30/10/2012

Hexemonía abertzale

Ramón Zallo. Artigo tirado de Sin Permiso (aquí) e traducido por Á revolta entre a mocidade.



Por fin pasouse esta etapa artificial da nosa vida política. Un alivio!. A exclusión duns e o oportunismo de quen querían tocar poder custe o que custe, permitiu que tivésemos un goberno non representativo e de escaso voo no peor dos momentos.

Sociedade de 2/3 e a tres alicerces

Os nacionalismos arrasaron. Mobilizáronse e competido cos outros, e entre si. Acabouse o do país dividido pola metade, cando a proporción chega case aos 2/3 (64% de escanos). Teoricamente nada impide que con esas maiorías se faga un país á medida. Outra cousa é que se queira ou se acerte.

Os nacionalistas en conxunto dan tamén o sorpasso en Araba (48% do voto), logrando o PNV o liderado (25,8%) e unha boa posición Bildu (nada menos que o 22%). Se se sumase o voto de EU aos nacionalistas, e o de UPyD a PP e PSE, as forzas serían de 52,6% fronte a 42%. Algo cambiou; mais segue sendo un territorio a catro bandas e dous flancos: UPy D (3,5%) e Esquerda Unida (4,6%).

Tamén se acabou, provisionalmente, o do país a 4 ou 5 forzas. É, polo menos provisionalmente, un país a tres, un trípode. O PP chegou ao 20% en 1998, pero agora quedouse no 11,7%. Xustificar a política de Rajoy, parecerse a Mayor Oreja e a sobreatención ás aguilladas de UPyD minaron o novo ar de Basagoiti. Non é unha porcentaxe testemuñal, mais si moi afastada dos postos de influencia. Ademais, aínda haberá de pagar máis facturas en próximos comicios polas desfeitas que faga Rajoy de aquí en diante, e que non serán poucos. Máis cintura no tema das vítimas non lles viría mal.

O desastre práctico de EU (Batua e Anitza) non se produciu porque non houbese espazo senón por autoimplosión. A indignación pola crise favorecía o seu ascenso como nas Eleccións Xerais ou en Galiza. Sumando ambos, tiveron -a pesar do espectáculo- 11.000 votos máis que en 2009. A falta dun imposíbel acordo para unha candidatura conxunta polas feridas abertas, non sería razoábel, mesmo para pór os vimbios da súa reconciliación, que Ezker Batua retirase a candidatura, e chamado a votar a Arana? Dirán que por que non ao revés?. E é verdade. Pero o cainismo nubla a percepción e agora o camiño de ambas as faccións será moito máis difícil e, posibelmente, pase pola xubilación anticipada dunha parte dos seus dirixentes. Os lazos co 15M poden abrir un novo camiño.

PNV, un éxito

O éxito do PNV é indubitábel: gana con folgura en Bizkaia, é líder en Araba e iguala a Bildu en Gipuzkoa. O PNV vence en todas as capitais, así como nas Marxes dereita e esquerda da Ria (salvo Portugalete) confirmando o voto urbano e de zonas tradicionalmente de clase traballadora.

O PNV recupera a centralidade, reivindica a gobernabilidade na crise e recolleu o voto dun nacionalismo tranquilo, á espera de ver a aposta de Catalunya (tocaríalles esta vez aos cataláns experimentar, pensan no PNV). Aínda que non fose o seu record en Eleccións Autonómicas en solitario (Ibarretxe conseguiu 16.000 votos máis, e baixou lixeiramente en número de votos en Bizkaia e Araba, e subiu algo, e é unha importante novidade, en Gipuzkoa) o certo é que obtivo 60.000 votos máis que nas Eleccións locais e nas Xerais de 2011. Así mesmo, recolleu bastante voto de xentes de orde (do PP e PSE) que quixeron concentrar voto para frear a Bildu. Ese apoio non axuda á innovación política.

Esta é unha lexislatura na que Urkullu ten marxe para marcarlle o itinerario da pacificación a Rajoy, especialmente, no capítulo que está máis bloqueado: os presos. Menos claros son o percorrido que queira e poida facer para un novo marco político e a marxe para xestionar a crise desde uns Orzamentos que se adiviñan recortados para 2013 e 2014, polo menos.

Ten todo o campo aberto para elixir a modalidade de Goberno que queira para unha lexislatura de xestión e para a que non prometeu grandes xiros. Pero hai un movemento sindical moi potente coas súas propias ideas sobre a crise e unha marea soberanista que pode mobilizarse por acicates varios (Escocia, Catalunya, eleccións navarras..). Tranquilidade non vai haber, precisamente.


Bildu confirma un chan

En Gipuzkoa, Bildu aguanta como líder, a pesar do desgaste da xestión e a forte e longa campaña en contra á que se lle someteu. Pero o PNV de Egibar alcánzalle. Haberá de reflexionar sobre a erosión sufrida e a perda de Donostia.

Bildu tivo un bo resultado mais inferior á expectativa e o seu peso en Bilbao é relativo. Conságrase como segunda forza. Sitúase en sucesivos comicios nun chan de 277.000 (2012), o que significa que a porcentaxe en que se movía nos 80 (16% do electorado) rolda xa repetidamente o 25%. E non puido contar cun partido legalizado, unhas finanzas de apoio e un dirixente carismático en liberdade. O mérito é evidente.

Visto o discurso do PNV, é impensábel unha alianza PNV-Bildu posto que hai dous proxectos distintos aínda que Urkullu di que en 2015 moverá ficha. Bildu aínda non lle pode disputar a hexemonía ao PNV -en Bilbao ten unha materia pendente-, mais ten a posibilidade de expor unha alternatividade programática global e temática.Vivimos unha etapa excepcional que require de novas ideas.


O PSE-EE


 O PSE-EE pactou con quen non debía e, por cálculo e pánico, adiantou as eleccións. Non quixo pagar os pratos duns orzamentos difíciles de aprobar e de carácter restritivo, e contou con meses para desmarcarse da longa sombra de Rajoy "o recortador". Igualmente Rubalcaba foi unha mala compañía no tema da paz e unha oposición frouxa á política social de Rajoy.

Tivo así outro descenso consecutivo. Os 430.000 votos das xerais de 2008 quedáronse en menos da metade (211.939), e aínda peor tería sido se non chega a romper o pacto PSE-PP. Os cogobernantes deste período de paréntese pasan á condición de 3ª e 4ª forza. Claro que a importante abstención (34,1%) indica certo desapego ou incredulidade social polos proxectos políticos e, posibelmente, apuntamento á existencia dun sector que, decepcionado con López e Rajoy, tampouco quixo votar abertzale.

Emprenderá o PSE o xiro vasquista e de esquerda que lle demandaba Egiguren? De esquerda pode ser, mais dependerá dos pactos de lexislatura ao que parecen abocados co PNV. É máis, a pesar da catástrofe, ten a chave da gobernabilidade. Caeu de pé. O xiro vasquista parece máis difícil, porque xa non quedan vasquistas no aparello. Non lles vexo a Ares ou Pastor nese papel cando Patxi se vaia a Madrid.

O debate fiscal e o modelo institucional interno -fóra de pacto co PSE-EE- é unha oportunidade para marcar territorio e para unha alianza puntual con Bildu. Pero suman 37, os mesmos que PNV e PP. E que fará UPyD? E Lerroux que faría? Misterio!
Postar um comentário