12/02/2012

RESOLUCIÓN DA ASEMBLEA NACIONAL EXTRAORDINARIA



A XIII Asemblea Nacional do BNG reflectiu que existen no nacionalismo, a día de hoxe, dous modelos organizativos incompatíbeis: o representado por APU-UPG, que se impuxo por unhas ducias de votos, e o orixinario do BNG, que con diferente entusiasmo apoiamos ou aceptamos todas as demais xentes co “Novo Proxecto Común”.

A nosa prioridade é manter activas e militantes ao maior número de persoas nacionalistas na crítica situación na que se atopa o noso País baixo as políticas aniquiladoras da dereita que hoxe ocupa todas as instancias de poder que actúan sobre Galiza. Non podemos permitir que se desactive unha parte importante do nacionalismo, as persoas que xa están fora e as que aínda estivemos até agora dentro para darlle unha derradeira oportunidade á rexeneración do BNG.

A fractura do nacionalismo até agora integrado no BNG é actualmente irremediábel, por iso non hai xeito de concibir unha continuidade nunha única organización que non mande para a casa á metade da militancia. Non é bo para o nacionalismo no seu conxunto, nin para avanzar cara un futuro mellor para Galiza e a súa cidadanía, seguir a gastar enerxías en confrontar, na convivencia interna e nas súas relacións coa sociedade, dous modelos organizativos diferentes.

Nesta situación a saída é o reagrupamento do nacionalismo que sente que o BNG xa non é a casa común nunha Fronte Ampla inspirada en principios similares aos que deron lugar á creación do BNG na Asemblea de Riazor, acaídamente axustados ao contexto actual e arrequecidos coas experiencias dos movementos cívicos e sociais anti-sistémicos e alter-mundistas, e coas novas formulacións políticas xurdidas nos últimos lustros.

Unha Fronte ampla que tencionamos compartir cun bo continxente da base do BNG, outros grupos, moitas persoas independentes e moitas cidadás e cidadáns que foron alonxándose do BNG nos últimos tempos.

Dado que a ruptura xa existe de feito temos que propoñer unha xestión da separación en avinza e sobre as seguintes bases:

Asumir ambas partes que a unidade do nacionalismo segue a ser un obxectivo estratéxico compartido pero que neste momento non se pode dar dentro do BNG. Hai que recoñecer a realidade dos feitos: o nacionalismo está dividido en dúas metades e só a partir diso podemos establecer a unidade de acción na defensa do País na medida en que se recupere a confianza perdida.

Adicar as enerxías do nacionalismo a combater as políticas antisociais e antigalegas do PP e non a liortas entre nacionalistas para non rachar nada útil na defensa do País: grupos municipais onde hai convivencia e un traballo arredor dun programa apoiado por unha parte importante da cidadanía, asociacións de base, movementos sociais, defensa da lingua, etc.

En consecuencia, a Asemblea Nacional do Encontro Irmandiño acorda:

1.-Facer pública a nosa consideración de que o BNG saído da XIII Asemblea fai inverosímil a rexeneración dende dentro como casa común de todas as xentes nacionalistas e adoptar a decisión de renunciar a militar nel.
2.- Construír conxuntamente con todas aquelas persoas que estean a prol dunha nova organización política desas características unha fronte ampla nacionalista, plural e co centro de gravidade na esquerda.
3.- Proceder a propiciar a converxencia de todas as persoas que así o manifesten, nomeadamente as que partillaron connosco no BNG a defensa da tese “Novo Proxecto Común para a refundación e rexeneración do BNG” e desexen acompañarnos nesta tarefa urxente
.
4.- Facultar á Coordinadora Nacional do EI para xestionar co BNG a separación en avinza preservando a unidade de acción, tamén nos espazos da representación institucional, na medida que for posíbel.

Galiza, 12 de Febreiro de 2012

Nenhum comentário: