Entrevista a Jean-Luc Melenchon, candidato da Front de Gauche para as eleccións francesas, para o xornal Página12 (aquí) realizada por Eduardo Febbro e traducida para o galego por Revolta Irmandiña.
Son as 10 da mañá dun mércores primaveral. A sede de campaña do candidato da Fronte de Esquerda, Jean-Luc Mélenchon, está nun suburbio popular do norte de París e leva moi ben o seu alcume: "A Fábrica". Un grande galpón onde algunha vez houbo unha fábrica de zapatos, agora reacondicionado para estes días de batalla electoral. O sol está fóra e dentro deste amplo local onde non se respira a posta escena senón a vida mesma: humilde, saa, problemática, solidaria, traballadora, humana. O sol chega coas sondaxes de opinión que puxeron agora ao movemento que lidera Mélenchon no terceiro lugar das intencións de voto para as eleccións presidenciais do próximo 22 de abril e 6 de maio: o pouco máis de 15 por cento fixo de Mélenchon "o terceiro home" que desprazou do trono á extrema dereita da Fronte Nacional e colocouse detrás do presidente Nicolas Sarkozy e do candidato socialista François Hollande. A Fábrica vive unha xornada especial. Un tras outro, os obreiros expoñen os seus problemas, a confrontación co padroado, as consecuencias das deslocalizacións, o desperdicio dos recursos, a destrución ecolóxica, o custo inhumano das reorganizacións industriais, os erros monumentais de xestión, as ideas concretas para salvar unha fábrica e, con ela, centos de empregos. Os obreiros da CXT, micrófono en man, presentan a historia que os medios ocultan cun empeño perverso. Jean-Luc Mélenchon escóitaos, toma notas, pregunta, pide aclaracións.
Co correr das semanas, esa práctica de proximidade teceu unha historia incríbel para un movemento político apenas fundado e en cuxo seo cohabitan comunistas do PC, esquerda radical e antiliberal, socialistas disidentes e ecoloxistas duros. A maioría destes partidos estivo a piques de saír da historia. Agora están axuntados en torno dun proxecto que os federou e con iso fixo realidade uno dos soños máis inalcanzábeis das esquerdas mundiais: pactar un consenso orgánico por encima das querelas asasinas que os dispersaron. En 2009, a Fronte de Esquerda gañou cinco europarlamentarios nas eleccións europeas. O abanico ampliouse de maneira espectacular coas eleccións presidenciais. Tanto que, durante o meeting que a Fronte de Esquerda realizou na Praza da Bastilla hai dúas semanas, Jean-Luc Mélenchon non puido terminar o seu discurso porque o embargou a emoción. O militante das correntes minoritarias tiña enfronte a 120 mil persoas na praza máis emblemática da historia da Humanidade. O proxecto político da Fronte de Esquerda é moito máis que unha máquina antiliberal. A Fronte incorporou a ecoloxía política no seu programa e, con ese achegue, deseñouse un proxecto de sociedade novo, que contrasta coa pasividade da socialdemocracia e o feche no que caeron os partidos ecoloxistas tradicionais. Non basta ser antiliberal para expor un modelo de sociedade distinto. Nesta entrevista exclusiva con Páxina/12, Jean-Luc Mélenchon, o home milagre da esquerda radical, revela os seus modelos e o corazón dunha proposta que, dunha ou outra forma, cambiará as alianzas e a filosofía políticas futuras dos partidos de esquerda.
Cal é a fórmula para unir tantas correntes distintas e a miúdo antagónicas dentro dun mesmo movemento? Vostede uniu o que estaba disperso e, encima, o éxito acompaña esta estratexia.
R: Todo o noso é novo: o Partido de Esquerda é novo, cumprimos catro anos o próximo mes de novembro, a Fronte de esquerda tamén é nova. Nós acabamos de saír das catacumbas, somos unha corrente que estivo a piques de desaparecer da paisaxe política. En realidade tomei os meus modelos en América latina, inspireime no que pasou alí. Por exemplo, a Fronte de Esquerda é unha fórmula política que liga a partidos moi diferentes. Agora temos até ecoloxistas oriúndos da franxa máis radical. No mesmo Fronte temos partidarios do non crecemento, partidarios do crecemento e comunistas. Todos chegaron a atopar cal era a súa intersección común. Neste caso, o modelo que podo evocar é a Fronte Ampla de Uruguai. Para min foi unha fonte de inspiración, desde hai moitos anos. A revolución cidadá é un proxecto federador porque inclúe a idea do poder cidadán. Esa palabra permitiu facer converxer tradicións revolucionarias moi distintas. Pois ben, esa idea tomeina de Ecuador. A maneira de enfrontar o sistema dos medios de comunicación tomeina de Néstor e Cristina Kirchner. Aquí, en Francia, atribuíronme ese estilo ao meu mal humor, ás miñas dificultades, mais en realidade non é así: eles manipúlanme e eu manipúloos. Agora téñoos a puro pan seco, igual que fixeron o ex-presidente Néstor Kirchner e a presidenta Cristina Kirchner. En suma, inspírome moito na tradición revolucionaria de América latina. Nosa consigna é: que se vaian todos! Esa consigna saqueina da crise arxentina de 2001.
Cal é a clave, a consigna de base do consenso entre tantas esquerdas?
Diría que se hai unha palabra chave é a seguinte: a racionalidade concreta. O meu postulado inicial consiste en dicir que non hai ningún problema ao que non se lle poida achegar unha resposta técnica, concreta, radical. Trátase de saír dos debates preguntándose como se pode superar o marco da contradición. Eu diríalles aos camaradas que se quixesen nos imitaran: por veces hai que tomar o vello vocabulario, polo ao carón, volver comezar desde cero coma se acabásemos de nacer. A través das palabras podemos crear unha gramática nova, unha síntese nova e converxencias extraordinarias.
Estamos nunha época de crise global e profunda. O seu discurso de ruptura atopou un eco enorme no electorado. Que tipo de socialismo ou de formulación de esquerda pódese formular dentro de movementos de sensibilidades similares, mais enfrontadas para controlar a crise e cambiar o sistema?
Na época da crise arxentina, tiven unha discusión cuns camaradas que ocuparan un hotel en Buenos Aires. Tivemos unha discusión sobre o tipo de socialismo que era necesario plasmar a través das críticas que se podían facer do modelo venezolano ou cubano. O camarada que estaba aí díxonos: "Miren, vostedes, os europeos, son moi interesantes para as polémicas, mais están en crise. A última vez que houbo unha crise desencadearon unha Guerra Mundial e a Shoá para saír da crise. Que van facer agora?". Quedamos mudos. Aquel camarada puxera o dedo na chaga: a crise do capitalismo da nosa época conxuga crise económica e crise ecolóxica, e provoca deflagracións que son moito máis que esquemas teóricos: son deflagracións nas cales a mesma humanidade pode abolirse. É preciso que a nosa esquerda se cure da teima das querelas teolóxicas, das discusións aterradoras sen fin. É preciso ter unha práctica racional. En canto preséntase unha dificultade, trátase de desconstruíla, de desconstruir o seu contido e volvelo a construír cos útiles que funcionan. É imposíbel separar a práctica do traballo teórico. Teño unha intuición, unha sorte de certeza histórica e política: a clase traballadora está chea de ideas, de coñecemento, dunha mirada de experto. É unha fonte fabulosa! A dialéctica do intercambio permítenos progresar.
Como o sinalou fai un momento, dentro da Fronte de Esquerda están os ecoloxistas. Porén a súa presenza non é decorativa, é orgánica. A ecoloxía política é o núcleo do proxecto que vostede defende.
Ao principio non tomara en conta esa dimensión. Tiña unha sensibilidade ante o medio ambiente, fronte ao desperdicio e a contaminación, mais non ía máis lonxe. Na antiga esquerda eramos capaces de pensar todo, mais ficabamos con ángulos mortos. Un dos ángulos mortos era: como vivimos? Na historia do socialismo hai unha sorte de obsesión sobre o home novo. Con todo, é unha noción tan turbia que ao final se volve perigosa. Que é ese home novo ao que queremos reformatear, a partir de que? Enseguida vemos aparecer o risco totalitario. Ese era un ángulo morto. O outro estaba no feito de que o desenvolvemento mesmo do sistema pode pór en cuestión as mesmas bases da existencia do sistema porque esgota os recursos e saquea o medio ambiente. Foron os verdes quen puxeron ese tema sobre a mesa. Recoñezo a débeda intelectual que teño con eles. Alguén dixo que a ecoloxía política era a novo paradigma organizador da esquerda, e ten razón. Intereseime nese tema e para min foi un shock intelectual, similar ao shock que tiven cando, na miña mocidade, lin o libro de Marx e de Engels, A ideoloxía alemá. Para min foi unha revelación intelectual, unha clave de comprensión. O mesmo ocorreume coa ecoloxía política. Nesa procura volvín a Marx a través do recordo dunha frase na que el falaba da natureza e dicía que esta era o corpo inorgánico do home. Marx describe a relación do ser humano coa natureza nunha sorte de dialéctica na que o ser humano é un dos episodios da natureza e non simplemente unha criatura exterior que xorde e exponse a pregunta do control da natureza. Así terminei por formular unha síntese entre a antiga esquerda, da que eu era un representante, e a novo paradigma.
Esa síntese conduciu logo á profundización do principio da planificación ecolóxica como modelo de xestión.
Si. Así xurdiu a idea da planificación da ecoloxía. Con esa planificación pódense desenvolver as forzas produtivas e diminuír as pegadas ecolóxicas da humanidade.
O seu argumento implica que a esquerda deixou de lado a cuestión do medio ambiente, dos recursos naturais, que non integrou ese dato fundamental no seu proxecto de sociedade.
O problema da esquerda consistiu en adoptar o principio segundo o cal os estándares de vida dos ricos eran o bo camiño. Por conseguinte, iso é o que lle facía falta a todo o mundo. E é a iso ao que hai que renunciar. A riqueza é sinónimo de irresponsabilidade no que incumbe aos modos de consumo. Foi un erro da antiga esquerda pensar así. Tiñamos unha mirada acrítica sobre o consumo. Encima, cando xurdía unha mirada crítica, esta era absurda porque se baseaba en principios morais. A ecoloxía política permitiu solucionar moitos problemas teóricos. Por exemplo, toda a idea progresista repousa sobre a igualdade e a similitude dos seres humanos. Aínda que iso é unha mera idea. Se un olla ao redor, ve deseguida que os seres humanos non son en nada iguais. Porén nós fundamos de maneira natural a nosa idea sobre esa igualdade. A Revolución de 1789 di: os seres humanos nacen e permanecen libres e iguais en dereito. Esa é a razón pola cal en Francia naceron todas as matrices dos pensamentos totalitarios e racistas. Eles postularon que non era así, que, por natureza, había diferenzas, desigualdades, razas. Quen negan a desigualdade natural conduciron a todos os réximes igualitarios a ser totalitarios, porque tiveron que forzar algo que está xa na natureza. A ecoloxía política resolve ese obstáculo teórico, pecha a discusión. Por que? Porque di que só existe un ecosistema compatíbel coa vida humana. É dicir, todos os seres humanos son semellantes polo feito de que, se ese ecosistema desaparece, os seres humanos desaparecen todos ao mesmo tempo. Somos entón iguais fronte ás obrigacións do ecosistema. Isto quere dicir que se temos un só ecosistema que fai a vida posíbel, hai entón un interese humano xeral. Ese interese humano xeral é unha realidade. Desta maneira chegamos a refundar o conxunto das paradigmas organizadores do pensamento de esquerda, é dicir, o socialismo, o humanismo, as Luces, a República e a democracia.
Na liña deste pensamento, vostede puxo en primeiro plano á clase traballadora como actor ecolóxico e a idea da planificación ecolóxica.
Desde logo. Son os traballadores quen manipulan os produtos nocivos. Estes produtos arruínanlles o primeiro segmento da natureza que son eles mesmos: os pulmóns cando se respiran porcalladas, a fecundidade, etcétera. A clase que está en contacto coa catástrofe ecolóxica é a clase obreira. A planificación ecolóxica consiste en organizar a produción, que hoxe está pensada a curto prazo. As empresas están baixo o control dos investidores, das axencias de cualificación, quen reclaman contas cada tres meses. Non hai ningunha estratexia a longo prazo. Tornar compatíbeis os procesos de produción e de intercambios cos imperativos da ecoloxía require tempo. A planificación consiste en minorar o tempo, o cal é unha dimensión social e ecolóxica fundamental. A segunda idea subxacente concerne á política da oferta a partir dunha pregunta: que necesitamos? De alí xorde outra idea, a do imperativo común; algo común a todas as reflexións e a toda a produción e os intercambios. Iso é a regra verde, é dicir, diminuír a pegada ecolóxica da produción dunha forma seria, metódica e profunda.
Neste contexto, o seu proxecto da revolución cidadá distánciase dos principios da socialdemocracia xa que, por exemplo, inscríbese contra o credo do crecemento como fórmula de progreso.
No proxecto da revolución cidadá hai, en efecto, unha ruptura teórica de fondo coa socialdemocracia. Nós non dicimos que imos repartir o froito do crecemento. A socialdemocracia está orgánicamente ligada ao productivismo porque declara que o progreso social só existe dentro do productivismo. Non. Nós pensamos o contrario. Cremos que o progreso económico só é posíbel se hai progreso humano e progreso social. Para nós, o progreso humano e social é a condición do desenvolvemento económico. Estamos en dúas visións diametralmente opostas. Temos que recuperar a audacia dos pioneiros, daquela xente que dicía "este mundo é belo, é novo". Temos que coñecer, descubrir, protexer e impedir o saqueo dos recursos. A terra é dunha gran beleza. Todo non está perdido.
Nenhum comentário:
Postar um comentário