16/04/2012

Carta dun investigador a el-rei Xoán Carlos

Alberto Sicilia. Artigo tirado de Principia Marsupia (aquí) e traducido por Revolta Irmandiña para o galego.



Querido Xoán Carlos,

Chámome Alberto Sicilia, e son investigador de física teórica na Universidade Complutense de Madrid. Até o ano pasado, ensinaba na Universidade de Cambridge. Decidín regresar ao Reino de España porque quería contribuír para o avance científico do noso país.

Ás poucas semanas de chegar, leveime a primeira alegría: Francisco Camps obtiña un doutoramento cum laude apenas 6 meses despois de dimitir como presidente da Generalitat. Escribín dúas cartas para felicitalo, mais non me respondeu. Paco debe estar moi ocupado. Quizais o contratou Amancio Ortega para que deseñe a colección de traxes primavera-verán.

Abrín a segunda botella de champaña ao coñecer os Orzamentos Xerais recentemente presentados. O investimento en ciencia recórtase en 600 millóns de euros. Imaxínate que se nos ocorre apostar pola investigación e acabamos gañando un Nobel: crebariamos a orde xeopolítica mundial. Até agora, os Nobel científicos son para británicos, alemáns, franceses ou americanos. Nós levámonos os Tours, os Rolland Garros e as Champions League. Se empezásemos a gañar tamén en ciencia, que consolo quedaría para David, Angela, Nicolas e Barack?

Sufrín a terceira e definitiva conmoción ao saber do teu safari. Din os xornais que custou 37.000 euros, dous anos do meu salario. Os que nos dedicamos á ciencia non o facemos por diñeiro. Ao terminar as nosas teses doutorais en física teórica, algúns compañeiros fóronse traballar para Goldman Sachs, JP Morgan ou Google. Quen continuamos investigando fixémolo por paixón. A ciencia é unha das aventuras máis fermosas nas que se embarcou a especie humana. Ao regresar a España, entendín que atravesabamos unha situación económica complicada. Por iso aceptei traballar con moitos menos recursos dos que ofrecía Cambridge e un soldo inferior ao que gañaba cando era estudante de primeiro ano de doutoramento en París.

Xoancar, teño que darche as grazas. A túa aventura en Botsuana fíxome comprender, definitivamente, como é o país ao que regresei.

Regresei a un país onde o Xefe do Estado vaise a cazar elefantes mentres cinco millóns de persoas non teñen emprego. Regresei a un país onde o Xefe do Estado opérase de prótese de cadeira nunha clínica privada, mentres miles de compatriotas esperan meses para a mesma intervención. Regresei a un país onde o Xefe do Estado vaise de vacacións en jet privado mentres se fulminan as axudas ás persoas dependentes.

Que eu me marche a outro lugar para seguir as miñas investigacións non será unha grande perda para España. Non son o Einstein da miña xeración. Porén desespérame pensar nalgúns físicos da miña idade que son xa referentes mundiais nas mellores universidades. Moitos deles soñaban con regresar un día a España. Tiñamos a oportunidade de cambiar, ao fin, a escuálida tradición científica do noso país. Nunca volverán.

Convertemos España nun grande coto de caza. Pero aquí non se perseguen elefantes nin paspallás, senón investigadores. Deica pouco poderemos solicitar subvencións a WWF por ser especie en extinción.

Permíteme terminar con outra cuestión que me turba. En África hai centos de mozos españois traballando como cooperantes en ONGs. Mozos e mozas que viven lonxe das súas familias porque queren aliviar o sufrimento humano e construír un mundo máis decente. Se tiñas tantas ganas de viaxar a África, porqué non fuches a abrazar a eses raparigos e a lembrarlles o fachendosos que estamos deles?

Xoancar, no teu último discurso de Nadal afirmaches que "todos, sobre todo as persoas con responsabilidades públicas, temos o deber de observar un comportamento adecuado, un comportamento exemplar". E digo eu, se uns meses despois tiñas planeado ir cazar elefantes, por qué no te callas?

Dr. Alberto Sicilia.

Nenhum comentário: