicado na primeira parte deste artigo. Aí está a orixe da actual crise financeira.

* Léase Arthur McEwan, "The Current Economic Crise : Inequality Power and Ideology". Political Economy Research Institute, 5 de maio de 2009 (www.peri.umass.edu/nc/326/calendar/359/).

** Vicenç Navarro (ed.), Neoliberalism, Globalization and Inequalities. Baywood, Amityville, New York,  2008.

*** Léase Robert G. Kaiser, So Damn much Money. They Triumph of Lobbying and the corrosion of American Government. Alfred Knoff, Nova York, 2009.

Nenhum comentário: