Mostrando postagens com marcador David Balado. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador David Balado. Mostrar todas as postagens

01/07/2013

Sudáfrica: O pacto fáustico da ANC foi a costa dos máis pobres

 Ronnie Kasrils. Artigo tirado de Sin Permiso (aquí). Tradución de David Balado Rouco.   Ronnie Kasrils, veterano loitador contra o apartheid en Sudáfrica, foi membro do comité central do SACP e comité executivo do ANC de 1987 a 2007. Foi ministro dos servizos de intelixencia de 2004 a 2008. O presente artigo é un extracto editado da nova introdución á súa autobiografía, Armed and Dangerous.



A comezos da década de 1990, os que estabamos na dirección do ANC cometemos un grave erro. O noso pobo segue pagando o prezo.
Hoxe coñécese aos mozos de Sudáfrica como a xeración Born Free ("nada libre"). Gozan a dignidade de nacer nunha sociedade democrática, con dereito a votar e a elixir quen gobernará. Pero a Sudáfrica moderna non é unha sociedade perfecta. A igualdade plena -social e económica- non existe, e o control da riqueza do país está en mans duns poucos e xorden así novos desafíos e frustracións. Aos veteranos da loita contra o apartheid, coma min, pregúntasenos con frecuencia se, á luz desa decepción, o sacrificio mereceu a pena. Aínda que a miña resposta é que si, debo confesar serias dúbidas: creo que deberiamos telo feito moito mellor.
Houbo logros impresionantes desde a conquista da liberdade en 1994: construción de casas, gardarías, escolas, estradas e infraestruturas, a subministración de auga e electricidade para millóns de persoas, a educación e a asistencia sanitaria gratuítas, o aumento das pensións e os subsidios sociais, estabilidade financeira e bancaria, e un crecemento económico lento pero constante (polo menos até a crise de 2008). Estes logros, con todo, foron paralelos á quebra da prestación de servizos, que provocou violentas protestas das comunidades máis pobres e marxinadas; insuficiencias graves e desigualdades nos sectores da educación e da saúde; un aumento feroz do desemprego; violencia e tortura policial endémicas, vergoñosas loitas polo poder no seo do partido do goberno que se fixeron moito peores desde a saída de Mbeki en 2008; unha alarmante tendencia ao segredo e ao autoritarismo no executivo; inxerencias no poder xudicial e ameazas á liberdade de prensa e de expresión. Incluso a intimidade e a dignidade de Nelson Mandela foron violadas polos niveis máis altos do ANC para facérense unha foto no colmo do oportunismo máis ruín.
O máis vergoñento e escandaloso de todo, os acontecementos do Xoves Sanguento -16 de agosto 2012- cando a policía masacrou a 34 mineiros en folga na mina de Marikana, propiedade da empresa Lonmin con sede en Londres. A masacre de Sharpeville en 1960 foi o que me empuxou a unirme ao ANC. Creo que Marikana é aínda máis conmovedor: a Sudáfrica democrática naceu para pór fin a tanta barbarie. E con todo, o presidente e os seus ministros, refuxiáronse nunha cultura de encubrimento. Incriblemente, o Partido Comunista de Sudáfrica, o meu partido durante máis de 50 anos, tampouco condenou á policía.
A loita de liberación de Sudáfrica chegou a un punto alto, pero non ao seu cénit cando acabamos co réxime do apartheid. Nese momento, as nosas esperanzas no noso país eran enormes, dada a súa moderna economía industrial, os recursos minerais estratéxicos (non só o ouro e os diamantes), e unha clase obreira e un movemento sindical organizados, cunha rica tradición de loita. Pero ese optimismo minusvalorou a tenacidade do sistema capitalista internacional. De 1991 a 1996, produciuse unha batalla pola alma do ANC e ao final perdémola porque se fixo con ela o poder empresarial: a economía neoliberal enguliunos. Ou, como algúns hoxe claman, "vendemos ao noso pobo polo camiño".
O que eu chamo o noso momento fáustico tivo lugar cando solicitamos e obtivemos un préstamo do FMI en vésperas da primeira elección democrática. Ese préstamo, con condicións que impedían un programa económico radical, considerouse un mal necesario, do mesmo xeito que as concesións que había que facer para manter as negociacións abertas e poder entregar ao noso pobo a terra prometida. A dúbida dominábao todo: criamos, erroneamente, que non había outra opción, que tiñamos que ter coidado, xa que en 1991 o outrora poderoso aliado, a Unión Soviética, crebada pola carreira de armamentos, derrubouse.
Inescusablemente, perderamos a fe na capacidade das nosas propias masas revolucionarias para superarmos todos os obstáculos. Calquera que fosen as ameazas de illar a unha Sudáfrica radicalizada, o mundo non podía prescindir das nosas vastas reservas de minerais. Para perder o noso valor non era necesario ou inevitable. A dirección do ANC debeu permanecer firme, unida e incorruptible. E, sobre todo, aferrarse á súa vontade revolucionaria. En cambio, acovardámonos. A dirección do ANC debeu permanecer fiel ao seu compromiso de servir ao pobo. Iso outorgoulle a hexemonía necesaria non só sobre a arraigada e bunkerizada clase capitalista, senón tamén sobre as novas elites emerxentes, moitas das cales buscaron o camiño á riqueza a través do “empoderamento” económico negro, a corrupción, a prevaricación e o tráfico de influencias políticas.
Acabar co réxime do apartheid mediante a negociación, en lugar dunha sanguenta guerra civil, parecía daquela unha opción demasiado boa como para ser ignorada. Con todo, nese momento, a correlación de forzas estaba a favor do ANC, e as condicións eran favorábeis para obter un cambio máis radical na mesa das negociacións que finalmente se aceptou. Non era de ningunha maneira certo que a vella orde, a parte duns cantos extremistas de dereita illados, tiña a vontade ou a capacidade de recorrer a unha represión sanguenta como cría a dirección de Mandela. Se mantiveramos o pulso, poderiamos ter seguido presionando sen facer as concesións que fixemos.
Foi un grave erro pola miña parte concentrarme nas miñas propias responsabilidades e deixar os problemas económicos aos expertos do ANC. Con todo, nese momento, a maioría de nós nunca soubo o que estaba a ocorrer nas discusións económicas a alto nivel. Como Sampie Terreblanche revelou no seu crítico libro, Lost in Transformation, a finais de 1993 as grandes estratexias de negocios -incubadas en 1991 na residencia de Johannesburgo do magnate mineiro Harry Oppenheimer- foron cristalizando en segredas conversas noturnas no Banco de Desenvolvemento de Sudáfrica. Nelas participaron os principais empresarios da minería e a enerxía de Sudáfrica e líderes da enerxía, os xefes das compañías estadounidenses e británicas con presenza en Sudáfrica, e os novos economistas do ANC que foran educados nos patróns das economías occidentais. Informaban directamente a Mandela, e foron marxinados ou acovardados até a submisión a golpe de ameaza das consecuencias nefastas que tería para Sudáfrica un goberno do ANC que acabase aplicando unhas políticas económicas que consideraban desastrosas.
Todos os medios para erradicar a pobreza, que era a promesa sacra de Mandela e do ANC aos "máis pobres dos pobres", perdéronse no proceso. A nacionalización das minas e de sectores estratéxicos da economía, tal e como recollía a Carta da Liberdade, foi esquecida. O ANC aceptou responsabilizarse dunha vasta débeda herdada do apartheid, que debera ter sido denunciada. Abandonouse o imposto sobre o patrimonio dos máis ricos para financiar proxectos de desenvolvemento, e ás empresas nacionais e internacionais, que se enriqueceron grazas ao apartheid, perdoóuselles calquera reparación económica. Adoptáronse medidas orzamentarias extremadamente austeras que ataron as mans de futuros gobernos. Aceptouse a obrigación de pór en práctica unha política de libre comercio e abolir todas as formas de protección arancelaria de acordo cos fundamentos neoliberais de libre comercio. Ás grandes empresas permitíuselles transferir os seus principais activos ao estranxeiro. En opinión de Terreblanche, estas concesións do ANC constituíron "decisións traizoeiras que perseguirán ás xeracións vindeiras de Sudáfrica".
A dirección do ANC-SACP ansiosa por chegar ao goberno (eu mesmo non menos que outros) aceptou facilmente este pacto co demo, quedando maldita e condenándose no proceso. Herdou unha economía tan ligada á fórmula global neoliberal e ao fundamentalismo de mercado que ten moi pouca marxe de manobra para aliviar a difícil situación da maioría do noso pobo.
Non é de estranar que a súa paciencia se estea acabando, que as súas angustiadas protestas aumenten a medida que loita contra a deterioración das súas condicións de vida, porque os que están no poder non teñen solucións. As migallas son recollidas pola nova elite negra emerxente, a corrupción fíxose endémica mentres que os avarentos e os ambiciosos loitan como cans por un óso.
En Sudáfrica, en 2008, o 50% máis pobre recibiu só o 7,8% da renda nacional. Mentres que o 83% dos surafricanos brancos atopábanse entre o 20% superior, só o 11% da nosa poboación negra situábase ao mesmo nivel. Estas estatísticas ocultan un sufrimento humano sen paliativos. Non é raro pois que o país estea envolto nunha enorme e crecente protesta civil.
Hai que pór fin a esta caída no abismo. Non creo que a alianza do ANC sexa irrecuperable. Hai un sennúmero de boas persoas nas súas filas. Con todo, requírese con urxencia unha revitalización e renovación completas. Hai que recuperar a alma do ANC, os seus valores tradicionais e a cultura de servizo ao pobo. Hai que romper o pacto co diaño.
Na actualidade, a maioría empobrecida non ten outra esperanza que o partido no poder, a pesar de que a capacidade do ANC de manter a súa lealdade estase erosionando. A oposición parlamentaria realmente existente reflite distintos matices e sectores dos grandes intereses empresariais, pero ao mesmo tempo é vital unha forte oposición parlamentaria para manter ao ANC en pé, a maioría dos votantes queren políticas socialistas, non políticas orientadas ao servizo dos grandes intereses comerciais, máis privatización e máis políticas económicas neoliberais.
Isto non quere dicir que rescatar ao país da crise dependa só do ANC, o SACP e COSATU (a alianza entre o ANC, o partido comunista e a confederación sindical). Hai un sennúmero de patriotas e camaradas en vellas e novas organizacións que son vitais para o proceso. Ademais, están as vías legais e institucionais como a Oficina do Defensor do Pobo e a Comisión de Dereitos Humanos, -e o Tribunal Constitucional como último recurso- para pór a proba, denunciar e desafiar a inxustiza e a violación dos dereitos. As estratexias e tácticas das bases -os sindicatos, as organizacións cívicas e comunitarias, os grupos de mulleres e mozas- sinalan o camiño a seguir coa súa acción non violenta e digna, pero militante.
O espazo e a liberdade para expresar os puntos de vista de cada un, gañados a través de décadas de loita, están dispoñíbeis e deben desenvolverse. Miramos cara aos Born Frees como os futuros portadores do facho.


25/06/2013

Edward Snowden: para salvarnos dos Stasi Unidos de América. Dossier

Daniel Ellsberg e Alan Maass. Artigos tirados de SinPermiso (aquí). Tradución de David Balado. 



As recentes revelacións de Edward Snowden sobre os programas de espionaxe global coa escusa da “guerra contra o terror” confirman as acusacións do diretor de Wikileaks, Julian Assange, refuxiado na embaixada de Ecuador en Londres. Con todo, non son algo descoñecido polos cidadáns do Reino de España. É máis, desde hai anos coñécese que na primeira visita de Aznar a Washington despois do atentado das Torres Xemelgas en 2001, cando en nome do “atlantismo” ofreceu os seus servizos -e os dos seus concidadáns sen consultarlles-, para apoiar a “guerra contra o terror”, pediu a cambio o sistema informático Prisma. Desde entón, os servizos de intelixencia españois poden recompilar e filtrar todas as chamadas telefónicas e correos electrónicos no reino -o que non impediu os atentados do 11-M- grazas a mandatos xudiciais segredos autorizados pola Lei do CNI (Centro Nacional de Intelixencia, os servizos segredos españois).

Cando aínda non se destruíron os arquivos policiais do franquismo, até o punto de causar algún que outro sonoro incidente nas fronteiras, opera na sombra a construción dun novo arquivo máis sofisticado, grazas á tecnoloxía de espionaxe que foi unha das contrapartidas á participación de Aznar no Trio das Azores. Este Dossier componse de dúas contribucións: a primeira, asinada por Daniel Ellsberg, e a segunda, por Alan Maass.

1) Daniel Ellsberg: Os Stasi Unidos de América?
Segundo o meu criterio, non houbo na historia norteamericana unha filtración máis importante que a publicación de material da NSA [National Security Agency, Axencia Nacional de Seguridade] por parte de Edward Snowden, e iso contando decididamente os Papeis do Pentágono de hai 40 anos. As revelacións de Snowden dannos a posibilidade de facer que retroceda unha parte clave de algo que foi equivalente a un "golpe executivo" contra a Constitución norteamericana.
Desde o 11 de setembro, produciuse, primeiro secretamente pero cada vez máis abertamente, unha revogación da carta de dereitos pola que loitou este país hai máis de 200 anos. Especialmente a cuarta e quinta emendas da Constitución norteamericana, que salvagardan aos cidadáns de intrusións non autorizadas xudicialmente na súa vida privada por parte do goberno, víronse practicamente suspendidas.
O goberno argumenta que dispón dunha orde xudicial de acordo coa FISA [Foreign Intelligence Surveillance Act, Lei de Vixilancia de Intelixencia Estranxeira de 1977-78], pero esa orde inconstitucionalmente de envergadura provén dun tribunal segredo, está protexida de calquera supervisión efetiva, e móstrase deferente case por completo ás peticións do executivo. Tal como di Russell Tice, antigo analista da NSA: “É unha farsa de xuízo con selo oficial”.
Que diga entón o presidente que existe supervisión xudicial é unha estupidez, como o é a presunta función de vixilancia dos comités de intelixencia do Congreso. Non é a primeira vez - como nos casos de tortura, secuestro, detención, asasinato por medio de avións non tripulados e escuadróns da morte- que demostraron estar cooptados a conciencia polas axencias á que supostamente controlan. Son tamén buratos negros para a información que a opinión pública desexa coñecer.
O feito de que os líderes do Congreso "recibisen información" sobre este asunto e non fixesen nada, sen ningún debate aberto, nin audiencias, análises de parte do seu persoal ou oportunidade real algunha de disentir de modo efectivo, só demostra o inservible que quedou o sistema de controis e equilibrios deste país.
Evidentemente, os EE. UU. non son hoxe un Estado policial. Pero dado o alcance desta invasión da intimidade persoal, dispomos da plena infraestrutura electrónica e lexislativa dun Estado así. Se houbese agora mesmo, por exemplo, unha guerra que provocase un movemento antibelicista a gran escala -como o que tivemos en contra do conflito de Vietnam- ou, o que é máis probable, se sufrísemos outro ataque da escala do 11 de setembro, temería pola nosa democracia. Eses poderes son extremadamente perigosos.
Hai razóns lexítimas para manter segredos, e concretamente, segredos acerca da intelixencia de comunicacións. Por iso Bradley Mannning e eu mesmo -que tivemos acceso ambos a esa intelixencia con habilitacións de seguridade que pasaban a categoría de alto segredo- decidimos non revelar ningunha información con esa clasificación. E esa é a razón pola que Edward Snowden comprometeuse a deter a publicación da maioría do que podería revelar.

Pero o que non resulta lexítimo é empregar un sistema de protección de segredos para ocultar programas que son descaradamente inconstitucionais na súa magnitude e potenciais abusos. Nin o presidente nin o Congreso no seu conxunto poden revogar por si mesmos a cuarta emenda, e esa é a razón pola cal o que Snowden revelou até agora era segredo para o pobo norteamericano.
En 1975, o senador Frank Church referiuse á NSA nestes termos:

“Coñezo a capacidade que existe de facer total a tiranía en América, e debemos vixiar por este motivo que esta axencia e todas as axencias que posúen esta tecnoloxía operen dentro dos límites da lei e de acordo cunha adecuada supervisión para que nunca deamos pasos sobre ese abismo. Ese é o abismo do que non hai retorno". [No Comité Church de 1975, ou Comisión de Estudo do Senado dos Estados Unidos para o Estudo das Operacións Gobernamentais sobre Actividades de Intelixencia].
A perigosa perspectiva sobre a que nos preveu era que a capacidade da intelixencia norteamericana de recoller información -que supera calquera comparación co que existía na súa época predixital- "podería volverse en calquera momento contra o pobo norteamericano e non quedaría a salvo a intimidade dun só norteamericano".
Iso é o que xa sucedeu. É iso o que Snowden denunciou con documentos segredos, oficiais. A NSA, o FBI e a CIA, provistos da nova tecnoloxía dixital, dispoñen de poderes sobre os nosos cidadáns que a Stasi -a policía segreda da antiga "República Democrática" de Europa Oriental- non podería nin soñar. Snowden revela que a chamada comunidade de intelixencia converteuse nos Stasi Unidos de América.

Deste xeito, precipitámonos ao abismo do senador Church. Agora as preguntas estriban en se tiña el ou non razón en que podemos saír del, e se iso significa que se fará imposible unha democracia efectiva. Hai unha semana consideraría difícil argumentar con respostas pesimistas a estas conclusións.

Pero dado que Edward Snowden puxo en xogo a súa vida para sacar á luz esta información, co que é moi posible que servise de inspiración a outros con coñecementos, conciencia e patriotismo semellantes para que demostren un valor cívico comparable -na opinión pública, o Congreso e o mesmo Executivo- contemplo a inesperada posibilidade de que haxa forma de saír do abismo.  

A presión sobre o Congreso por parte dunha opinión pública informada para que se forme unha comisión de estudo que investigue as revelacións de Snowden, e espero que doutros, podería levarnos a someter á NSA e ao resto da comunidade de intelixencia a unha verdadeira supervisión e control e recuperar as protecións que ofrece a carta de dereitos.  

Snowden fixo o que fixo porque recoñeceu os programas de vixilancia da NSA como o que son: unha actividade perigosa e inconstitucional. Esta invasión por xunto da intimidade de cidadáns norteamericanos e estranxeiros non contribúe á nosa seguridade: pon en perigo as liberdades mesmas que tratamos de protexer.

Daniel Ellsberg (1931), lendario activista de dereitos civís, fíxose soado por filtrar en 1971 ao New York Times os chamados Papeis do Pentágono, que revelaban a implicación dos Estados Unidos en Vietnam. Doutor en Economía por Harvard, é tamén coñecido polo chamado paradoxo de Ellsberg no ámbito da teoría da decisión.
Fonte: The Guardian, 6 de xuño de 2013
2) Alan Maass: EE.UU.: Espionaxe global

O aparello de espionaxe e de seguridade aumentou os seus poderes baixo demócratas e republicanos en EE.UU. á conta dos dereitos constitucionais dos seus cidadáns e violando os do resto do mundo.

A sinistra e segreda Axencia de Seguridade Nacional (NSA) foi exposta á luz do día grazas ás revelacións de Edward Snowden, que demostran ata que punto o goberno de EE. UU. espía masivamente á xente no seu país e no resto do mundo.

The Guardian e outras publicacións publicaron estas revelacións que proban a existencia de dous escandalosos programas de vixilancia, que funcionaron ao parecer desde hai anos, xestionados pola maior axencia de espionaxe, co apoio bipartidista de demócratas e republicáns.

Un dos programas, chamado Prisma, permitiu ao NSA ter acceso aos sistemas de Google, Facebook, Apple, Microsoft, Yahoo, Skype e outras grandes compañías de Internet, permitíndolle coñecer ao seu antollo todo tipo de información, incluíndo os historiais de acceso a páxinas web, o contido dos correos electrónicos, videoconferencias, envío de arquivos, etc…

O outro programa permítelle á NSA coñecer o historial de chamadas telefónicas da maioría dos usuarios en EE.UU.. Esta “metadata”, entregada polas grandes compañías de telecomunicacións, é almacenada nunha xigantesca base de datos que os analistas do NSA poden investigar como lle veña en gaña para obter información.

Nunha entrevista con reporteiros do xornal The Guardian, incluíndo ao columnista de esquerdas Glenn Greenwald, Snowden describe o fácil que lle resulta ao NSA violar os nosos dereitos: “O NSA desenvolveu unha infraestrutura que lle permite interceptalo todo. Con esta capacidade, a inmensa maioría das comunicacións humanas pasan ao arquivo en bruto. Se quero ver os seus correos electrónicos, ou as chamadas de teléfono da súa muller, todo o que teño que facer é usar o banco de datos interceptado e aplicar os programas de filtro necesarios. Podo ler o contido dos correos electrónicos, os contrasinais, o historial de chamadas telefónicas, as tarxetas de creto, etc… Non quero vivir nunha sociedade que fai este tipo de cousas. Non quero vivir nun mundo no que todo o que fago e digo é gravado. Non estou disposto a apoialo ou vivir á súa sombra”.

A administración en Washington reaccionou ás filtracións de Snowden cun berro de alarma, e é fácil comprender o motivo: as revelacións sobre os programas de vixilancia do NSA son un choque para millóns de persoas que até a data non tiñan a menor idea de que o goberno de EE.UU. de maneira rutineira e informal viola os seus dereitos en nome da “seguridade nacional” e da “guerra contra o terror”.

Ademais, as operacións de espionaxe do NSA foron continuas -e poden que se aceleraran- desde a Administración Bush até hoxe en día, cando ocupa a Casa Branca un suposto defensor das liberdades civís, Barack Obama. E iso é unha proba máis, por se facía falla, de que os dirixentes do Partido Demócrata están tan implicados como os do Partido Republicán na utilización do aparello represivo do goberno para defender os intereses do estado. Como escribe o analista de esquerdas Norman Salomon: “As revelacións dos últimos días son un tremendo desafío para a orde establecida: a guerra permanente esixe aumentar o segredo e a proxección de poder, de maneira que acaba por identificarse a xestión da seguridade cunha vixilancia orwelliana. Nos máis altos niveis hai algo máis que rumores de pánico nun ambiente xa de por si enrarecido. Non é só a NSA a que quedou ao aire; é a arrogancia represiva da que fai gala a pirámide de poder”.
***
Das dúas revelacións máis danosas, a espionaxe en Internet e os historiais telefónicos, é difícil dicir cal é máis perigosa e ameazante.
As revelacións sobre os historiais telefónicos producíronse antes, nun artigo exclusivo para The Guardian de Greenwald. Ao parecer, Snowden entregoulle un mandato do tribunal segredo creado pola Lei de Intelixencia e Vixilancia no Exterior (FISA) que obriga a multinacionais das telecomunicacións como Verizon a entregar ao NSA, a cotío, os historiais de chamadas telefónicas na súa rede doméstica e internacional.
O mandato ten unha duración de tres meses, que acaban este 19 de xullo, pero segundo a presidenta do Comité de Intelixencia do Senado de EE.UU., Dianne Feinstein, esténdese o mandato automaticamente, sen que o saiban os cidadáns. O mandato xudicial filtrado por Snowden non o di, pero sen dúbida existen acordos similares aos de Verizon con outras compañías de teléfonos.

“Noutras palabras”, resume David Cole en The Nation, “o goberno federal garda no caixón todos os historiais telefónicos, cada chamada que facemos, sen base algunha de sospeita previa”.

O mandato xudicial non permite que o NSA escoite o contido das chamadas, pero os historiais son, en moitos casos, máis reveladores. Como escriben Ben Wizner e Jay Stanley da American Civil Liberties Union (ACLU): “Mesmo sen interceptar o contido das comunicacións, o goberno pode utilizar esta metabase de datos para coñecer os nosos máis íntimos segredos os “a quen”, “cando” e “con que frecuencia” das nosas chamadas son máis reveladoras que o dito nelas. As chamadas entre un xornalista e un funcionario, poden revelar unha relación incriminatoria por si mesma”.

