16/03/2012

5 recortes que "salvarían" o Estado español sen mallar nos de sempre

Marcos Paradinas. Artigo tirado de aquí e traducido por nós.



Querido Mariano Rajoy:

Supoño que non dará abasto con todo este marrón de ser presidente do Goberno: que se hai que madrugar entre semana, que se Wert volve meter a zoca, que se hai que viaxar a Bruxelas cada dúas por tres... co medo que lle dá a vostede voar! Ben, normal que viva "na lea". Como dentro dunhas semanas cumprirá 57 primaveras, permitinme ofrecerlle, como agasallo, un quinteto de medidas para reducir o déficit que tanto aperta. Así poderá dedicarse con calma a organizar a súa festa de aniversarios.

1º Fin do Concordato co Vaticano. Todo o mundo ten dereito a crer en arredores ardendo, meigos con turbante ou unicornios rosas invisíbeis, mais os vicios derivados, que llos paguen dos seus petos. O que queira ir a hospitais relixiosos ou recibir clase (de Matemáticas ou Relixión) por parte de monxas ten que financialo el. E por suposto, nada de exencións de impostos para quen viven dun conto milenario. O aforro final estaría entre os 6.000 e os 10.000 millóns de euros.

2º Erradicar a fraude fiscal. Segundo o profesor Vicenç Navarro, a fraude fiscal en España rolda os 90.000 millóns de euros ao ano. Iso si, querido presidente, non caia no erro fácil de culpar ao fontaneiro que non pasa factura ou á paleta que cobra en negro. O 72% desta fraude provén das grandes fortunas, das grandes empresas que facturan máis de 150 millóns de euros ao ano, e da banca. Para perseguir este delito poderían as súas señorías ameazar con esa cadea perpetua que crearon a quen defraude máis de certa cantidade. Porén tamén, gastar un pouquiño do aforro previsto en incorporar máis inspectores. Así, de paso, reducen o paro. Para non pasarnos de optimistas, imaxinemos que ao final recupera só a metade. Aí van outros 45.000 millóns de euros.

3º Eliminación das Deputacións: Goberno central, Comunidades Autónomas, Deputacións, mancomunidades? Señor Rajoy, isto é un descoloque. Ou máis ben, un coloque porque teño a impresión de que estas arcaicas institucións serven en grande medida para repartir dádivas. Que llo digan se non á presidenta da Deputación de León, da que xa perdín a conta dos cargos que ten? 13? 14? 20? Moitas das xestións destes entes poden ser asumidas polas autonomías ou mancomunidades de municipios. Tendo en conta que as deputacións custan ao ano 20.000 millóns de euros, e que haberá que destinar algúns fondos a quen asuman as súas principais competencias, podería aforrarse entre 5.000 e 10.000 millóns de euros.

4º Regulación da prostitución e as drogas brandas: Son moitos os que calcularon canto podería sacar o Estado dunhas prácticas que, gusten máis ou menos, existen. Mesmo polo baixo (un IVE do 7% para a prostitución e impostos para marihuana e haxix similares aos do tabaco) a cifra non baixaría dos 15.000 millóns de euros. E todo isto sen ter en conta como se desconxestionaría o sistema penal (máis da metade de reclusos o son por delitos derivados das drogas) e o tempo libre que terían policías e xuíces para perseguir a corrupción fiscal da que falabamos antes.

5º Instauración da III República: Si, xa o sei, presidente, pareceralle un capricho. Pero déixeme soñar! Sexamos serios: o de que a Monarquía custa 8 millóns e que o Rei cobra só o dobre que vostede é un conto moi bonito, mais ambos sabemos que non é así. A todo isto hai que sumar o mantemento de palacios, coches (300!), iates? o custo das viaxes, as galas, as audiencias, as vodas reais, persoal de seguridade? Un balbordo, seino, presidente, mais teño unha boa noticia: hai xente que se tomou a molestia de sumar todas as partidas e aseguran que a cantidade anual que nos custa ter Rei ascende a 560 millóns de euros.

Resumindo. Facendo unhas simples medias para limar as pinzas a min sáeme que lle acabo de aforrar máis de 76.000 millóns de euros sen tocar o Estado do Benestar. Iso deixaría o noso déficit por baixo do 1%. Non se esqueza de que en Bruxelas queren que teñamos un 3% para o ano 2013. Imaxínese o que poderías presumir (vostede ou o seu tradutor) nas cimeiras europeas!

Porén agora vén o mellor, o bonus track. Podería limitar o soldo dos alcaldes para que non cobren máis de 45.000 euros (que é a metade do que cobra vostede como presidente do Goberno); meter a tesoira aos coches oficiais (que en mantemento diario só nas autonomías vánsenos máis de 56 millóns de euros ao ano); meter en cintura aos militares (que teñen unha débeda de 26.000 millóns en armamento) e eliminar o Senado (ou lle damos poderes reais ou evitamos que siga custando 50 millóns anuais).

Se fai todo isto, para os seus próximos aniversarios seguros que até ten superávit. Se é así, non quero que me dea as grazas nin que me faga presidente da Axencia EFE. Só lle pido que non se gaste os beneficios en aeroportos peonís, carreiras de Fórmula 1 ou macrocasinos...
 

Nenhum comentário: