30/06/2013

O Estatuto do 36, un chanzo no camiño

Xosé Manuel Pazo Blanco. O autor é militante de Anova-Irmandade Nacionalista em Ferrol. O artigo foi publicado no Diario de Ferrol en xuño de 2012. Era de xustiza recuperalo máis unha vez.

O 28 de xuño de 1936, hai 75 anos, os galegos e galegas votaban afirmativamente o Estatuto de Autonomía. O teimudo traballo de Castelao na defensa dos nosos dereitos nacionais conseguíu que fora tomado en consideración polas Cortes españolas no Montserrat asediado polo exército golpista.

Supuxo o primeiro chanzo no camiño da nosa soberanía ( lembramos que un chanzo é unha travesa horizontal dunha escada onde se apoian os pés). E puxo sobre a mesa a loita entre a Galiza que pon proa ao futuro e a que bota amarras e fica, medoñenta, varada nas decisións do alleo.

Unha vez rematada a Dictadura o feito de termos aprobado en referendo o Estatuto do 36 situounos ao mesmo nível que Cataluña e Euscadi pois obrigou a nos recoñecer, no actual marco xurídico, como nacionalidade histórica.

 Na nosa comarca, na primavera de 1936, os galeguistas ferroláns realizaron un esforzo extraordinario na campaña para acadar un apoio masivo ao Estatuto. Con un Teatro Jofre abarrotado de cidadáns e coa intervención de Xaime Quintanilla e Carvalho Calero concluíase un traballo político e cultural intenso iniciado no 1917 coa fundación, a iniciativa de Xaime Quintanilla, da Irmandade da Fala de Ferrol e continuado no ano 1932 coa fundación do Partido Galeguista que contou como Presidentes a Nicolás García Pereyra, Ricardo Carvalho Calero e a Domingo Pombo López.

Despois, unha longa noite de pedra.

Nenhum comentário: