16/03/2012

Que intencións ten Irán?

Avram Noam Chomsky. Tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por nós para o galego.  Noam Chomsky é profesor emérito do Departamento de Lingüística e Filosofía do MIT. Universalmente recoñecido como renovador da lingüística contemporánea, é o autor vivo máis citado, o intelectual público máis destacado do noso tempo e unha figura política emblemática da resistencia antiimperialista mundial.



O número de xaneiro-febreiro da revista Foreign Affairs ofrece un artigo de Matthew Kroenig titulado "Tempo de atacar a Irán"; por que un ataque é a opción menos mala, xunto con comentarios sobre outras formas de conter a ameaza iraniana.

Os medios resoaron con advertencias sobre un posíbel ataque israelí contra Irán mentres Estados Unidos vacilaba, mantendo aberta a opción da agresión, co que sistematicamente se viola a carta de Nacións Unidas, fundamento do dereito internacional.

Conforme aumentan as tensións, os arrepiantes ecos dos preparativos para as guerras de Afganistán e Iraq están no aire. A febril retórica da campaña das eleccións primarias en Estados Unidos reforza o resoar dos tambores de guerra.

Adóitanselle atribuír á comunidade internacional (nome en chave dos aliados de Estados Unidos) as preocupacións pola inminente ameaza de Irán. Os pobos do mundo, con todo, tenden a ver as cousas doutra maneira.

Os países non aliñados, movemento de 120 nacións, apoiaron vigorosamente o dereito de Irán enriquecer uranio, opinión que compartían a maioría dos estadunidenses (enquisados por WorldPublicOpinion.org) antes da inmensa ofensiva propagandística lanzada hai dous anos.

China e Rusia oponse á política de Estados Unidos en Irán, como tamén India, que anunciou que non acataría as sancións estadunidenses e aumentaría o volume do seu comercio con Irán. Turquía seguiu unha liña similar.

Os europeos consideran a Israel como a maior ameaza á paz mundial. No mundo árabe, Irán non é do agrado de ninguén mais só unha minoría moi pequena considérao unha ameaza. Máis ben, calcúlase que Israel e Estados Unidos son as ameazas preminentes. A maioría pensa que a rexión sería máis segura se Irán tivese armas nucleares. En Exipto, en vésperas da primavera árabe, 90 por cento tiña esta opinión, de acordo con enquisas da Institución Brookings e Zogby International.

Os comentaristas occidentais falaron moito de que os ditadores árabes supostamente apoian a posición estadunidense sobre Irán, mentres pasan por alto o feito de que a grande maioría da poboación está en contra, postura tan reveladora que non necesita comentarios.

En Estados Unidos, algúns observadores tamén expresaron desde hai tempo as súas preocupacións polo arsenal nuclear de Israel. O xeneral Le Butler, ex xefe do comando estratéxico de Estados Unidos, declarou que as armas nucleares de Israel eran perigosas en extremo.

Nunha publicación do exército de Estados Unidos, o tenente coronel Warner Farr advertiu que "un obxectivo das armas nucleares israelís, que non adoita dicirse mais que é obvio, é 'utilizalas' en Estados Unidos", presuntamente para asegurar un apoio continuo de Washington ás políticas israelís.

Unha preocupación primordial nestes momentos é que Israel trate de provocar algunha acción de Irán, que á súa vez incitase un ataque de Estados Unidos.

Un dos principais analistas estratéxicos de Israel, Zeev Maoz, en Defensa de Terra Santa, unha análise exhaustiva da política de seguridade e exterior de Israel, chega á conclusión de que o saldo da política nuclear de Israel é decididamente negativo, daniño para a seguridade do Estado. El máis ben insta a Israel a buscar un tratado rexional de proscripción de armas de destrución masiva e crear unha zona libre delas, como o pedía xa en 1974 unha resolución da Asemblea Xeral de Nacións Unidas.

En tanto, as sancións de Occidente contra irán xa están a ter os efectos afeitos, causando escaseza de alimentos básicos, non para o clero gobernante senón para a poboación. Non é de estrañar que a valerosa oposición iraniana tamén condene as sancións.

As sancións contra Irán poderían ter o mesmo efecto que as súas predecesoras contra Iraq, que foron condenadas por genocidas polos respectábeis diplomáticos de Nacións Unidas que as administraban e que finalmente renunciaron como unha forma de protesta.

En Iraq, as sancións devastaron á poboación e reforzaron a Saddam Hussein, co que probabelmente lle evitaron a sorte corrida pola galería doutros tiranos apoiados por Estados Unidos e Gran Bretaña, ditadores que prosperaron practicamente até o día en que varias revoltas internas derrocáronos.

Existe unha discusión pouco críbel sobre o que constitúe exactamente a ameaza iraniana, aínda que temos unha resposta autorizada, proporcionada polas forzas armadas e os servizos secretos de Estados Unidos. As súas presentacións ante o Congreso deixaron en claro que Irán non representa ningunha ameaza militar.

Irán ten unha capacidade moi limitada de despregar as súas forzas e a súa doutrina estratéxica é defensiva, destinada a disuadir unha invasión o tempo necesario para que a diplomacia faga sentir os seus efectos. Se Irán está a desenvolver armas nucleares (o cal aínda non está determinado), iso sería parte da súa estratexia de disuasión.

O concepto que teñen os analistas israelís e estadunidenses serios é expresado claramente por Bruce Riedel, veterano con 30 anos de antigüidade na CIA, quen en xaneiro declarou que se eu fose un asesor de seguridade nacional iraniana, querería ter armas nucleares como factor de disuasión.

Outra acusación que Occidente presenta contra Irán é que a república islámica está a tratar de ampliar a súa influencia nos países veciños, atacados e ocupados por Estados Unidos e Gran Bretaña, e que apoia a resistencia á agresión israelí en Líbano e á ocupación ilegal de territorios palestinos, que contan co apoio de Estados Unidos. Do mesmo xeito que a súa estratexia de disuasión de posíbeis actos de violencia por parte de países occidentais, dise que as accións de Irán son ameazas intolerábeis para a orde global.

A opinión mundial concorda con Maoz. É abafador o apoio á idea de estabelecer unha zona libre de armas de destrución masiva no Medio Oriente. Esa zona abarcaría Irán, Israel e, de preferencia, a esas outras dúas potencias nucleares que se negaron a ingresar no tratado de non proliferación nuclear, Paquistán e India, países que, do mesmo xeito que Israel, desenvolveron os seus respectivos programas con axuda estadunidense.

O apoio a esta política na conferencia de revisión do tratado de non proliferación nuclear, en maio de 2010, foi tan forte que Washington viuse obrigado a aceptala formalmente, mais con condicións: a zona non entraría en efecto antes de lograr un arranxo de paz entre Israel e os seus veciños árabes; o programa de armas nucleares de Israel estaría exento das inspeccións internacionais; e ningún país (enténdase Estados Unidos) podería ser obrigado a proporcionar información sobre as instalacións e as actividades nucleares israelís, nin información relativa a transferencias anteriores de tecnoloxía nuclear a Israel.

Na conferencia de 2010 convocouse a unha sesión para maio de 2012, para avanzar no estabelecemento da zona libre de armas de destrución masiva no medio Oriente.

Con todo, con toda a barafunda en torno de Irán, hai moi pouca atención a esa opción, que sería a forma máis construtiva de manexar as ameazas nucleares na rexión: para a comunidade internacional, a ameaza de que Irán alcance a capacidade nuclear; para a maior parte do mundo, a ameaza exposta polo único Estado da rexión que ten armas nucleares e un longo historial de agresións e a superpotencia que o patrocina.

Non se pode atopar ningunha mención ao feito de que Estados Unidos e Gran Bretaña teñen unha responsabilidade única de dedicar os seus esforzos a esa meta. Ao tratar de darlle unha tenue cobertura legal á súa invasión de Iraq, eses países invocaron a resolución 687 de Nacións Unidas (1991), dicindo que Iraq a estaba violando por construír armas de destrución masiva.

Podemos pasar por alto esa declaración, mais non o feito de que a resolución explicitamente compromete aos países signatarios a estabelecer unha zona libre de armas de destrución masiva no Medio Oriente.

Nenhum comentário: