16/04/2012

Facerse cos seus fondos, aterrorizar os profesores e enviar os meniños a outra parte. Como destruír o sistema educativo

Elizabeth Walters. Artigo tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Revolta IrmandiñaElizabeth Walters, graduada da Central Columbia High School de Bloomsburg, PA, Smith College, e do programa de capacitación de profesores da Universidade de Nova Orleans, é xornalista e profesora do Chalmette High School de St. Bernard Parish, A

As respostas a esta pregunta ? e as perspectivas respecto da calidade actual da educación pública en Estados Unidos- son tan variadas e individualizadas como os 55 millóns de estudantes da escola pública deste país. Recentemente os lexisladores de Luisiana, así como os de moitos outros estados, tentaron mellorar o clima educativo do seu estado. Teñen boas razóns para facelo  -a Fundación Annie E. Casey sitúa sistematicamente a Luisiana en 49º lugar (grazas Mississippi) na súa avaliación do proxecto Kids COUNT [os nenos contan] que serven para avaliar a calidade de vida dos nenos en cada estado e que se basean en medidas que comprenden índices de educación.

Como profesora dunha escola pública de Luisiana penso que hai moitas formas de mellorar as escolas públicas aquí e ouvín expresar os mimos sentimentos aos meus colegas durante un rally no exterior do Capitolio en Baton Rouge durante o debate lexislativo a semana pasada (4 Abril). É obvio que unha das mellores maneiras de mellorar a educación pública sería asignar máis recursos ás escolas públicas -para mellorar a tecnoloxía, para expandir as oportunidades profesionais e de desenvolvemento dos profesores, para comprar libros de texto modernos e todo tipo de material asociado a unha boa educación. Quizá una de mellores maneiras de mellorar a educación pública sería flexibilizar a relación que cingue a avaliación escolar do estudante á preparación de teste e no seu lugar permitir aos profesores instruír aos estudantes no tipo de unidades baseadas en proxectos, tal como preconiza a investigación pedagóxica, así como na habilidade para o pensamento crítico que non pode medirse enchendo cadros -o tipo de liberdade académica que se enxalza nas "charter schools" (escolas subvencionadas) mais que se restrinxe nas escolas públicas tradicionais.

Quizais o máis importante e unha das mellores formas de mellorar a educación pública sería pór remedio aos factores que están máis aló do control dos profesores e que afectan as aptitudes dos estudantes para aprender. Son algúns dos mesmos factores que levan ao angustioso ranking do Kids COUNT - desemprego, pobreza, violencia, taxas de criminalidade, inestabilidade familiar, fame infantil, acceso ao sistema sanitario.

Non, non e non, segundo os políticos. Á fin e ao cabo que saben de educación os profesores? Os profesores da escola pública son, segundo a maioría dos membros do Senado que testificaron, parte do problema, non a solución, pola tanto é mellor seguir as recomendacións dos non-educadores para mellorar as escolas. A filosofía da lexislación aprobada a semana pasada é un eco das filosofías pro-escola privada ou subvencionada de figuras distintivamente non locais, tan diversas como a da ex-responsábel, e anti-sindicatos, do Departamento de Educación de Washington D.C. Michelle Rhee (cuxo antigo distrito está actualmente metido nun escándalo de estafa), os megarricos e todopoderosos republicanos os Irmáns Koch, e máis significativamente, o American Legislative Exchange Council. (ALEC, un centro de pensamento conservador que enxalza a ausencia de goberno e o libre mercado, organiza grandes mitins nos que distribúe aos políticos leis ficticias que poden personalizar e adaptar nos seus respectivos Estados; a súa influencia é clara nalgunhas das leis de ensino de Luisiana). Propúxose unha lexislación parecida noutros Estados a través do país, en especial en lexislaturas que, como Luisiana, son amplamente republicanas, polo que profesores e demais interesados na educación pública farían ben en prestar atención ao que está a suceder aquí. Segundo os expertos de Baton Rouge as nosas mellores esperanzas de mellora baséanse nos seguintes principios:

- As escolas subvencionadas son sempre mellores que as escolas públicas tradicionais, digan o que digan os datos.

- As escolas subvencionadas, que reciben fondos públicos mais que xeralmente gozan de liberdade académica, son encomiadas como un medio de soslaiar as sufocantes regulacións burocráticas que poden obstaculizar ás escolas públicas tradicionais. O por que a outras escolas públicas non se lles permite escapar do labirinto regulamentario nunca estivo claro e a nova lexislación non fai nada para aclarar a situación mentres que outorga ás subvencionadas algúns dos fondos que se reservaron para as escolas públicas.

En realidade, o éxito das subvencionadas non está nin moito menos demostrado. Segundo un estudo da Universidade de Stanford estudar nunha escola subvencionada é un indicador "negativo e significativo" dos pobres resultados en lectura e matemáticas dos estudantes pobres de Luisiana. As escolas subvencionadas de Nova Orleans, unha cidade que se converteu en modelo de incubadora de subvencionadas a partir dos anos do furacán Katrina, están no punto de mira por non aceptar e non prestar a debida atención aos estudantes con necesidades especiais. Fai catro anos unha das novas subvencionadas máis encomiadas de New Orleans era a Sojourner Truth Academy, unha escola baseada nos ideais irmáns de xustiza social e éxito académico, que foi fundada por Channa Cook, unha nova e optimista educadora de California que foi encomiada, entre outros, por NPR e The Christian Science Monitor. Polo que se ve o encomio foi algo prematuro. En novembro, o consello de administración da escola anunciou que, debido aos baixos resultados do teste fecharía ao final deste ano e, a semana pasada, o Times-Picayune informou de que se estaban cuestionando as prácticas contábeis da escola. Cook marchouse o pasado verán, non permanecendo nin sequera o suficiente para ver aos primeiros (e únicos) graduados da súa escola terminar os seus estudos secundarios.

Algúns dos máis cínicos das escolas subvencionadas, no rally do Capitolio eran un grupo de estudantes de escolas públicas de Nova Orleans. A súa escola, a John McDonogh High School pasa a ser unha subvencionada o ano que vén.

"Prometéronnos que a metade dos nosos profesores regresarían o ano que vén, mais só tomaron a tres deles", di Erick Dillard, o presidente do órgano estudantil. "Estamos a tratar de loitar polos nosos profesores".

Os estudantes organizaron un encontro, despois do cal os directores da subvencionada se reuniron con eles sós, fechando a sala á facultade, dixo Dillard. Os estudantes dixeron no mitin que os directores lles dixeron que a escola tería moitos máis recursos como subvencionada, incluíndo iPads para os estudantes.

-"Parecía un suborno", dixo Dillard.

-"Tecnoloxía de fantasía", dixo Qwame Robertson, un estudante dun curso superior.

Steve Barr, o novo director da escola, que rompeu recentemente coa rede nacional de subvencionadas, fundada por el, dixo a un xornalista de Times-Picayune que para o próximo ano está a fichar profesores de New York e Washington, non profesores locais. Tamén opinou que e o principal problema da John McDonogh é que os estudantes están aborrecidos  -a pesar do feito de que a reputación da escola aínda sofre por ser o escenario dun tiroteo en 2003, ou de que en xaneiro foi arrestado na escola un adolescente acusado de asasinar a un bo samaritano que trataba de deter a un ladrón de coches.

Dillard non estivo de acordo en que el ou os seus compañeiros de clase estean aburrecidos ou en que os profesores non sexan suficientemente bos.

"Creo que a razón pola que as subvencionadas van tan ben é que as subvencionadas finalmente dan ás mal financiadas escolas públicas as cousas que necesitaban, como nova tecnoloxía e libros de texto novos", dixo.

- De feito, as escolas subvencionadas son tan boas que non necesitan a supervisión do Estado -de novo, a pesar do que din os datos- e poden recadar diñeiro das súas organizacións patroas.

A pesar dunha auditoría estatal que atopou fai menos dun ano que a supervisión das escolas subvencionadas era moi laxa, os lexisladores decidiron que no canto de requirir ás subvencionadas que sexan aprobadas directamente polo Estado ou por consellos de administración locais, o Estado debe nomear a axencias locais e grupos sen fins de lucro como "autorizadores locais de subvencionadas". Os autorizadores locais deben comprometerse a aprobar e supervisar (aínda que non poden xestionalas directamente) polo menos cinco escolas subvencionadas. Desgraciadamente para eles, os consellos de administración das subvencionadas poden cargar ás súas escolas até un 2% dos 5.053 $ de asignación estatal por alumno anual- ao redor de 100 $ por neno por ano, o que, para un consello de cinco escolas subvencionadas con 500 estudantes cada unha, significa un cuarto de millón de dólares.

- As escolas privadas son sempre mellores que as públicas - non se necesita proba.

Simplemente, é así vale? Tecnicamente non hai ningunha evidencia para esta afirmación, se por "evidencia" entendemos a incontrovertíbel "evidencia" dos resultados do testes estandarizados dos Estados que os políticos afirman que son esenciais para avaliar ás escolas públicas e aos profesores das escolas públicas  -sendo naturalmente o teste de elección múltipla a mellor forma de avaliar os resultados de todos os estudantes. Se as escolas privadas aceptan estudantes subvencionados (máis información máis abaixo) deberán estar suxeitas a algún tipo de responsabilidade estándar, pero a lexislación é escura en canto aos detalles. Por certo, os profesores das escolas privadas non necesitan estar titulados. Pero levan uns uniformes tan bonitos! Ademais rezan todos os días. Simplemente debemos confiar neles non?

- A forma de mellorar as escolas públicas é darlles menos diñeiro e dar máis diñeiro ás escolas subvencionadas e privadas.

Baixo a lei actual as subvencionadas están financiadas polo Departamento de Estado de Educación con fondos creados para este fin. De forma similar un programa piloto de subvención para nenos en escolas privadas en Nova Orleans foi financiado co fondo xeral do Estado. Retomando algunhas partes dunha lei ficticia de ALEC, a nova lexislación estende o programa de subvencións a todo o Estado para nenos cuxas escolas teñen a marca "F", "D" ou "C" baixo o novo sistema estatal de clasificación por letras e declara que os estudantes subvencionados ou os que asisten a unha escola subvencionada, a asignación por alumno que normalmente corresponde a un/a alumno/a en a súa escola pública local retirarase agora desta escola e darase directamente á escola á que vaia o neno. Se tan só oito estudantes deixan a escola, levándose consigo a súa asignación estatal por estudante de 5.053 $, esta escola perde o equivalente do salario dun profesor de primeiro curso -un profesor que podería ser empregado para ensinar a outros 20 nenos.

- As escolas privadas merécense os nosos impostos.

O novo programa de subvencións utiliza os impostos para pagar o ensino en escolas privadas - escolas que en Luisiana son xeralmente relixiosas. As contribucións serán seguramente benvidas nalgunhas escolas parroquiais de Nova Orleans, dado que a arquidiocese está a alertar aos fregueses sobre a alza no ensino porque se está quedando curta de diñeiro. É un "todos gañan"!

- A mellor maneira de facer que os profesores melloren é manterlos constantemente con medo a perder o seu traballo.

Unha das cousas que fai a lexislación é eliminar a posibilidade de que os profesores poidan chegar a considerarse traballadores permanentes. Os profesores deben conseguir a cualificación de "moi eficientes" durante cinco de cada seis anos. Se un profesor é algunha vez cualificado de "ineficiente", o ano seguinte debe mellorar e se non volve obter a cualificación de "moi eficiente" está acabado/a. Os criterios para obter a cualificación de "moi eficiente" polo estado non se deron a coñecer aínda que entrarán en vigor en agosto; sabemos que estarán ligados aos resultados do teste normalizados dos estudantes.

Poida que esta filosofía teña moito sentido para xente que nunca deu clases nunha escola pública, mais os profesores saben que hai tantos factores que afectan o éxito dos estudantes que, a pesar de que obviamente todos os profesores se esforzan para axudar aos seus estudantes a aprender, ás veces os seus resultados non chegan aos obxectivos. Hai poucos anos un estudante de últimos curso co que estivera traballando durante dous anos suspendeu o seu exame final de gradación. Pregunteille que é o que fallara. Dixo: "Ben, imaxineime que non me sairía ben, por tanto decidín nin sequera tentalo".. En teoría se este estudante -que pasou o mesmo exame no seu seguinte intento e graduouse cun bo resultado académico hai un ano, a pesar dos seus intentos de abandono- fallase o seu test dentro de dous anos , o seu mal día custoume o posto.

- Todos os profesores foron creados iguais, pero algúns son máis iguais que outros.

Os soldos dos profesores calcularanse a partir de agora en base a unha fórmula calculada localmente baseada nos resultados do teste a estudantes, a experiencia e a demanda existente do tema do profesor. Isto significa que, en teoría, os profesores en temas que tenden a atraer a grande número de aspirantes a educadores, como o meu, o inglés, poden suporse menos valiosos que outros máis raros, como, por exemplo, profesores de ciencias - e, en consecuencia pódeselles pagar menos. Isto ten sentido; os estudantes teñen que poder realizar experimentos científicos, non ler teorías científicas ou escribir informes de laboratorio certo?

- Calquera pode aterrar nunha clase e ser un bo profesor; non se necesita unha formación especial.

Baixo a actual lexislación estatal, todos os profesores das escolas públicas deben ser titulados ou estar inscritos nun programa de posgrao e o 75% dos profesores das escolas subvencionadas deben ser titulados. A lexislación aprobada a semana pasada elimina esta cota para as escolas subvencionadas; agora os profesores potenciais das escolas subvencionadas unicamente necesitan ter un diploma para ser empregados. O clima xeral pro-subvencionadas reinante no estado e a nova "flexibilidade" na titulación do persoal das subvencionadas parece implicar que os funcionarios do Estado pensan que a titulación en educación ten pouco valor, a pesar de non manifestalo- polo menos, de momento. Este xiro dos acontecementos non é do todo sorprendente nun Estado en que a súa principal autoridade educativa, o Superintendente John White, pasou non máis de dous anos como profesor de escola e non ten ningún título de profesor . (O mesmo que Channa Cook, White cambia de traballo rapidamente. Antes de ser nomeado superintendente estatal, foi o superintendente da Recovery School District [1] de Nova Orleans  - durante sete meses)

Algúns profesores de escolas públicas propuxeron que se os lexisladores cren que a formación para educar é innecesaria poden vir un día a substituirnos e experimentar a alegría de converterse ao instante en excelentes educadores. Extrañamente, que eu saiba ningún deles aceptou a nosa oferta.

- En realidade os estudantes non necesitan profesores en persoa, necesítanos virtuais e estes necesitan os nosos impostos.

Nunha acción que seguramente será aplaudida pola ALEC, a lexislación só se refíre a "dispensadores de cursos", instrutores para cursos on-line e virtuais. Estes dispensadores de cursos poden ser profesores; tamén poden comprender institutos e entidades de negocios. Utilizando as asignacións coa fórmula de financiamento que calcula a asignación por alumno á escola local de distrito, o Estado pagará aos dispensadores de cursos para educar non soamente aos estudantes das escolas públicas senón tamén aos alumnos das escolas privadas e particulares (à  Rick Santorum). O Estado planea crear un catálogo de cursos de todas as clases ofrecidas polos dispensadores de cursos aprobados e todas as escolas públicas deberán incluír estas listas de clases nos seus propios catálogos de cursos. Os dispensadores de cursos recibirán 1/6 do 90% da asignación por alumno do distrito, aproximadamente 758$, por estudante e curso. A esta taxa, un dispensador de curso que chegase a ter 90 estudantes ao seu cargo, que é case o límite máximo para os profesores en escolas con "block schedules" [2], podería chegar a gañar 68.000 $ por semestre, case 30.000 $ máis que o salario anual dun profesor principiante. Un dispensador de cursos que chegase aos 150 estudantes, o equivalente do máximo nun instituto cun esquema tradicional, podería gañar case 114.000 $.

- Con todo, os profesores presenciais deben ser responsábeis dos resultados dos seus estudantes na clase on-line.

A lexislación estabelece que, vía os seus resultados escolares, as escolas públicas de ladrillo e cemento valoraranse en base aos resultados dos seus estudantes nas clases virtuais -a pesar de que estas clases non as darán os educadores da escola e a pesar de que estes educadores poden non ser nin sequera titulados. Estas son malas noticias para as escolas anfitrioas se consideramos que segundo un estudo da Standford University  os estudantes de escolas virtuais en Pennsylvania, un dos primeiros Estados que permitiu a inscrición xeneralizada en ciberescolas, obtiveron resultados moi por baixo dos estudantes da escola pública. Unha escola pública podería acabar sendo cualificada como fracasada e ser sancionada se os seus estudantes non obteñen bos resultados en clase administrada de forma privada dadas por xente sen credenciais educativas que nin sequera se reuniu xamais cos seus alumnos.

- Nas escolas privadas acéptase a todos os nenos -a menos que teñan necesidades educativas especiais.

A educación especial require diñeiro extra para persoal extra, desenvolvemento profesional extra para o mesmo, software extra e materiais extra. Os custos da educación especial, xunto ao feito de que os estudantes que reciben servizos de educación especial adoitan presentar diferenzas na aprendizaxe soamente despois dunha loita académica, son as principais razóns pola que moitas escolas privadas ofrecen servizos limitados de educación especial. Baixo a nova lexislación, o pai ou o titor dun neno con necesidades especiais que se inscribe nunha escola privada utilizando unha bolsa terá que asinar un formulario de conformidade en que o neno recibirá soamente os servizos de educación especial ofrecidos pola escola privada -que probabelmente serán moito menos comprehensivos que os servizos de educación especial nas escolas públicas.

Xa que as escolas privadas que participan no programa de axudas están obrigadas a aceptar a todos os candidatos con subvención, o rexeitamento dos servizos de educación especial podería converterse nunha estratexia das escolas privadas para excluír aos estudantes con necesidades especiais sen quebrantar tecnicamente a lei.

Algunhas escolas privadas xa utilizan o estatuto de educación especial como unha razón para a exclusión de nenos. O semestre pasado unha estudante da miña clase de posgrao de inglés, que era disléxica, escribiu sobre o seu desencanto como alumna de oitavo ao non poder acceder a unha das escolas católicas de Nova Orleans. "Non me quixeron debido aos meus problemas de aprendizaxe", dixo. Esta estudante, unha das persoas máis decididas que xamais atopase, graduarase con honras o próximo mes. Díxenlle que a escola privada certamente saíra perdendo ao non admitila...  Porén que eu me sentía honrada de tela na miña clase.

- Todos os nenos son admitidos nas escolas subvencionadas -a menos que sexan gais (ou estudantes do idioma inglés, ou malos en deporte).

En 2011 Luisiana aprobou unha lei que permitía ás corporacións con ánimo de lucro oferecer e xestionar escolas subvencionadas; as corporacións poden controlar a metade dos postos dos consellos de administración das súas escolas e a metade das inscricións. Agora os lexisladores están a utilizar as conexións entre as empresas e as escolas subvencionadas para tentar permitir a legalización da discriminación. As normas do Departamento de Educación estabelecen que "as escolas subvencionadas non poden discriminar en base a raza, cor, nación de orixe, relixión, sexo, etnia, orientación sexual, discapacidade mental ou física, idade, ascendencia, capacidade deportiva, necesidades especiais de suficiencia en lingua inglesa ou nunha lingua estranxeira, ou resultados académicos, na admisión de estudantes". A lei do Senado 217, que está en trámite, tenta restrinxir a cláusula antidiscriminación soamente á raza, relixión, ascendencia nacional, idade, sexo ou discapacidade, as únicas categorías protexidas contra a discriminación polo que respecta aos negocios no Estado. Nunha audiencia do comité, que foi cuberta por un xornalista do xornal O Avogado, de Baton Rouge, unha muller de Nova Orleans dixo que non quería facerse cargo dunha escola subvencionada porqué non podería rexeitar a estudantes pola súa orientación sexual.

