Carlos Taibo, artigo tirado de aqui. Véxase tamém o seu espazo en rede www.carlostaibo.com
Nas liñas que seguen non hai ningún desexo de contestar o dereito que, feitas as excepcións que procedan, cadaquén ten a gozar do xeito que estime conveniente.
Se a alguén lle atrae a selección española e considera que pasar a tarde vendo un dos seus partidos é unha tarefa pracenteira, pois ben está. Imponse, con todo, sopesar hipercriticamente a trama xeral –os intereses, os enganos, as manipulacións– que rodeou esta xigantesca e ambiciosísima montaxe de "la roja".
Para asumir esa tarefa, e aínda a costa de comezar con argumentos moi manidos, o primeiro que hai que rescatar é o significado do panem et circenses, e en particular, nos tempos que corren, o que implica o do circo. Nada mellor para asoballar a cidadanía que aparvala cunhas ou outras atraccións. Nestes días non hai que ir moi lonxe para apontoar o argumento: aí están eses milleiros –millóns?– de mozos e mozas que encheron as rúas nas súas celebracións polos éxitos de "la roja" mentres prefiren ignorar o escenario laboral no que se moven –os que son miserabelmente explotados– ou no que non se moven –os que arrastran un paro de sempre–. Nas celebracións non faltou, ademais, certo cheiriño fascistoide e autoritario, e iso aínda que as xentes da miña xeración esteamos obrigadas a recoñecer que vemos demasiado axiña, detrás da bandeira roxigualda, adhesións que non están, sen dúbida, na cabeza de moitos mozos. O de "la roja" –falo agora da enxeñosa terminoloxía trenzada, da que forma parte o emprego da primeira persoa do plural á hora de dar conta das fazañas futbolísticas– fede, en calquera caso, como mensaxe icónica: como queira que non somos nada "rojos", polo menos compensarémolo no terreo dos símbolos.
As cousas, con todo, non quedan aí: hai que prestar cumprida atención á manipulación mediática que se rexistrou nos últimos días. Ten, se así se quere, dúas manifestacións. A primeira non é outra que unha fraudulenta reivindicación do colectivo fronte ao individual. De novo atopámonos co mesmo: nunha sociedade na que o colectivo foi manifestamente estigmatizado e arrasado podémonos permitir a reivindicación dos valores correspondentes, ben que nun terreo acoutado e con protagonistas principais nunha vintena de cidadáns que pelexaban por gañar nada menos que 600.000 euros –por cabeza– se gañaban o mundial. Que curioso é, por outra banda, que os mesmos medios de comunicación que enxalzaron a presunta condición colectiva de "la roja" prosigan na súa tarefa de canonizar heroes deportivos tan equívocos e individualistas, e tan vinculados co negocio e a publicidade máis abxecta –por que non prohibir, por certo, a publicidade realizada por famosos–, como Fernando Alonso ou Rafael Nadal. Lémbrese que o modelo que se propón non é outro que o do triunfador adobado de diñeiro nun escenario no que este último, e o negocio, aniquilan todo o que de saudábel pode haber no deporte.
A outra manifestación que anunciabamos remite a un emprego distinto do mito do colectivo: o que cobra corpo, dentro dunha complexa e conflitiva trama nacional, da man da postulación da existencia dunha identidade española común que, cabal, se levantaría simple, orgullosa e convincentemente fronte aos particularismos locais (e tamén, nunha dimensión máis sibilina, fronte ás identidades de millóns de inmigrantes). Cando antes falaba do cheiriño fascista e autoritario dalgunhas das algaradas rueiras dos últimos días estaba pensando en boa medida nas secuelas disto que acabo de sinalar. Rechamante resulta, en calquera caso, que mentres durante anos, e desde o nacionalismo español, reprochóuselles aos demais que empregasen o deporte –o fútbol en singular– como escudo identitario, agora os que entón se sentían agraviados boten man, sen rebozo, do mesmo procedemento.
Que o que rodea a tanta miseria é máis importante, nas súas consecuencias, do que poida parecer ben pode ilustralo o feito de que o virus alcanzou ós que –cabía supor– se achaban mellor protexidos. Baste un botón de mostra: o dunha convocatoria realizada en Madrid para a noite da final do Mundial. Na súa versión de sms rezaba así: "A roja é a miña selección, pero a rojigualda non é a miña bandeira. Celebra o mundial coa tricolor. Tráea á praza de Lavapiés o domingo despois do partido. Pásao". Creo que non se pode ser senón duro: lonxe de contestar toda esta merda, hai quen pensa que debemos sumarnos sen cautela a ela na certeza de que a bandeira tricolor resolverá maxicamente os nosos problemas. Líbrenos a providencia destes republicanos.
Deixo para o final a lembranza dunha última discusión interesante: a que nace das reiteradas declaracións de dirixentes políticos e empresarios que chamaron a atención sobre as presuntas consecuencias beneficiosas que, en termos de crecemento do consumo e de alegría produtiva, está chamado a ter o Mundial de fútbol. Supoño que o que os feitos nos din é que seremos máis felices gastándonos –colectivamente, iso si– uns euros máis en cervexas e en bandeiriñas, e traballando con singular animosidade en proveito dos resultados empresariais, que atendendo á resolución deses pequenos problemas que teñen, ao parecer, unha minoría dos nosos concidadáns... "Canta e se feliz", como rezaba unha vella e profunda canción de Peret. Deixo para outro día –non toca hoxe– a consideración de que pouco ten que ver co noso benestar o consumo, hilarante e insustentábel, ao que a miúdo nos entregamos e que tanto celebran os nosos gobernantes.
Nenhum comentário:
Postar um comentário