Observo como a bruma vai engulipando o barrio de Coia. Nun chiscar de ollos xa nin miro a escola de enfronte. Mais sei que todo segue e nada desaparece. As cousas están aí. Luís Pimentel tiña medo cando pechaba a porta da súa alcoba: que farían o escritorio, o lapis, os papeis...? Nada, seguían alí. Pimentel foi un home dotado dunha extraordinaria sensibilidade. Unha folla ao vento. Mais todo está igual se ninguén o move.
Tras a bruma dos aparellos ideolóxicos do Estado, tras a bruma que sae de Madrid cara a periferia (sorprendente fenómeno antinatural!), tras a bruma de latriqueiros da metrópole está a Constitución de 1978, a que non se move nin se pode mover pois o dogma é dogma.
O Ilexítimo Tribunal Constitucional sentenciou contra o Estatut. Apenas uns artigos, din. Mais iso é a tona da discusión pois no interior está a carabuña política. Afirman, reiteran e reteiman en que todo é un encaixe legal e de entendemento entre administracións. Outros, abofé, refunden todo na estadea do arredismo que desmembrará España cando a súa soberanía nacional está vendida ao Banco Mundial e ao Fondo Monetario Internacional. Serán parvos estes centralistas! Pero de tirada en tirada velaí vai a privatización das caixas de aforro, desvirtuadas e previsibelmente con accións da banca privada, agora máis dona da soberanía que cataláns, vascos e galegos seica poñemos en perigo.
O Consello Xeral do Poder Xudicial non ten ningunha credibilidade. A xustiza é imparcial, cega, inválida. O caso Egunkaria é paradigmático, como o foi o de Egin, mentres o neofeixismo (de UPyD a Falanxe) afinca o seu espazo. A demagoxia, a despreocupación pola formación intelectual e do pensamento crítico, favorece a que unhas masas decote máis narcotizadas acepten as súas condicións de vida e non se amolen máis do debido cando falan dunha subida de horas laborais (propuxeron 65 horas semanais!), as propostas de alongar a xubilación (deica os 70 anos), a privatización de servizos sociais (saúde), conxelación salarial, o incumprimento e revisión dos convenios colectivos, a deslocalización... tanto ten! Se aquel cenáculo ourensán apadriñado por Vicente Risco existise acabarían por proclamar o suicidio como salvación da humanidade.
Pois é un problema político, xaora. É un enfrontamento entre poderes: o xudicial fronte ao lexislativo, o Constitucional que risca a cámara parlamentaria. Que foi daquilo da independencia e división dos poderes de Montesquieu? Vaia antigalla os principios fundacionais do constitucionalismo. Porén no canto de avanzar, a España brumosa decántase por retroceder. Involución política que continúa o ronsel deixado por José María Aznar. Involución que permitiu ao Xeneral Mena en 2006 aludir ao artigo 8 da constitución fronte ao Estatut. Que ninguén o esqueza.
A estrutura do Estado español está no chasis. A fórmula das autonomías chegou ao tope. A vía catalá, defendida tanto polo PP coma polo PSOE fronte á vía vasca de Ibarretxe, agora resulta ser inválida. A constitución é a eiva pois fai de contención da expresión popular de Cataluña, con máis dun millón de persoas nas rúas o 10 de xullo. Atreveranse en Madrid a falar de federalismo, reforma constitucional e reorganización territorial?
Préstalles moito mirar para Europa para compararse. Pois velaí que en Francia houbo unha reforma da constitución; en Italia e Portugal o debate está aberto ou en Inglaterra (que non teñen constitución) cada pouco hai pequenas matizacións da Lei fundamental. Poden ser boas ou más para os intereses da maioría social e das nacións sen estado mais o texto é debatido de novo.
As columnas do Estado español son decote máis fráxiles. Precisamente por non seren quen de afrontar a súa historia e baseala nunha negación daqueles que son minoría mais logo se volven imprescindíbeis na balanza da gobernabilidade do estado.
Non lles queda outra que acabar aceptando e respectando o que Cataluña decida. Sábeno como o souberon sempre, na República e denantes dela. Sempre foi así. Sempre foi a afirmación dos pobos para toparse coa negación do estado. Venceron democraticamente os primeiros porque houbo unha España que si foi sensíbel fronte a outra que acabou collendo as armas.
O nacionalismo catalán sairá reforzado, tremendamente reforzado. A Madrid só lle resta aceptar a decisión, o recoñecemento da autodeterminación ou agardar a que Cataluña non comece un proceso emancipador deica declarar, como Francesc Maciá en 1931, a República Catalá.Xurxo Martínez é licenciado en filoloxía galega e colaborou no xornal Vieiros até o seu recente feche. Foi membro destacado da FPG até 2009 e participou da comisión organizadora da Rolda de Rebeldia, que se celebrou em xaneiro de 2010.
Nenhum comentário:
Postar um comentário