James Ball, de The Guardian, sinala outras vantaxes desta recoleción indiscriminada dos historiais das chamadas telefónicas: “A recompilación e o almacenamento desta información outorga ao goberno poderes novos dos que carecía: unha vixilancia fácil e retroactiva. Se as autoridades se interesan por un individuo nun momento dado, e obteñen o seu número, os funcionarios do NSA poden repasar os arquivos á procura de datos e reconstruír os seus movementos, redes sociais, e todo o que fixese en Internet no pasado”.
Aínda que lle poida resultar sorprendente á maioría da xente, información como os historiais telefónicos non están incluídos na Cuarta Emenda que defende o dereito á privacidade, de acordo con sentenzas xudiciais. En calquera caso, a recopilación en bruto de “metadata” son un envorco completo nos procedementos habituais até agora de investigación do goberno: uns procedementos que obrigan aos fiscais ou aos axentes da lei a defender ante os xuíces a necesidade de ter acceso a elementos de información concretos sobre individuos ou grupos específicos.

De feito, o que o NSA di é: imos recompilar todos os datos que teña agora e xa xustificaremos máis tarde a necesidade ou non de examinar ou utilizar parte ou a totalidade dos mesmos.

O programa Prisma do NSA para espiar en Internet é así mesmo asombroso polo seu alcance e implicacións. Neste caso, Snowden entregou á prensa unha presentación de Power Point de 41 páxinas, que ao parecer utilízase no adestramento de analistas de intelixencia sobre que tipo de información poden obter en Prisma.

A presentación presume de ter acceso á información “directamente dos servidores” das principais compañías de Internet, co obxetivo declarado da “vixilancia en profundidade e ampla das comunicacións en tempo real e a información almacenada”, segundo o The Guardian. “A lei autoriza centrase en calquera cliente ou empresa fóra de EE.UU., ou daqueles cidadáns de EE.UU. que se comuniquen con xente fóra de EE.UU.”.

Polo tanto, as comunicacións entre cidadáns de EE.UU. están en principio excluídas. Pero de novo, cando se trata de respectar esta restrición, os axentes do NSA non teñen que responder tan sequera ante o tribunal secreto da FISA. E con Prisma poden mirar non só os historiais de chamadas, senón tamén coñecer o seu contido.

As compañías informáticas negan que permitan ao NSA acceder aos seus servidores para espiar. “Se o fan, é sen o noso coñecemento”, declara un dos seus directivos ao The Guardian.

09/05/2013

Discurso de Pepe Mujica na cimeira da Terra de Rio de Janeiro

Tradución para À revolta entre a mocidade  de David Balado.

Discurso dopresidente do Uruguay, Pepe Mujica, no cumio da Terra en Río de Janeiro.



Autoridades presidentes de todas as latitudes e organismos, moitas grazas.
Moitas grazas ao pobo de Brasil e á súa Sra. presidenta. 
E moitas grazas tamén á boa fe que manifestaron todos os oradores que me precederon.
Expresamos a íntima vontade como gobernantes de apoiar todos os acordos que, esta, a nosa pobre humanidade, poida subscribir.
Con todo, permítasenos facer algunhas preguntas en voz alta.
Toda a tarde falouse do desenvolvemento sustentable. De sacar ás inmensas masas da pobreza. Mais, que é o que rolda nas nosas cabezas? O modelo de desenvolvemento e de consumo que queremos é o actual das sociedades ricas? Fágome esta pregunta: que lle pasaría a este planeta se os hindús tiveran a mesma proporción de autos por familia que teñen os alemáns? Canto osíxeno nos quedaría para podermos respirar? Máis claro: ten o mundo os elementos materiais como para facer posible que 7 mil ou 8 mil millóns de persoas poidan ter o mesmo grao de consumo e de malgasto que teñen as máis opulentas sociedades occidentais? Será iso posible? Ou teremos que darnos outro tipo de discusión?
Creamos esta civilización na que hoxe estamos: filla do mercado, filla da competencia e que deparou un progreso material portentoso e explosivo. Pero o que foi a economía de mercado creounos sociedades de mercado. E deparounos esta globalización, cuxa mirada alcanza a todo o planeta.
Estamos a gobernar esta globalización ou a globalización gobérnanos a nós? É posible falar de solidariedade e de que “estamos todos xuntos” nunha economía baseada na competencia desapiadada? Até onde chega a nosa fraternidade?
Non digo nada disto para negar a importancia deste evento. Pola contra: o desafío que temos por diante é dunha magnitude de carácter colosal e a gran crise que temos non é ecolóxica, é política.
O home non goberna hoxe ás forzas que desatou, senón que as forzas que desatou gobernan ao home. E á vida. Non vimos ao planeta para desenvolvernos soamente, así, en xeral. Vimos ao planeta para sermos felices. Porque a vida é curta e escórresenos. E ningún ben vale tanto como a vida. Isto é o elemental.
Pero a vida váiseme escapar, traballando e traballando para consumir un “plus” e a sociedade de consumo é o motor disto. Porque, en definitiva, se se paraliza o consumo, detense a economía, e se se detén a economía, aparece a pantasma do estancamento para cada un de nós. Pero ese hiperconsumo é o que está "a agredir" ao planeta. E teñen que xerar ese hiperconsumo, motivo polo que as cousas duran pouco, porque hai que vender moito. E unha lampadiña eléctrica, entón, non pode durar máis de 1000 horas acesa. Pero hai lampadiñas que poden durar 100 ou 200 mil horas acesas! Pero esas non, non se poden facer; porque o problema é o mercado, porque temos que traballar e temos que soster unha civilización do “usar e tirar”, e así estamos nun círculo vicioso.
Estes son problemas de carácter político que nos están a indicar que é hora de comezar a loitar por outra cultura. Non se trata de propornos volver á época do home das cavernas, nin de ter un “monumento ao atraso”. Pero non podemos seguir, indefinidamente, gobernados polo mercado,senón que temos que gobernar ao mercado.
Por iso digo, na miña humilde maneira de pensar, que o problema que temos é de carácter político. Os vellos pensadores -Epicúreo, Séneca e tamén os Aymaras- definían: “pobre non é o que ten pouco senón o que necesita infinitamente moito, e desexa máis e máis”. Esta é unha clave de carácter cultural.
Entón, vou saudar o esforzo e os acordos que se fagan. E vounos acompañar, como gobernante. Porque sei que algunhas cousas das que estou a dicir renxen, pero temos que darnos conta de que a crise da auga e da agresión ao medio ambiente non é unha causa. A causa é o modelo de civilización que creamos. E o que temos que revisar é a nosa forma de vivir.
Pertenzo a un pequeno país moi ben dotado de recursos naturais para vivir. No meu país hai pouco máis de 3 millóns de habitantes. Pero hai uns 13 millóns de vacas, das mellores do mundo. E uns 8 ou 10 millóns de estupendas ovellas. O meu país é exportador de comida, de lácteos, de carne. É unha chaira e case o 90% do seu territorio é aproveitable.
Os meus compañeiros traballadores loitaron moito polas 8 horas de traballo. E agora están a conseguir as 6 horas. Pero o que ten 6 horas, consegue dous traballos e, polo tanto, traballa máis que antes. Por que? Porque ten que pagar grande unha cantidade de cousas: a moto, o auto, cotas e cotas e cando quere darse conta, é un vello reumático coma min ao que se lle foi a vida.
E faise un esta pregunta: Ese é o destino da vida humana? Só consumir?
Estas cousas que digo son moi elementais: o desenvolvemento non pode ser en contra da felicidade, ten que ser a favor da felicidade humana, do amor á terra, do coidado aos fillos, xunto aos amigos. E ter, si, o elemental. Precisamente, porque iso é o tesouro máis importante que temos.
Cando loitamos polo medio ambiente, temos que lembrar que o primeiro elemento do medio ambiente chámase “felicidade humana”.