19/04/2012

A causa real da crise financeira

Vicenç Navarro. Artigo tirado de Público (aquí) e traducido por Revolta Irmandiña.



A grande debilidade do argumento ultraliberal, que asume que o maior problema da economía española é o déficit e a débeda pública do Estado español, é que os datos, facilmente accesíbeis, mostran a súa insustentabilidade. Cando a crise empezou en España, o Estado español non tiña déficit. Antes ao contrario, tiña un superávit, maior, por certo, que o que tiña o Estado alemán. En 2007, o superávit do Estado español era equivalente a 1,9% do PIB, máis de seis veces superior ao alemán, 0,3% do PIB. E un tanto parecido ocorría coa débeda pública, que representaba en España un 27% do PIB, case a metade da débeda pública alemá, 50% do PIB. En realidade, España era un "modelo" e punto de referencia do pensamento ultraliberal mostrado polos economistas ultraliberais como exemplo de "ortodoxia" económica.

Ter un superávit moi superior e unha débeda pública moi inferior á de Alemaña non nos serviu de nada. Non nos protexeu da crise. Como pode, entón, dicirse agora que a maior causa da crise é o elevado déficit e a débeda excesiva, cando ter déficit cero e débeda pública baixa non evitou que tivésemos a crise que temos, con máis dun 23% da forza laboral en paro? E por que esta explicación da crise continúa dándose cando a evidencia existente, mostrando o seu erro, é tan abafadora?

E para responder a esta pregunta hai que fixarse en cales son as voces máis estridentes en defensa de tal explicación da crise. E entre tales voces aqueles que teñen un lugar prominente son o Banco Central Europeo e a banca alemá, e o Banco de España e a banca española, que son en realidade os que crearon precisamente a crise. En realidade, a banca alemá xogou un papel chave na xénese da crise e no seu desenvolvemento. Segundo The Bank for International Settlements (BIS) (Xuño 2010), a banca alemá prestou 109.000 millóns de euros á banca española, cos cales esta, en alianza co sector inmobiliario, investiu masivamente, non na economía produtiva do país, senón na economía máis especulativa posíbel, creando a burbulla inmobiliaria que, ao explotar, provocou a enorme crise e o enorme problema da débeda privada de España, que alcanzou dimensións astronómicas (227% do PIB). A banca alemá conseguiu enormes beneficios, beneficios que, por certo, non investiu en Alemaña para estimular a demanda doméstica alemá, incrementando os salarios e a protección social de Alemaña (tal como Oskar Lafontaine, entón Ministro de Economía e Facenda do goberno alemán, e un dos economistas máis clarividentes hoxe en Europa, quería que se fixese e que, ao non facerse, rompeu co chanceler Schröder, o presidente socialdemócrata alemán responsábel, xunto coa chanceler Merkel, das políticas de austeridade a nivel alemán e europeo, políticas promovidas pola banca alemá). En lugar de estimular a demanda alemá (e europea), os grandes beneficios que Alemaña conseguiu da súa actividade especulativa en España (e noutros países periféricos da Eurozona, como Grecia e Portugal), utilizounos para acumular máis e máis euros, converténdose na maior fonte de euros en Europa. O euro foille moi ben á banca alemá.

Agora ben, cando a burbulla especulativa inmobiliaria explotou, á banca alemá entroulle o pánico, pois tiña grande parte do seu capital prestado á banca española e, en moito menor grao, ao Estado español (un 10% do seu investimento bancario). E comezou a promover a idea falsa de que o euro estaba en perigo. O que estaba en perigo, con todo, é que a banca alemá perdese os fondos prestados a España e a outros países periféricos da Eurozona. En realidade, o euro nunca estivo en perigo. O seu valor oscilou, mais non baixou substancialmente de valor comparado co dólar.

E de aí derivan as políticas de austeridade, cuxo único obxectivo é que se pague aos bancos alemáns (e franceses) a débeda tanto privada como pública que teñen. A mal chamada axuda da Unión Europea e do FMI aos países periféricos é axuda para que paguen aos bancos alemáns e franceses primordialmente.

Porén estas políticas de austeridade coa baixada de salarios, diminución da protección social e recortes do gasto público están a crear un problema gravísimo que se chama Grande Recesión, causada polo enorme descenso da demanda doméstica e pola escaseza de crédito, e que é a causa da diminución da actividade económica e con iso do descenso dos ingresos ao Estado (e consecuente aumento do déficit e da débeda pública). E aí está o problema oculto e que algúns estivemos denunciando desde o principio (ver o libro Hai alternativas, de Navarro V., Torres J. e Garzón A. en www.vnavarro.org). A evidencia científica que apoia este diagnóstico é abafadora. As políticas que está a impor a banca alemá e francesa (e española) e os seus portavoces políticos, incluíndo Merkel-Sarkozy e Rajoy son un suicidio económico.

Cabe entón facerse a pregunta de por que continúan promovéndoa? Unha resposta é que os dogmas económicos son tan irracionais como as dogmas relixiosos. O pensamento ultraliberal é un dogma impermeábel aos dados e feitos. Porén o que continúe reproducíndose débese a que serve a uns intereses, os intereses da banca, coa complicidade dos políticos afíns (o Ministro de Economía do Estado español, o Presidente do BCE, así como gran numero de persoas responsables de levar a cabo e estimular as políticas de austeridade son banqueiros ou próximos á banca), que asumen que os intereses particulares da banca coinciden cos intereses xerais do país, o cal non é así, como ben documentan os estudos rigorosos que mostran que as causas da crise son o comportamento negativo do BCE e do Banco de España, e dos bancos que en teoría supervisan, mais que na práctica benefícianse á conta do interese xeral.

En realidade, as solucións son fáciles de ver. E consisten en seguir políticas de estímulo económico, cun intervencionismo público que estimule a economía a base de crear emprego, xunto co estabelecemento de bancas públicas e unha regulación do sector bancario, forzándolle a que recupere a súa función social, a oferta de crédito. Porén, o que non ocorra así débese á enorme influencia da banca e outros compoñentes do capital financeiro nas institucións políticas e mediáticas de España e de Europa. Así de claro.

Nenhum comentário: