08/02/2012

Europa: todos teñen a intención de erguer un cortalume

Michael R. Krätke. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por nós.  Michael R. Krätke, membro do Consello Editorial de SINPERMISO, é profesor de política económica e dereito fiscal na Universidade de Ámsterdam, investigador asociado ao Instituto Internacional de Historia Social desa mesma cidade e catedrático de economía política e director do Instituto de Estudos Superiores da Universidade de Lancaster no Reino Unido.



Na Cimeira da Unión Europea de decembro a chanceler Angela Merkel aínda podía presentarse como a vencedora da batalla polo rescate do euro: todos acabaran aceptando a interpretación alemá á crise e a solución alemá á crise. A unión fiscal, a regra de ouro e a táboa de castigos para quen non a cumpran eran incuestionábeis e imparábel a súa aplicación. Porén a ironía da historia fixo uso da peor e máis detestada especie, as axencias de cualificación crediticia estadounidenses, para frustrar o fermoso plan de campaña.

Cun razoamento sorprendentemente apropiado, os analistas de Standard & Poor's deron a entender que a solvencia crediticia de nove países da zona euro, así como do Fondo Europeo de Estabilidade Financeira (FEEF), foron rebaixados porque non se espera das dogmas de austeridade actualmente en uso ningún efecto positivo nos estados máis endebedados. Aínda peor: conducen á economía mundial a unha recesión. Un tirón de orellas, aínda que dunha dirección inesperada, para a chanceler, cuxo goberno, coas súas receitas anti-crises, atópase máis illado que nunca desde o estalido da crise europea na primavera de 2010. Merkel recibe golpes de todas partes. Christine Lagarde, directora do Fondo Monetario Internacional (FMI), advirte sen reparos contra as panaceas monodireccionais e reclama precaución con "estes principios xeneralizados". Se toda Europa convértese en escrava do aforro integral, ameaza unha recesión fatal. Non moi diferente exprésanse o primeiro ministro de Luxemburgo Jean-Claude Juncker ou o primeiro ministro de Italia Mario Monti.

Os bancos, co Instituto de Finanzas Internacional (IIF) á cabeza, reaccionan contra un recorte demasiado xeneroso da débeda de Grecia, que debería de estar asinado, selado e entregado antes da cimeira europea do 30 de xaneiro. Canto máis se negocie esta "restructuración voluntaria de débeda", maior será o risco dunha bancarrota desordenada do estado grego. Tendo en conta como afán terminar estas negociacións, os gobernos da zona euro deberán, segundo a lóxica da súa actual estratexia, manter aos acredores de Grecia na corda frouxa, e o mesmo vale para os de Portugal, Italia, Irlanda ou España .

Que o Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE) segundo Standard & Poor's non merece ningunha boa nota é algo co que Angela Merkel e Nicolas Sarkozy xa non poden seguir especulando con evitar cun hábil apalancamento construído a partir de incrementos ás contribucións ao fondo. Os ministros de economía da zona euro non teñen a comezos da semana en Bruxelas ningunha elección: deben decidir insuflar vida ao MEDE para o próximo 1 de xullo e cun ano de antelación con 500 mil millóns de euros. En marzo a liña de crédito volverá ser avaliada.

Os alemáns exemplares

O que unha avaliación como esta significa podémolo agora ver na factura do MEDE, que resultará moito máis elevada para o contribuínte e o estado alemán do que prometeu o goberno no outono: polo menos 22 mil millóns de euros a pagar en efectivo e 168 mil millóns en capital depositado. Christine Lagarde xa insistiu en que se necesita unha maior implicación alemá para poder previr eventualmente os enormes riscos que se aveciñan en 2012. Nos países da zona euro bonos do tesouro por valor de 800 mil millóns de euros esperan mentres tanto o seu refinanciamento. O buró de crédito do MEDE está avisado: xa garantiu que o 500 mil millóns non alcanzarán para ese propósito.

Está ao alcance da man pór de inmediato a disposición do MEDE os medios do agonizante fondo de rescate europeo (cos seus bos 250 mil millóns de euros), pero Merkel xoga cos tempos e cala a posibilidade dunha transacción como esa. Por lembralo: co FEEF adquiriríanse os bonos do tesouro e concederíanse os créditos con cuxos xuros Alemaña tanto gañou. Co MEDE cuéstionanse por vez primeira os investimentos de capital nunha medida até a data inusual.

A pesar da calidez coa que o BCE considerou aos bancos privados europeos a finais de decembro, que até agora axudou nas poxas de Italia e España a colocar os seus títulos de débeda, non se conxurou o perigo dunha verdadeira crise de insolvencia. Sobre todo debido á presión alemá, non se lles permitiu a estes países aliviar a ríxida política de austeridade, que ademais deica pouco se sancionará co pacto fiscal dos países da zona euro. Porén a crítica á rexión alemá estabilidade cada vez é maior. Cortés pero firmemente Madame Lagarde deu a entender en Berlín que nos atopamos inmersos nunha crise económica e financeira mundial, non simplemente nunha crise de débeda dos estados. Habería que engadir que a apremiante situación actual non xorde de que todos, todos menos os exemplares alemáns, "viviron porriba das súas posibilidades".

Parece coma se fose outra ironía da historia que a unión monetaria, agora máis que nunca, teña quee fortificarse a través dunha política económica e financeira común. Ao seu favor ten a creación do MEDE así como unha unión fiscal alemá saudada por toda a Unión Europea, que por suposto a duras apenas constitúe unha ferramenta para xestionar os problemas estruturais da UE así como a desigualdade no plano da economía internacional. Que son cousas que non poden superarse dun día para outro e menos aínda a base de aforro e cun exceso da oferta de diñeiro por parte do BCE.


N.T.: O título orixinal do artigo, "Alle haben die Absicht, eine Brandmauer zu errichten", remite ás declaracións do xefe de estado da RDA, Walter Ulbricht, á xornalista xermano-occidental Annamarie Doherr dous meses antes da construción do Muro de Berlín: "Niemand hat die Absicht, eine Mauer zu errichten". 

Nenhum comentário: