04/07/2012

Rajoy, 4-0 no Consello Europeo?

Antoni Domènech · G. Buster · Daniel Raventós. Tirado de SinPermiso (aquí) e traducido por Revolta Irmandinha. Aprobeitamos desde Á Revolta entre a mocidade para lembrarvos que o próximo sábado 7 de xullo celébrase na aula Castelao da faculdade de Medicina a Asemblea Constituínte da Mocidade Irmandiña.



Como ben apunta Yanis Varoufakis no seu certeiro balance crítico da cimeira europea do pasado 28 de xuño, o Consello europeo adotou unha serie de decisións políticas, cuxa posta en práctica está aínda por ver e que, no seu elemento esencial -a capacidade de supervisión do BCE sobre o sistema financeiro europeo-, non será efectiva antes de 2013. Sen esa nova transferencia de soberanía dos estados membros ao BCE, que esixirá cambios constitucionais en parte dos estados membros, e por tanto, a posibilidade de verse obrigados a exercer o dereito de veto contra a posición dos seus propios gobernos, non se poderá recorrer ao financiamento directo da banca polo MEDE. Un MEDE, todo sexa dito, que aínda está por organizar tecnicamente: aínda non conta con capacidade nin para facer as xestións informáticas e técnicas necesarias para comprar bonos de débeda soberana, nin para transferir préstamos a uns bancos ao bordo do colapso, desangrados por unha crecente fuga masiva de depósitos.

O Consello buscou enviar in extremis aos mercados a mensaxe política da irreversibilidade do euro. Pero os mercados non viven de mensaxes políticas, senón de expectativas de retorno con beneficio dos seus investimentos. Polo momento, o único que hai para contentalos en seis longos meses é a posibilidade de que o BCE volva comprar en situacións de emerxencia bonos no mercado secundario e que o MEDE o faga nos mercados primarios cando estea en disposición de facelo, sen o status de acredor preferente, previa solicitude do estado membro e o compromiso de cumprir as condicións da comisión europea.

Rajoy acudiu a Bruxelas arroupado por unha "unidade nacional" propugnada por Rubalcaba e Durán i Lleida. Ese abrigo, emporiso, deixáballe espido en caso de non conseguir o apoio do BCE para a compra de bonos, despois de semanas de bordear a taxa de interese da débeda soberana española o 7%. O seu fracaso non só acelera o afundimento da bolsa por baixo dos 6.000 puntos e a fuga masiva de depósitos, senón que a única mensaxe política que quedaba por enviar aos mercados era a formación dun goberno de salvación nacional.

O seu apoio a Monti, e o apoio de Hollande a Monti e a Rajoy, deu unha segunda oportunidade ao goberno español, que depende -dada a maioría absoluta do PP- dos ritmos de intervención no mercado secundario do BCE nos próximos meses. A Rubalcaba permítelle seguir na súa "oposición responsábel", mirando de esguello a Hollande, mentres un sector do PSOE e de UXT miran de esguello á pantasma do PASOK ou á pantasma de Syriza.

Porque esta non foi unha renegociación das condicións do Pacto Fiscal. O Pacto polo Crecemento adotado suma tan só 10.000 millóns de euros a uns fondos que estaban xa a disposición da Comisión europea para os seus proxectos pan-europeos; un mero endulcorante da súa tarefa prioritaria como gardiá do Pacto Fiscal.

Tamén aquí estamos en terreo abonado ás mensaxes políticas. Porque se o plano de rescate do sector bancario español negociado co Eurogrupo xa era confuso, agora simplemente quedou en suspenso até que o MEDE poida recapitalizarlo directamente en 2013. Mentres tanto, Bankia (cun pasivo de máis de 13.000 millóns de euros e á espera dos 40.000 pedidos por Goirigolzarri), NovacaixaGalicia, CatalunyaCaixa e Unnim, que segundo os chamados evaluadores independentes, requiren o 75% das necesidades de recapitalización do sector (65.000 millóns de euros) e que son bancos intervidos polo estado, quedan nas pavías. O Comisario Almunia non desaproveitou ocasión estas semanas para condenalos á liquidación, coa excepción de Bankia (pola súa "papel estratéxico"); mais non cabe dúbida de que dentro de seis meses carecerán de activos non tóxicos e de depósitos.

O horizonte marcado polo Consello e presentado como un grande triunfo por Rajoy -co entusiasta apoio do Financial Times- é que  10% do PIB que ía custar en termos de débeda pública a recapitalización da banca agora irá directamente ao balance duns bancos que son públicos. Como é inimaxinábel que o MEDE acepte converterse nun depósito de activos tóxicos sen máis, apalancado nos orzamentos dos estados membros (que teñen que votar os seus parlamentos, incluídos os dos estados membros acredores), ou que o Estado español se resigne a absorber no déficit orzamentario unha banca pública tóxica mentres o MEDE privatiza os activos sans, o que se acabará impondo con toda probabilidade é a liquidación, a expensas dunha decisión política sobre Bankia.

Despois de catro decretos de reforma financeira, o Goberno Rajoy cedeu a responsabilidade da súa orientación ao MEDE, institución cuxo funcionamento está aínda por coñecer. O Goberno que priorizou ser o "goberno de Bankia" antes que o "Goberno da banca", segundo tivemos ocasión de argüir nun artigo anterior, acabou por ceder a súa soberanía supervisora en nome dunha futura unión bancaria, en cuxa constitución dificilmente terá voz e voto. Dado o papel central da oligarquía financeira na constitución das clases reitoras e do capitalismo españois desde o século XIX, trátase dun cambio substancial, cuxas consecuencias plenas tardarán en manifestarse, máis aló do fracaso instrumental do PP na representación política fiduciaria dos seus intereses.

Evitará a recapitalización directa da banca polo MEDE un segundo rescate do Tesouro público? Dificilmente, polo apalancamiento actual entre débeda privada e débeda pública a través da intervención pública do sector da banca sen acceso ao financiamento privado dos mercados. Nada do acordado no Consello cambia a situación acumulada, por moito que evite que o seu perigo siga crecendo. A taxa de xuro da débeda ao 7% baixará, pero o xusto para non afrouxar a presión na aplicación do Pacto Fiscal, coa intervención primeiro do BCE e despois do MEDE, se os resultados do Consello non son cortocircuitados. Pero o déficit público non descenderá ao 5%, no mellor dos casos, no medio dunha caída do PIB do -1,7% en 2012, a menos que as autonomías devolvan a final de ano 20.000 millóns de euros. Como parece altamente improbábel que iso ocorra, a presión a curto sobre a débeda soberana española seguirá con todo vigor, obrigando ao Goberno a solicitar, como previron as Conclusións do Consello, a intervención do MEDE no mercado primario, que será a forma que adopte o segundo rescate.


Respecto do "espírito de unidade nacional" construído con Rubalcaba e Durán i Lleida, séguenos parecendo máis que probábel que o "espírito" se transubstancie en "carne": nun goberno de "unidade nacional" afanado no logro da máxima lexitimidade posíbel, como expresión política dunhas clases reitoras en proceso de recomposición e resoltas a dar a volta de porca definitiva do Pacto Fiscal e as súas consecuentes políticas de axuste socialmente desvertebrador.

Mentres tanto, hoxe, os mineiros en marcha cara a Madrid, os desafiuzados e estafados nas preferentes pola banca, os despedidos en EREs, os xubilados obrigados ao copago sanitario, e á espera todos da subida do IVE e de despedimentos masivos de contratados no sector público, celebramos o 4 a 0 da selección do Reino de España contra Italia xunto a quen volveron satisfeitos do seu "éxito" en Bruxelas. Máis vale que os que menos teñen comecen a pensar en serio en que lles beneficia esta pretendida "unidade nacional".
Postar um comentário