10/03/2012

A democracia en entredito

Cándido Marquesán. Artigo tirado de El Períodico de Aragón (aquí) e traducido por nós. O autor é profesor de instituto.



Que estamos inmersos nun dos momentos máis complexos e difíciles da Historia recente da Humanidade, é claro. Todo iso produto do triunfo humillante das políticas neoliberais. Un conxunto de valores e principios políticos, sociais, económicos e culturais, que considerabamos intocábeis, ao redor dos cales organizabamos a nosa convivencia e que nos proporcionaban certas doses de seguridade á nosa existencia, están a ser cuestionados. Parece coma se se abrise un laño baixo os nosos pés, polo que todo é desacougo, incerteza e medo. Estamos nunha auténtica encrucillada. Ante este mundo cada vez máis inxusto e desigual, non se presentan alternativas críbeis, e as que o son, gozan de escasa relevancia, ao non permitir a súa difusión a maioría dos medios de comunicación.

 O Estado do Benestar, unha das maiores conquistas sociais nas sociedades occidentais, está a rachar en anacos, coa coartada da consolidación fiscal.

A economía de mercado liberada de control político e rexida exclusivamente pola procura do beneficio material, está a xerar cada vez máis desigualdades. A partir dos anos 70 do século pasado iniciouse o que Paul Krugman chamou "a gran diverxencia", o proceso polo cal se produciu un enriquecemento considerábel do 1% dos máis ricos e o empobrecimiento de todos os demais. A confianza nun irreversíbel progreso para humanidade desvaneceuse. 

 As cuestións expostas teñen a suficiente miga. No entanto, quero determe noutra non menos importante, como é o descrédito actual da democracia e o seu consecuente perigo de extinción, causado pola subordinación da política aos poderes económicos. Segundo Boaventura de Sousa Santos, que cualifica o sistema actual de auténtico fascismo financeiro "O capitalismo, na súa versión neoliberal, concibe á democracia como un instrumento de acumulación; e se é preciso, redúcea á irrelevancia e, se atopa outro instrumento máis eficiente, prescinde dela (o caso de China). Observamos impasíbeis como a instancias dos poderes financeiros execútanse cambios dos gobernos, modificacións substanciais constitucionais, sen contar para nada coa opinión da cidadanía, depositaria da soberanía nacional". Os programas, as eleccións, os mitins ou os debates electorais son unha farsa. De acordo con Josep Fontana, Robert Fisk nun artigo recente "Os banqueiros son os ditadores de Occidente", díxonos: Os partidos políticos, entregan o poder que recibiron dos votantes "aos bancos, os traficantes de derivados e as axencias de avaliación". Michael Hudson, profesor da Universidade de Missouri, denuncia o que chama "a transición de Europa da socialdemocracia á oligarquía financeira". Xuízos non desatinados. Está a producirse unha simbiose entre gobernantes e o sector financeiro ou empresarial a través do que no mundo anglosaxón coñécese como "porta giratoria": directivos do sector financeiro ou empresarial ocupan postos políticos clave e, en paralelo, algúns gobernantes que afrontaron a crise incorpóranse ao mundo das finanzas ou das empresas. No noso país os exemplos son numerosos. O actual ministro de Economía, Luís de Guindos, tras ser o Secretario de Estado de Economía durante dous anos en 2006 foi nomeado conselleiro para Lehman Brothers. Rodrigo Rato, actual presidente de Bankia foi ministro de Economía. Os expresidentes do goberno, Felipe González e José María Aznar fichados polo multinacionais Gas Natural e por Endesa, respectivamente. Zaplana expresidente da Generalitat valenciana e antigo ministro, contratado para a dirección de Telefónica. Este fenómeno non é novo. En USA, Lewis Powell xa en agosto de 1971 nun Memorándum confidencial recomendaba "O mundo dos negocios debe aprender a lección que hai tempo aprenderon os sindicatos e outros grupos de intereses. A lección de que o poder político é necesario; que este poder debe cultivarse asiduamente e que, cando conveña, hai que usalo agresivamente e con determinación". As organizacións empresariais non só deben participar nas campañas electorais a través de Comités de Acción Política, senón tamén de formas diversas pagando os seus servizos aos políticos, entre elas a de asegurarlles unha compensación cando deixen a política. Que conseguiu o mundo empresarial con este asalto ao poder? "As marxes de beneficio chegaron a niveis que non se viron desde hai décadas", e que "as reducións de salarios e prestacións explican a maior parte desta mellora"; "a diminución das súas contribucións ao sostén do Estado". Como dixo Stiglitz, "Os ricos están a usar o seu diñeiro para asegurarse medidas fiscais que lles permitan facerse aínda máis ricos. En lugar de investir en tecnoloxía ou en investigación, obteñen maiores rendementos investindo en Washington". Outro beneficio foi a desregulación das leis que controlan aspectos da actividade empresarial, unha das causas craves da crise do 2008.

 No Estado español esta subordinación da política á economía, explícanos medidas como: as reformas das pensións, a laboral e a financeira; os rescates dos bancos, as durísimas políticas de axustes fiscais que recaen sobre os traballadores. Todo é lóxico.

Nenhum comentário: