Tirado de El País (aquí) e traducido por Revolta Irmandiña. Fai 79 anos, galeguistas e obreiros proclamaron en Santiago de Compostela un Estado propio.
"Ao terminar o mitin formouse unha manifestación impoñente, que se dirixiu ao Concello, erguéndose a bandeira branca e azul no edificio e proclamándose o estado galego. Dimitiron inmediatamente todas as autoridades". Para o entusiasta redactor, anónimo, do El Pueblo Gallego, aquel 27 de xuño de 1931 "o pobo de Santiago lanza o seu primeiro berro de independencia efectiva". Á cabeza da autodenominada Xunta Revolucionaria atopábase Antón Alonso Ríos, galeguista radicalizado entón acabado de chegar de Bos Aires e exiliado despois de 1936 baixo o nome de Sinhor Afránio. Varios colectivos culturais de Ordes e Cerceda celebran hoxe, na antiga estación de tren Queixas-Londoño con concertos, charlas e proxeccións, o 79º aniversario dos acontecementos.
Pero o rastro da I República Galega, así a bautizaron os organizadores da xornada de hoxe, non resulta facilmente detectábel. Ausentes dos manuais de historia -os feitos non aparecen mencionados nin en De provincia a nación, de Xusto Beramendi, nin no recente A Segunda República en Galicia, de Emilio Grandío- e cualificados polo propio Beramendi de "anécdota", o certo é que naqueles días de 1931, galeguismo e movemento obreiro confluíron por primeira vez. Non volvería ocorrer até os anos sesenta.
Foi a paralización das obras do ferrocarril Zamora-A Coruña, só en cuxo tramo entre Sanabria e Ourense traballaban 5.000 obreiros, a orixe das protestas que colocarían a Alonso Ríos nesa efémera presidencia. O Goberno da II República cortara o crédito á infraestrutura, máis preocupado por asentar un réxime que apenas contaba dous meses de idade, desde o 14 de abril, que de asegurar o traballo ás masas operarias. A folga declarada polos traballadores, e apoiada por comerciantes e pequena burguesía, desembocou o 25 de xuño na ocupación do salón de plenos do Concello de Ourense. "Os obreiros izan a bandeira galega e proclaman a República Galega", explica Carlos Calvo, da Asociación Cultural Foucelhas de Ordes. "Descontento en Ourense. Non se proclamou a República galega", titulou El Imparcial a mañá do 26.
Aos dous días, un mitin na Alameda compostelá reuniu oradores comunistas e galeguistas. O paro dos obreiros do ferrocarril planeaba sobre o encontro, ás sete da tarde da véspera das eleccións constituíntes da II República española. O comunista Eduardo Ponche -relátao o cronista do El Pueblo Gallego- chegou a esixir "unha Galicia soviética, se fai falta, sendo aplaudido intensamente". Antón Alonso Ríos, quen en Bos Aires dirixira a Organización Republicana Galega Autónoma de Casares Quiroga, foi o que, ante unha audiencia proletaria procedente da comarca de Vedra, invocou a independencia: "Fagamos a nosa revolución por encima de todos os poderes centrais habidos e por haber, proclamando a nosa independencia e abrazándose, se fai falta, cariñosamente a Portugal".
A multitude dirixiuse entón, en "manifestación impoñente", cara ao Pazo de Raxoi. Segundo El Pueblo Gallego, á ocupación das dependencias municipais, na que participou Manuel Beiras, pai do líder nacionalista, seguiu a incerteza do "latexado do corazón de Galiza". "Santiago atópase á expectativa do que sucede no resto do país", concluía o xornalista. Porén sucedeu que o Goberno central renovou o proxecto dos camiños de ferro antes de que outras zonas se sumasen á insurrección. As consígnas de Alonso Ríos perderon pé e a república galaica durou así unhas horas. "Non tivo ningunha repercusión na dinámica política do momento", considera Xusto Beramendi, "e arroutadas como estas, os anarquistas facían 200 ao mes".
Nenhum comentário:
Postar um comentário