10/01/2012

A tripulación do Titanic

Josep Fontana. Artigo tirado de Sin Permiso (aquí). Para un outro artigo anterior que foca a metáfora do Titanic véxase "O Titanic é inafundíbel", tamén publicado neste blogue (preme aquí). Josep Fontana,  membro do Consello Editorial de SinPermiso, é catedrático emérito de Historia e  dirixe o Instituto Universitario de Historia Jaume Vicens i Vives da Universitat Pompeu Fabra de Barcelona. Mestre indiscutíbel de varias xeracións de historiadores e científicos sociais, investigador de prestixio internacional e introdutor no mundo editorial hispánico, entre moitas outras cousas, da grande tradición historiográfica marxista británica contemporánea, Fontana foi unha das máis emblemáticas figuras da resistencia democrática ao franquismo e é un historiador militante e incansabelmente comprometido coa causa da democracia e do socialismo.

As fotografías do novo equipo de Goberno español desprenden un ar de incerteza, como o dos tripulantes dun navío que se encamiña ao desastre e que, incapaces de evitalo, resígnanse ao seu destino. Explícase así que puxesen á fronte da economía a un antigo dirixente de Lehman Brothers, a primeira grande empresa financeira que se afundiu en 2008. El, polo menos, xa sabe como encamiñarse ao abismo con dignidade -e cun lugar asegurado no bote salvavidas- e pode preparar aos seus compañeiros para este naufraxio anunciado.

Esquecéronse as regras que serviron para superar a recesión dos anos trinta: auxiliar ás empresas para evitar o seu colapso e aliviar o sufrimento dos traballadores cunha política social adecuada. Todo iso á conta do endebedamento do Estado, que puido compensalo ao saír da crise. Escolleuse agora, en cambio, a vía do auxilio ás empresas sen custos para o Estado, descargando todo o peso sobre as clases medias e os traballadores. Iso é precisamente o que significan as políticas de austeridade, como a que o PP se dispón a impor de maneira salvaxe, tal como indican as súas primeiras decisións económicas.


Parecen non querer decatarse de que hai cada vez máis expertos que denuncian que esta política de austeridade é non só inútil, senón perniciosa. Sosteno, por exemplo, Richard Koo, economista xefe do Nomura Research Institute de Tokio, quen afirma que evitar o malgasto no gasto público é conveniente cando o sector privado está en plena forma e maximiza beneficios, pero que nada resulta peor que restrinxilo cando un sector privado en mal estado está angustiado polas súas débedas. Actuar sobre unha economía que non inviste reducindo o gasto público non fai máis que agravar a situación, sen contar cos efectos que ten sobre o benestar común: en Grecia, por exemplo, faltan xa nos hospitais medicamentos esenciais, incluíndo as vacinas, o que pode conducir a que rexurdan a poliomielite ou a difteria.

Cando pasou por España, en novembro de 2011, Richard Koo insistiu en que a crise segue sendo esencialmente bancaria, aínda que acabase contaxiando á economía e ás contas públicas, e que pensar que estes problemas se resolven "cunha sobredose de axustes" e con reformas constitucionais "é un completo disparate". Unha opinión próxima á que expresaba Paul Krugman cando, valorando as novas medidas de austeridade anunciadas polos dirixentes europeos, cualificábaas de "pura insensatez".

En efecto, unha análise das cifras das últimas décadas mostra que os problemas dos países do sur de Europa non proceden dun exceso de gasto público, senón que son consecuencia da propia crise: de transferir ao Estado, isto é, ao conxunto dos cidadáns, o custo dos erros de bancos e empresas privadas. Nunha nota publicada o 29 de decembro pasado, Krugman demostra que a relación entre a débeda pública e o PIB destes países estivo a mellorar até 2007, o que significa que a súa situación actual non é o resultado dun exceso anterior de gasto público.

No mesmo sentido exprésase Steve Keen, un dos poucos economistas que previu a crise de 2008, quen cualificou como "unha fantasía insensata" que se pretenda culpar á débeda do Goberno, cando a crise débese ante todo a unha burbulla de débeda privada que finalmente estalou, o que lle leva a criticar severamente a loita contra o déficit, que vai implicar que o Goberno retire recursos da circulación. O resultado final das políticas de austeridade sintetízao así Krugman: "Como as familias están obrigadas a estreitarse o cinto, o Goberno deberá estreitarllo tamén; e así seguiremos estreitándoo todo o tempo até que cheguemos a unha completa depresión".

O ocorrido nos últimos anos na sociedade norteamericana indícanos a que futuro conduce a austeridade: a un empobrecimiento dos máis e un aumento da riqueza duns poucos. A desigualdade social  aumentou nos últimos anos até tal ponto que, segundo o Factbook da CIA, Estados Unidos é hoxe unha sociedade máis desigual que Paquistán, Etiopía ou Kazajistán. Dúas noticias de prensa publicadas en datas próximas a este Nadal ilústrano: unha dinos que a remuneración dos dirixentes das 500 maiores empresas aumentou nun 36,5% en 2010 e outra, que, no mesmo ano, houbo 1.600.000 nenos norteamericanos sen fogar, o que representa un aumento dun 38% respecto das cifras de 2007.

O Partido Popular comínanos agora a aceptar unha política que recorta os nosos ingresos e aumenta os impostos que nos gravan (sobre todo a aqueles que non podemos acollernos á enxeñaría fiscal para evadilos, como o fan os titulares das grandes fortunas) coa promesa de que a práctica desta virtude acabará levándonos a un grao de felicidade semellante ao do sete millóns de traballadores alemáns que perciben soldos inferiores aos 400 euros e non teñen dereito á sanidade pública nin a unha pensión do Estado
.

Podo entender que os que  dirixen a nosa política e a nosa economía, con ingresos anuais de millóns de euros, atopen aceptábeis este programa, que lles beneficia persoalmente. Mais... aceptarano sen protesta os que teñen que pagar os seus custos?



 

Nenhum comentário: