20/06/2012

Beiras chama a participar na Asemblea Constituínte por un novo referente político

Beiras, en consonancia coa Coordinadora de Asembleas do NPC, fai un chamamento a participar neste proceso aberto. Tirado do site do Encontro Irmandiño (aquí). A rolda de imprensa foi recollida tamén por Praza Pública (aquí): "Beiras, convencido de que o NPC e Compromiso por Galicia "poden confluír", Europapress (aquí): "Beiras "aparece" para llamar al "diálogo de grupos" para un nuevo referente nacionalista" e Galicia Confidencial (aquí): ""Non teño na cabeza ser candidato, pero non pecho ningunha porta".




Beiras manifestou hoxe o seu profundo respecto e o do Encontro Irmandiño polo proceso que están a levar as persoas que están a traballar, como el mesmo, nas asembleas a prol do Novo Proxecto Común e explicou que o seu silencio até hoxe e do noso partido foi para visualizar a non interferencia nun “proceso que se ten que dar entre cidadáns de abaixo cara arriba”.

O Portavoz do EI fixo seu o manifesto asinado polas Asembleas reunidas en Coordinadora o pasado día 16 que decidiron convocar una Asemblea Nacional Constituínte para a nova formación política o vindeiro 14 de xullo, un proceso de portas abertas e para o que a Coordinadora fixo un duplo chamamento aos continxentes de persoas sen militancia previa que queiran participar e tamén aos grupos que estean a prol disto para que insten a participar ás súas militancias respectivas no proceso de base das asembleas.

"Eu son partidario da confluencia de todos e todas os que din estar a prol do novo proxecto común, pero se non queremos repetir vellas historias debe ser unha confluencia de cidadáns de abaixo cara arriba." Reiterou que unha cousa é falar entre as forzas políticas como sempre defendeu o EI para eliminar obstáculos e limar dificultades e outra é substituír con acordos de cúpulas o que ten que ser un proceso de base.

"Estamos ante a fin dun ciclo político e non podemos repetir vellas fórmulas partidistas ou de acordos polas cúpulas."

Tras unha demorada análise do que deu en cualificar como a fin dun ciclo político no Estado Español e de crise do sistema mundo, especialmente convulso na UE, que fai necesario que sexan os cidadáns conscientes quen asuman o seu rol para atopar novas fórmulas cara unha nova creba democrática que remate coa segunda restauración borbónica e co continuo deterioro dos valores e institucións democráticas que cada vez representan menos á cidadanía. "Nunca foi mais xusto ese berro do 15 M de Non nos representan".

"Eu son partidario dunha confluencia, pero unha confluencia de cidadáns conscientes nas asembleas de abaixo cara arriba"

Ante esta situación non se poden repetir as vellas fórmulas partidistas, nin os directorios que amañan todo polas cúpulas e logo propoñen formulacións feitas aos cidadáns exercendo de partidos guía ou tractores, no canto de deixar ese papel á cidadanía consciente. Por iso o seu apoio e o do EI ao proceso asembleario que rematará o 14 de xullo coa constitución na Asemblea Nacional Constituínte dese novo suxeito político que a sociedade galega demanda.

Finalmente, e ante as preguntas de xornalistas presentes, Beiras considerou que, polo que percibe nas asembleas, a partires do día 14 de xuño a nova forza política estará en condicións de encarar os procesos electorais vindeiros.
Postar um comentário