08/07/2013

Non ao gaipitalismo, non á mercantilización do Orgullo Gai, non ao negocio a costa de moitas loitas, vítimas e sufrimento


Shangay Lily, artigo tirado do Sin Permiso e traducido por D. Balado. Shangay Lily é o nome artístico Enrique Hinojosa Vázquez, drag queen, escritor e actor nado en Málaga o 1 de marzo de 1963.





O asunto da mercantilización do Orgullo Gai, a explotación dunha reivindicación, unha loita, por parte dun grupiño de empresarios ou gaympresarios -agrupados en AEGAL- que aproveitan a lexitimidade da loita para sacar zumarentos beneficios degradándoa, cada ano chega a novas cimas de corrupción. Este ano non foi menos.  De feito, quizais sexa o primeiro ano no que se comezou a percibir a decadencia e extinción da esencia do Orgullo: a presenza de heteros e concertos agradábeis para eles e a desaparición de expoñentes da nosa cultura e historia (como o escenario drag de Pelayo que este ano foi cancelado) até converter a cita nunha verbena heteroamábel máis.

O fenómeno de desintegración de Chueca como símbolo, como xeografía da diversidade, como capital da liberdade, xa o tratarei en profundidade no meu vindeiro libro Adiós, Chueca (Memorias del gaypitalismo: construyendo la marca gay), un ensaio no que cronificarei a complexa degradación e dereitización da comunidade LGTB coa minuciosidade que merece, pero creo que xa son evidentes algunhas das consecuencias dese feroz monopolio consumista que a asociación privada AEGAL, creada polo meu ex-socio Alfonso Llopart para poder lexitimar a súa explotación mercantilista de causa gai,  está a traer a un evento que perdeu toda esencia, pluralidade e espírito daquel Stonewall que os sectores máis auténticos (e menos asimilados) da nosa comunidade converteron nunha explosión de visibilidade.

O modelo gaipitalista creado por esa  oligarquía monopolística que formaron a mediados dos 90, tras roubarme a revista e a festa nunha sucia estrataxema,  os meus ex-socios da revista Shangay (quedándose co relativo a mercadotecnia, música e prensa)  con Pedro Serrano (locais de lecer e noite, causa do meu enfrontamento cos meus ex-socios ao negarme a incluílo no noso Shangay Tea Dance), Pedro Zerolo (político, unido aos anteriores ao comprar a miña parte da revista con 9 millóns de pesetas herdados da súa avoa, contáronme) e máis adiante Kike Sarasola (hoteis e negocios políticos herdados do seu pai, como o contacto co ex-vicealcalde pepero e armarizado Villanueva) ou o absurdigay Juan Pedro Tudela (turismo por vía de facerlle o xogo ao PP e a Ana Botella) ou Juan Carlos Alonso (secretario de Pedro Serrano e socio de Tryp Family á vez que secretario xeral de AEGAL), baleirou de contido reivindicativo o Orgullo e encheuno de negocios construídos a base de secundar os patróns heteronormativos hexemónicos, de utilizar figuras xa premiadas polo patriarcado por asimilarse e representar o heteronormativo como Paloma San Basilio, Chenoa ou Leticia Sabater, e esquecer ou esconder calquera discurso ou figura alternativa ou disidente (os e as verdadeiras activistas que non gozan da popularidade destes produtos asimilados porque o seu discurso foi incómodo para o sistema ao negarse a asimilarse). En lugar de utilizar esta data para dar visibilidade a todo o negado polo sistema homófobo, óptase polo xa exitoso (modelado polo heteronormativo) para alardear dun poder de convocatoria que é un espellismo (habería que ver cantos deses absurdigais e heteros de festa ían viaxar a escoitar á gran Kim Pérez falar de transfobia ou a escoitar as cancións disidentes de Putirecords).

Os intereses de AEGAL, coa complicidade da FELGTB e COGAM que seguen sen deter esta pantomima, tráenos este ano unha nova rea de insultos, traizóns e incongruencias que AEGAL impuxo para os seus intereses, negocios e favores de ida e volta (xa mencionei máis dunha vez eses paquetes promocionais que Llopart ofrece a alto prezo a artistas en decadencia, con aparición en portada do Shangay Express, carroza, concerto e algún premio). Vexamos algunhas das escandalosas situacións impostas este ano en nome dos e das activistas que crearon a nosa identidade (aos que Llopart xa negou en dous editoriais que negan a vertente reivindicativa e queren quedar cun Orgullo empresarial para facer negocio, iso si, aproveitando as subvencións e visibilidade que activistas, reivindicacións e loitas conseguiron). Listaxe de disparates gaipitalistas:

En Vázquez de Mella este ano aparece unha caseta promocionando o turismo a Fuerteventura. Só había 3: unha da FELGTB, outra do Home Transexual e a terceira de Fuerteventura. Ese espazo cédeo o Concello para asociacións LGTB, pero desde o 2012 converteuse nun espazo de pago. Nin Fundación Triángulo nin Apoio Positivo, que tradicionalmente usaran ese espazo entre outras, puidéronse permitir pagar. Quen esixiu que fose de pago foi o Concello, pero iso é un paso máis nesta explotación mercantilista dunha reivindicación que acaba con surrealismos como que quen se promociona é o turismo dunha illa e exclúese ás asociacións que orixinan esta data.

O certame estrela este ano foi o repugnante concurso reificador de Míster Gai Pride, unha creación de AEGAL  que impón un modelo heteronormativo competitivo de corpo novo, musculado, depilado, bronceado, sexuado, branco… para crear hexemonía e discriminación cara ás diverxencias. O xurado de semellante evento machista é dun absurdo e carente de compromiso algún que tira polo chan:  Fernando Tejero (suposto heterosexual buscando á súa muller ideal a pesar de numerosos rumores sobre o seu armarización), Abraham de Gandía Shore (sen comentarios, estes os valores só os viron en latas de chocolate Valor), Carmen Lomana (clasista, conservadora reaccionaria e machista) e Nacho Montes (colaborador 8 anos na COPE da Schlichting que avoga por “curar” aos homosexuais e declarado pepero). É de destacar que este concurso se dea de patadas cos estatutos da FELGTB que declaran incompatíbeis discursos que normativicen o corpo, como me comentou o vicepresidente de COGAM, Ronny, engadindo que pronto terían que cancelalo desde a FELGTB que mira cara  outro lado.

Este ano souben que as carrozas cobran aos gais que se soben, até 70  euros! E no caso que me contaron era un mozo que ía de drag ao que deberían pagarlle por dar imaxe pero tivo que pagar.

O pregón leuno Paloma San Basilio, unha señora que será estupenda, pero que xamais fixo nada pola comunidade LGTB á parte de beneficiarse das compras de parte da comunidade e a promoción (de feito en breve empeza unha xira que promocionou abundantemente). O tema do pregón ten a súa faragulla: a FELGTB rexeitou o pregón orixinal que escribiu un vogal de COGAM por ser “demasiado político e reivindicativo, isto é un festexo e debe ter un ton máis festivo”, cito literal.

Tras 3 revisións refugouse completamente e Paloma San Basilio acabou lendo un surrealista pregón que falaba de zapatos titulado Tacóns próximos e que, ese medio tan pouco homófobo e tan próximo á comunidade LGTB que é o xornal cristofascista ABC publicou en primicia (casualidade) para suliñar a mensaxe clasista, machista e consumista (se non mencionou o importante que era ter bos zapatos vinte veces non o dixo ningunha) que resume esta frase na que vemos a unha privilexiada, de clase alta, que merenda ensaimadas nunha España pobre, xoga á canastra e vai a colexios privados: “Aprendía moitas cousas coa miña nai: como pintarse os beizos, como facer empanadillas, como conseguir que a nosa casa fose o mellor espazo posible con e sen diñeiro, como dicir o que pensas é bo para ti e os demais. Aprendín por exemplo a xogar ás cartas, xuntábase coas súas amigas e, á miña volta do colexio, aínda co uniforme, sentábame con elas gozando das súas conversacións e sobre todo da merenda que interrompía a partida de canastra para cambiar os naipes polos pasteis e ensaimadas”. Nótese o empeño en declarar “tarefas femininas” como o que aprendía da súa nai. Neste acto tamén participou Chenoa para, oh casualidade, presentar o seu novo single que é especialmente relevante para a comunidade LGTB xa que se titula ‘”Quinta dimensión” / “Life´s an equation” que esgazadora narración da nosa vida!

A musa do Orgullo (imposta por AEGAL) non foi outra que a trepa machista clasista facha Carmen Lomana. A esta habería que engadir a trepa facha clasista Leticia Sabater que ante o escándalo das cartas a deputacións pedindo “un pouquiño de tráfico de influencias e corrupción , por favor, que son dos vosos” insiste en declararse orgullosamente pepera e fan de Aznar (gran aliado da comunidade LGTB como todos saben).

Yanela Brooks, a concursante cubana de La Voz á que lle faltaron minutos para cantar para unha asociación de extrema dereita, Fundación Para A Defensa da Nación Española (DENAES), e declararse de dereitas (ese delirado anticomunismo convertido en fascismo tan dos disidentes), é outra das actuacións estrela.

Quere AEGAL impor os valores da dereita? A representación da clase traballadora ou excluída (a maioría de transmaribolos son precarios pola homofobia/transfobia) destaca pola súa ausencia. Pero a culpa de todo tena o Concello, un discurso que é moi útil como bote de fume.

Todos estes dislates xustifícanos ou ocúltanos co hipócrita discurso vitimista e de resistencia inventa unha loita contra un inimigo que en realidade non existe. O Concello (especialmente con Villanueva) foi un socio e aliou deste saqueo e explotación dunha manifestación pública. En realidade o que vemos é unha aplicación das estratexias neoliberais ao Orgullo, unha sorte de privatización do Orgullo que quedou en mans dunha asociación privada sen ningún tipo de control democrático externo. AEGAL é notoria pola súa opacidade e endogamia.

Hoxe mesmo a FELGTB, COGAM e AEGAL sacaron un comunicado denunciando a inatividade do Concello e a falta de servizos mínimos, papeleiras e instalacións. É extremadamente hipócrita denunciar a falta de intervención do Concello cando AEGAL converteu o Orgullo nun evento privado que eles controlan até o punto de (como lle recriminei na SER a Juan Carlos Alonso ante o seu silencio) impor a seguridade privada que eles controlan exclusivamente e da que se serven para monopolizar espazos e negocios. Se queren que todo estea regularizado e a responsabilidade sexa do concello, que o declaren festexo público, pero AEGAL leva anos opóndose a este status que racharía o seu monopolio e obrigaría a permitir a intervención doutros axentes sociais.

A isto hai que sumar que Alfonso LLopart en varios editoriais  na revista que me roubaron (e que segue levando o meu nome) pide que se saque ás asociacións e o carácter reivindicativo do Orgullo para deixalo en mans dos gaimpresarios. É o terríbel modelo de Barcelona que os gaimpresarios de aquí exportaron con éxito: dúas marchas, unha (menor) para as asociacións ou reivindicativa, e unha maior privada e empresarial.

En realidade, o discurso de “Ana Botella está a acabar co Orgullo” esconde a verdadeira traxedia: é AEGAL a que está a acabar co Orgullo desde dentro. Vamos, que xa se acabou. Léase, como exemplo este correo que me enviou ao meu facebook Sede Vacante:

En vistas que o actual Orgullo é só unha máquina de facer diñeiro para os mafiosos de AEGAL, moitos amigos, coñecidos e eu pasamos diso e faremos todo o posíbel para que non se celebre nun futuro, moito menos o do 2017.”

Dío alguén que leva asistindo desde o 92.

Ver o “espectáculo” de onte: matóns con botas humillando á xente coma se a rúa fose súa, non é xa só para botarse a chorar, senón a vomitar.

Ou esta acertada análise que fai o meu amigo SalidaxLaIzquierda a colación do enganoso titular “Os organizadores do Orgullo Gai denuncian o “boicot” e as “cambadelas” do Concello de Madrid”:

Dicir que Botella se dedicou a boicotear o Orgullo é algo simplista. O que Botella fixo moi sibilinamente dedicarse a infiltrar as comisións organizadoras con membros que o irán baleirando de contido reivindicativo e convertérono nun evento mercantilista para maior gloria dunha serie de empresarios mafiosos e unicamente destinado a xerar beneficios”.

A máxima parece ser “Que a reivindicación non poida molestar ao negocio”.Con este modelo de Orgullo, non combativo, servil, mercantilista,… Botella está moi satisfeita e non ten ningunha intención de boicotealo.

AEGAL é a organización que de verdade controla e organiza até o último detalle do Orgullo, impondo as súas demandas a unhas moi submisas e dóciles COGAM e FELGTB.

AEGAL é unha asociación de empresarios subvencionada directamente por Botella e repleta de empresarios moi próximos ao PP (con moi boas relacións como as que tiña Miguel Ángel Flores, o do Madrid Area).

AEGAL contrólao todo dun modo completamente mafioso e gangsteril, cada detalle deséñase do modo que máis poida beneficiar ao negocio dos seus empresarios e non á causa da igualdade LGTB. Fagocitaron e usurparon un evento que debera ser de carácter político e reivindicativo para convertelo nunha máquina de facturar.

Polo tanto, eu denuncio á organización mafiosa AEGAL e denuncio tamén a complicidade ou canto menos a falta de oposición de COGAM e FELGTB.

Que non tenten agora distraer a atención con Botella, o Orgullo converteuse no que se converteu por acción ou omisión de todos eles.

Acabo de ver a peza que dedicaron ao Orgullo no Telexornal de TVE e máis da metade do tempo foi dedicado a dar cifras económicas globais e de gasto individual de diversas persoas entrevistadas pola rúa.

Este é exactamente o Orgullo que queren AEGAL e Ana Botella, o das cifras, o das Visas, as Mastercards e as American Express.

Tolérase o evento e aos seus protagonistas (o colectivo LGTB) na medida en que supoñen un negocio, sopórtaselles porque teñen diñeiro e consomen, pero iso non é respecto á persoa, é respecto ao diñeiro e a quen o ten.

A dignidade do colectivo LGTB non pode vir das súas carteiras, senón de ser persoas tan dignas como as demais.

Ademais isto converte ao Orgullo nun evento excluínte porque, en contra do imaxinario gaicapitalista, non todos os LGTB están forrados de pasta. Tamén hai LGTB que non teñen un duro, que están en paro e non teñen prestación algunha, que foron desafiuzados, que son inmigrantes e négaselles a asistencia sanitaria,… E todos eles non son benvidos neste Orgullo no que “tanto tes, tanto vales”.

Isto converteuse nun evento clasista e capitalista moi afastado do que foi nun inicio.
Responsables: AEGAL e por omisión tamén COGAM e FELGTB.

En efecto, AEGAL está a desaloxar o gai para impor entretemento amábel para os heterosexuais benpensantes. Este problema da “heterosexualización” e, sobre todo, mercantilización do Orgullo gai podería chegar ás súas peores consecuencias se, como leva anos tentando, O Corte Inglés consegue ser aceptado como patrocinador (algo ao que se opón COGAM pero que AEGAL ve con bos ollos). Xa que podería elixir os lemas, contidos e actos que se fagan durante o Orgullo. Non é moito desvarío pensar que o principal promotor das cristofascista JMJ acabaría impondo un Orgullo Cristofascista.

Quizais ese fose o modelo perfecto para AEGAL, Ana Botella e o PP que xa babea ante a súa expropiación do Orgullo coa complicidade dos seus amados “emprendedores”.


Non ao gaipitalismo, non á mercantilización do Orgullo Gai, non ao negocio á conta de moitas loitas, vítimas e sufrimento.
Postar um comentário