Dado que se publicaron taxas de acoso para os estudantes GLBTQ [3] de case 9 de cada 10 e dado que hai estudos que indicaron que os adolescentes GLBTQ poden ser catro veces máis propensos a cometer suicidio que os seus outros compañeiros, utilizar un tipo de lexislación como a lei 217 para excluílos é non só cruel - equivale a pór en perigo aos nenos. O artigo do Avogado tamén cita ao líder do Forum da Familia de Luisiana, un grupo que declara como misión promover "a fe, a liberdade e a familia tradicional no grande estado de Luisiana", dicindo que a lexislación foi pensada para enviar unha mensaxe ao Governador Bobby Jindal, un republicano conservador que aparece nun vídeo de apoio no website do grupo. O secretario de prensa de Jindal , di nun email ao xornalista autor do artigo, Mark Ballard: "non cremos en dereitos ou proteccións especiais".

A lei pasou por 5-1 votos e espérase que sexa aprobada por ambas as cámaras.

(Por certo, todo isto é absolutamente legal- a menos que non o sexa)

Os autores da House Bill 976 - a lei que trata das subvencións e escolas subvencionadas-  parecen estar preocupados por se estivesen a infrinxir a lei. Estaban o suficientemente preocupados acerca da constitucionalidade de certas disposicións da lei (quizais de todas elas) como para incluír unha cláusula ao final da lei estabelecendo que se algún aspecto da lexislación resultase inconstitucional iso non significaba que toda a lexislación o fose. Hummmm.

Ou sexa que así é como se arranxan as escolas públicas, polo menos segundo os lexisladores de Luisiana. Evidentemente, en tanto que profesora da escola pública eu son parte do problema. Quizais non tería máis que irme a ensinar a unha escola privada ou subvencionada. Entón formaría parte instantaneamente da solución certo? Seria automaticamente máis intelixente, máis dinámica, máis entusiasta. Os meus estudantes aprenderían máis automaticamente. Mesmo podería ter un iPad. Quizais debería ser unha "dispensadora de cursos" e así podería pasar todo o día sentada no meu sofá ensinando online. Podería dobrar o meu soldo e nunca máis tería que escribir un informe disciplinario.

Agás que non estou disposta a abandonar e creo que os meus colegas tampouco. Estou orgullosa de ser unha graduada da escola pública e de continuar triunfando nunha prestixiosa universidade. Creo que a educación que pode recibirse nas escolas públicas é o corazón do soño americano. Creo que no canto de asfixiar a estas escolas deberiamos traballar para melloralas. Creo nas escolas que abren as súas portas a todos os nenos sen excepción. Creo que as escolas que restrinxen a admisión a certos estudantes, abertamente ou de forma encuberta, transmiten a mensaxe de que algunhas persoas non son benvidas ao mundo. Non quero vivir nun mundo como este.

Ademais, honestamente, non creo que estea a facer un traballo tan malo. En conxunto os meus estudantes están a saírse ben dos meus cursos. Os que se han graduado están a ter éxito na universidade. Alan Rocha, un graduado do 2011 da escola onde ensino e actualmente estudante da Universidade de Nova Orleans, asistiu ao rally. Despois dun intre de observación achegouse ao micrófono e pediu a palabra. A súa mensaxe foi o seguinte:
"Estou aquí polos meus profesores, que me deron unha educación que non cambio por ningunha escola privada ou subvencionada. Valoro a educación que me deron. Estou aquí pola miña irmá que actualmente está na escola e non quero ver arruinada a súa educación, xa que son un orgulloso graduado da escola pública. Non son un fracasado. A miña irmá non é unha fracasada. Os meus profesores non son uns fracasados. Non pensedes na vosa mocidade como uns fracasos, porque non o son.

É todo o que teño que dicir.

Notas: [1] RSD: para a recuperación de escolas pouco eficientes.
[2] Menos clases por día mais de maior duración.
[3] Gai, lesbian, bisexual, transgender, and questioning (GLBTQ)

Nenhum comentário: