10/03/2012

A educación superior baixo ataque

Immanuel Wallerstein. Artigo tirado de Fírgo(aquí) e traducido por nós para o galego.

Durante moito tempo houbo só unas cantas universidades no mundo. O corpo estudantil total nestas institucións era moi reducido. Este pequeno grupo de estudantes proviña en grande medida das clases altas. Asistir á universidade confería grande prestixio e reflectía un grande privilexio.

O panorama comezou a cambiar radicalmente despois de 1945. O número de universidades comezou a expandirse considerabelmente, e a porcentaxe de persoas no rango de idade que asistía ás universidades comezou a crecer. É máis, isto non foi meramente unha expansión naqueles países que xa tiñan universidades notábeis. Nun grande número de países que non tiveran institucións ou non tiñan ningunha antes de 1945 impulsouse a educación universitaria. A educación superior fíxose mundial.

A presión para expandirse veu de arriba e de abaixo. Desde arriba, os gobernos sentiron unha importante necesidade de contar con graduados universitarios que garantisen a súa posibilidade de competir nas tecnoloxías máis complexas requiridas na explosiva expansión da economía-mundo. E desde abaixo, grandes cantidades dos estratos medios e aínda dos estratos máis baixos das poboacións do mundo insistiron en que debían ter acceso á educación superior para mellorar considerabelmente as súas perspectivas económicas e sociais.

A expansión das universidades, que foi notábel en tamaño, foi posíbel pola enorme expansión ascendente da economía-mundo despois de 1945, a máis grande na historia do moderno sistema-mundo. Houbo moito diñeiro dispoñíbel para as universidades e estaban felices de poder utilizalo.

Por suposto, isto cambiou nalgunha medida os sistemas universitarios. As universidades individuais fixéronse máis grandes e comezaron a perder a calidade de intimidade que proporcionaban as estruturas máis pequenas. A composición de clase do corpo estudantil, e logo a do profesorado, evolucionou. En moitos países a expansión non só significou unha redución no monopolio de persoas dos niveis máis altos, como estudantes, profesores e administradores, senón que con frecuencia significou que os grupos "minoritarios" e as mulleres comezasen a ter un acceso máis vasto, que antes se lles negou total ou, polo menos, parcialmente.

Este retrato rosa comezou a ter dificuldades ao redor da década de 1970. Por unha banda, a economía-mundo entrou nun prolongado estancamento. E aos poucos, a cantidade de diñeiro que recibían as universidades, en grande proporción dos estados, comezou a diminuír. Ao mesmo tempo, os custos da educación universitaria comezaron a crecer, e as presións de abaixo para que a expansión fose continua creceron con maior forza aínda. Desde entón a historia é a de dúas curvas que van en direccións opostas: menos diñeiro e maiores gastos.

Para o momento en que arribamos ao século 21, esta situación tornouse dificultosa. Como se apañaban as universidades? Unha forma importante foi o que chegou a chamarse "privatización". Case todas as universidades anteriores a 1945, e mesmo antes de 1970, eran institucións do Estado. A única excepción significativa era Estados Unidos, que contaba cun gran número de institucións non estatais, a maioría das cales evolucionaron a partir de institucións de base relixiosa. Porén aínda nestas institucións privadas estadunidenses, as universidades manexábanse con estruturas non lucrativas.

O que a privatización comezou a significar por todo o mundo foron varias cousas: unha, comezou a haber institucións de educación superior que se estabeleceron como negocios con fins de lucro; dous, as institucións públicas comezaron a buscar e a obter diñeiro de doantes corporativos, que comezaron a entrometerse na gobernanza interna das universidades; e tres, as universidades comezaron a buscar patentes para os traballos en que os investigadores da universidade descubriran ou inventaran algo, e como tal entraron a ser operadores na economía, é dicir, volvéronse parte do negocio.

Nunha situación en que o diñeiro era escaso, ou polo menos parecía escaso, as universidades comezaron a transformarse a si mesmas en institucións parecidas a negocios. Isto pode entenderse en dúas formas importantes: os máis altos postos administrativos nas universidades e as súas facultades, que tradicionalmente ocupaban os académicos, comezaron a ser ocupados por persoas cuxa formación era a administración e non a vida universitaria e aínda que eles conseguían o diñeiro, tamén comezaron a fixar os criterios para asignalo.

Comezou a haber avaliacións de universidades completas e de departamentos dentro das universidades en termos dos seus produtos, en relación co diñeiro investido. Isto podía medirse en cantos estudantes desexaban emprender estudos particulares, ou en que tan recoñecida era a produción de investigación de certas universidades ou departamentos. A vida intelectual comezou a ser xulgada con criterios pseudomercantiles. Aínda o recrutamento dos estudantes mediuse en termos de canto diñeiro entraba mediante os métodos alternos de recrutamento.

Por se isto fose pouco, as universidades comezaron a sufrir os ataques dunha corrente de extrema dereita antintelectual que vía as universidades como institucións laicas e anti-relixiosas. A universidade como institución crítica (crítica dos grupos dominantes e das ideoloxías dominantes) sempre enfrontou a renuencia e a represión dos estados e as elites. Pero os seus poderes de supervivencia sempre estiveron baseados na súa relativa autonomía financeira baseada no custo real de operación. Isto era a universidade de onte, non a de hoxe nin a de mañá.

Un pode describir isto simplemente como outro exemplo máis do caos global no que estamos a vivir. Agás que se supuña que as universidades xogasen o papel de ser un locus importante (por suposto non o único) de análise das realidades do noso sistema-mundo. Son estas análises os que poden facer posíbel navegar na caótica transición cara a unha nova orde mundial, que esperamos sexa mellor. Ao momento, os disturbios ao interior parecen non ser máis fáciles de resolver que os disturbios na economía-mundo. E préstaselle moito menos atención.

Nenhum comentário: