01/07/2013

Sudáfrica: O pacto fáustico da ANC foi a costa dos máis pobres

 Ronnie Kasrils. Artigo tirado de Sin Permiso (aquí). Tradución de David Balado Rouco.   Ronnie Kasrils, veterano loitador contra o apartheid en Sudáfrica, foi membro do comité central do SACP e comité executivo do ANC de 1987 a 2007. Foi ministro dos servizos de intelixencia de 2004 a 2008. O presente artigo é un extracto editado da nova introdución á súa autobiografía, Armed and Dangerous.



A comezos da década de 1990, os que estabamos na dirección do ANC cometemos un grave erro. O noso pobo segue pagando o prezo.
Hoxe coñécese aos mozos de Sudáfrica como a xeración Born Free ("nada libre"). Gozan a dignidade de nacer nunha sociedade democrática, con dereito a votar e a elixir quen gobernará. Pero a Sudáfrica moderna non é unha sociedade perfecta. A igualdade plena -social e económica- non existe, e o control da riqueza do país está en mans duns poucos e xorden así novos desafíos e frustracións. Aos veteranos da loita contra o apartheid, coma min, pregúntasenos con frecuencia se, á luz desa decepción, o sacrificio mereceu a pena. Aínda que a miña resposta é que si, debo confesar serias dúbidas: creo que deberiamos telo feito moito mellor.
Houbo logros impresionantes desde a conquista da liberdade en 1994: construción de casas, gardarías, escolas, estradas e infraestruturas, a subministración de auga e electricidade para millóns de persoas, a educación e a asistencia sanitaria gratuítas, o aumento das pensións e os subsidios sociais, estabilidade financeira e bancaria, e un crecemento económico lento pero constante (polo menos até a crise de 2008). Estes logros, con todo, foron paralelos á quebra da prestación de servizos, que provocou violentas protestas das comunidades máis pobres e marxinadas; insuficiencias graves e desigualdades nos sectores da educación e da saúde; un aumento feroz do desemprego; violencia e tortura policial endémicas, vergoñosas loitas polo poder no seo do partido do goberno que se fixeron moito peores desde a saída de Mbeki en 2008; unha alarmante tendencia ao segredo e ao autoritarismo no executivo; inxerencias no poder xudicial e ameazas á liberdade de prensa e de expresión. Incluso a intimidade e a dignidade de Nelson Mandela foron violadas polos niveis máis altos do ANC para facérense unha foto no colmo do oportunismo máis ruín.
O máis vergoñento e escandaloso de todo, os acontecementos do Xoves Sanguento -16 de agosto 2012- cando a policía masacrou a 34 mineiros en folga na mina de Marikana, propiedade da empresa Lonmin con sede en Londres. A masacre de Sharpeville en 1960 foi o que me empuxou a unirme ao ANC. Creo que Marikana é aínda máis conmovedor: a Sudáfrica democrática naceu para pór fin a tanta barbarie. E con todo, o presidente e os seus ministros, refuxiáronse nunha cultura de encubrimento. Incriblemente, o Partido Comunista de Sudáfrica, o meu partido durante máis de 50 anos, tampouco condenou á policía.
A loita de liberación de Sudáfrica chegou a un punto alto, pero non ao seu cénit cando acabamos co réxime do apartheid. Nese momento, as nosas esperanzas no noso país eran enormes, dada a súa moderna economía industrial, os recursos minerais estratéxicos (non só o ouro e os diamantes), e unha clase obreira e un movemento sindical organizados, cunha rica tradición de loita. Pero ese optimismo minusvalorou a tenacidade do sistema capitalista internacional. De 1991 a 1996, produciuse unha batalla pola alma do ANC e ao final perdémola porque se fixo con ela o poder empresarial: a economía neoliberal enguliunos. Ou, como algúns hoxe claman, "vendemos ao noso pobo polo camiño".
O que eu chamo o noso momento fáustico tivo lugar cando solicitamos e obtivemos un préstamo do FMI en vésperas da primeira elección democrática. Ese préstamo, con condicións que impedían un programa económico radical, considerouse un mal necesario, do mesmo xeito que as concesións que había que facer para manter as negociacións abertas e poder entregar ao noso pobo a terra prometida. A dúbida dominábao todo: criamos, erroneamente, que non había outra opción, que tiñamos que ter coidado, xa que en 1991 o outrora poderoso aliado, a Unión Soviética, crebada pola carreira de armamentos, derrubouse.
Inescusablemente, perderamos a fe na capacidade das nosas propias masas revolucionarias para superarmos todos os obstáculos. Calquera que fosen as ameazas de illar a unha Sudáfrica radicalizada, o mundo non podía prescindir das nosas vastas reservas de minerais. Para perder o noso valor non era necesario ou inevitable. A dirección do ANC debeu permanecer firme, unida e incorruptible. E, sobre todo, aferrarse á súa vontade revolucionaria. En cambio, acovardámonos. A dirección do ANC debeu permanecer fiel ao seu compromiso de servir ao pobo. Iso outorgoulle a hexemonía necesaria non só sobre a arraigada e bunkerizada clase capitalista, senón tamén sobre as novas elites emerxentes, moitas das cales buscaron o camiño á riqueza a través do “empoderamento” económico negro, a corrupción, a prevaricación e o tráfico de influencias políticas.
Acabar co réxime do apartheid mediante a negociación, en lugar dunha sanguenta guerra civil, parecía daquela unha opción demasiado boa como para ser ignorada. Con todo, nese momento, a correlación de forzas estaba a favor do ANC, e as condicións eran favorábeis para obter un cambio máis radical na mesa das negociacións que finalmente se aceptou. Non era de ningunha maneira certo que a vella orde, a parte duns cantos extremistas de dereita illados, tiña a vontade ou a capacidade de recorrer a unha represión sanguenta como cría a dirección de Mandela. Se mantiveramos o pulso, poderiamos ter seguido presionando sen facer as concesións que fixemos.
Foi un grave erro pola miña parte concentrarme nas miñas propias responsabilidades e deixar os problemas económicos aos expertos do ANC. Con todo, nese momento, a maioría de nós nunca soubo o que estaba a ocorrer nas discusións económicas a alto nivel. Como Sampie Terreblanche revelou no seu crítico libro, Lost in Transformation, a finais de 1993 as grandes estratexias de negocios -incubadas en 1991 na residencia de Johannesburgo do magnate mineiro Harry Oppenheimer- foron cristalizando en segredas conversas noturnas no Banco de Desenvolvemento de Sudáfrica. Nelas participaron os principais empresarios da minería e a enerxía de Sudáfrica e líderes da enerxía, os xefes das compañías estadounidenses e británicas con presenza en Sudáfrica, e os novos economistas do ANC que foran educados nos patróns das economías occidentais. Informaban directamente a Mandela, e foron marxinados ou acovardados até a submisión a golpe de ameaza das consecuencias nefastas que tería para Sudáfrica un goberno do ANC que acabase aplicando unhas políticas económicas que consideraban desastrosas.
Todos os medios para erradicar a pobreza, que era a promesa sacra de Mandela e do ANC aos "máis pobres dos pobres", perdéronse no proceso. A nacionalización das minas e de sectores estratéxicos da economía, tal e como recollía a Carta da Liberdade, foi esquecida. O ANC aceptou responsabilizarse dunha vasta débeda herdada do apartheid, que debera ter sido denunciada. Abandonouse o imposto sobre o patrimonio dos máis ricos para financiar proxectos de desenvolvemento, e ás empresas nacionais e internacionais, que se enriqueceron grazas ao apartheid, perdoóuselles calquera reparación económica. Adoptáronse medidas orzamentarias extremadamente austeras que ataron as mans de futuros gobernos. Aceptouse a obrigación de pór en práctica unha política de libre comercio e abolir todas as formas de protección arancelaria de acordo cos fundamentos neoliberais de libre comercio. Ás grandes empresas permitíuselles transferir os seus principais activos ao estranxeiro. En opinión de Terreblanche, estas concesións do ANC constituíron "decisións traizoeiras que perseguirán ás xeracións vindeiras de Sudáfrica".
A dirección do ANC-SACP ansiosa por chegar ao goberno (eu mesmo non menos que outros) aceptou facilmente este pacto co demo, quedando maldita e condenándose no proceso. Herdou unha economía tan ligada á fórmula global neoliberal e ao fundamentalismo de mercado que ten moi pouca marxe de manobra para aliviar a difícil situación da maioría do noso pobo.
Non é de estranar que a súa paciencia se estea acabando, que as súas angustiadas protestas aumenten a medida que loita contra a deterioración das súas condicións de vida, porque os que están no poder non teñen solucións. As migallas son recollidas pola nova elite negra emerxente, a corrupción fíxose endémica mentres que os avarentos e os ambiciosos loitan como cans por un óso.
En Sudáfrica, en 2008, o 50% máis pobre recibiu só o 7,8% da renda nacional. Mentres que o 83% dos surafricanos brancos atopábanse entre o 20% superior, só o 11% da nosa poboación negra situábase ao mesmo nivel. Estas estatísticas ocultan un sufrimento humano sen paliativos. Non é raro pois que o país estea envolto nunha enorme e crecente protesta civil.
Hai que pór fin a esta caída no abismo. Non creo que a alianza do ANC sexa irrecuperable. Hai un sennúmero de boas persoas nas súas filas. Con todo, requírese con urxencia unha revitalización e renovación completas. Hai que recuperar a alma do ANC, os seus valores tradicionais e a cultura de servizo ao pobo. Hai que romper o pacto co diaño.
Na actualidade, a maioría empobrecida non ten outra esperanza que o partido no poder, a pesar de que a capacidade do ANC de manter a súa lealdade estase erosionando. A oposición parlamentaria realmente existente reflite distintos matices e sectores dos grandes intereses empresariais, pero ao mesmo tempo é vital unha forte oposición parlamentaria para manter ao ANC en pé, a maioría dos votantes queren políticas socialistas, non políticas orientadas ao servizo dos grandes intereses comerciais, máis privatización e máis políticas económicas neoliberais.
Isto non quere dicir que rescatar ao país da crise dependa só do ANC, o SACP e COSATU (a alianza entre o ANC, o partido comunista e a confederación sindical). Hai un sennúmero de patriotas e camaradas en vellas e novas organizacións que son vitais para o proceso. Ademais, están as vías legais e institucionais como a Oficina do Defensor do Pobo e a Comisión de Dereitos Humanos, -e o Tribunal Constitucional como último recurso- para pór a proba, denunciar e desafiar a inxustiza e a violación dos dereitos. As estratexias e tácticas das bases -os sindicatos, as organizacións cívicas e comunitarias, os grupos de mulleres e mozas- sinalan o camiño a seguir coa súa acción non violenta e digna, pero militante.
O espazo e a liberdade para expresar os puntos de vista de cada un, gañados a través de décadas de loita, están dispoñíbeis e deben desenvolverse. Miramos cara aos Born Frees como os futuros portadores do facho.


Postar um comentário